Berta Varela Garcia

Son a típica rapaza inconformista, loitadora, positiva, esixente e traballadora, pero o adxectivo que me define por excelencia é o de aventureira, adoro os retos, os desafíos, os perigos...e sobre todo adoro a vitoria unha vez conseguidos.

Historial

2. Introdución: Revisión

Como se constata mediante a fotografía da portada vou continuar coa metáfora empregada o ano pasado na materia de “Tecnoloxía Educativa”, vou continuar con ese camiño que percorro subida a unha moto. Porque unha moto? Tal como deixo ver mediante o meu perfil, son unha gran forofa desta máquina, motívame, fai que me interese polos camiños que vou construíndo co decorrer das rutas a través das diversas e tan singulares paisaxes. Neste senso, é onde establezo o símil con esta materia, constrúo os meus coñecementos en función do meu interese e da motivación de cara ós mesmos, vou conformando un camiño segundo as miñas experiencias e indagacións, segundo esas paisaxes e vistas.

image

            Nesta materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” a moto é diferente á do ano pasado, é unha moto máis potente, máis rápida, máis acostumada a andar pola carretera, ou como dicimos en linguaxe “moteira”, máis acostumada “a rodar”. É aquí o sucedido este ano coa rede social do “Stellae”, manexeina con máis rapidez, xa sabía montar en moto, xa sabía manexarme na rede social, xa coñecía os meus riscos segundo a miña experiencia do pasado.

            Pero o que caracterizaba o meu camiño era sen dúbida o mesmo aspecto que o ano pasado, a liberdade, ese ir a onde eu desexara, ese sentimento que nos invade unha vez nos sentamos no asento desta gran máquina, ese sentimento que nos invade cando desexamos descubrir coñecemento, indagar, profundizar en diversos aspectos, recorrer diversas rutas, diversa xeografía.

            Comecei o meu recorrido pola rede social ó carón dos meus compañeiros, moitos tiñan os mesmos intereses ca min, configurabamos conxuntamente un sendeiro común, pero coas características singulares de cadaquén, xa que como sabemos non todos conducimos de igual modo, algúns mellor, outros peor, a uns interésalles máis aforrar gasolina e non gozar a tope descargando adrenalina, outros en cambio prefiren, esforzarse, gastar pista, conducir e conducir para acadar aquel traxecto no que máis nos sintamos a gusto, no que máis disfrutemos da paisaxe.

            As rodas poñíannos en marcha, ó igual que a nosa profesora da materia, sen elas non poderíamos crear un camiño, non teríamos posibilidade, nin principio lóxico, pode ser que “mancáramos” a moto cos intentos de poñela en acción, pode ser que os coñecementos que construíramos non tivesen un fundamento clave.

            Cando a noite se deixaba ver, cando todo semellaba escuro para nós, acendíamos as luces, estas guiábannos no noso proceso de descubrimento, o interese é a nosa luz nesta rede social, el é o que media entre os coñecementos xa formados e aqueles propios e nosos que aínda temos que levantar, seguir esa luz faranos únicos, faranos orixinais, ninguén posúe a mesma luz no seu interior, ninguén posúe as mesmas luces na súa moto, ninguén levantará os mesmos coñecementos.

            Tamén debo indicar que construín varios sendeiros comúns e especiais con 4 compañeiras de aventuras (Patricia Romero, Kely Torres, Silvia Serén e Marta Valcárcel), xa que nos acompañábamos conxuntamente ata chegar a aquel lugar que desexábamos todas, unindo perspectivas sobre que lugar sería o mellor, sempre barallando as diversas visións e intereses de cada unha. Estes traxectos formados grazas a este grupo foron moi enriquecedores para min, tomei constancia de moitos paraxes que, eu soa nunca visitaría.

image

            Deste xeito, e con ilusión, rematamos esta viaxe, realizamos un camiño longo e con numerosas curvas, atopámonos con varias dificultades como o mal tempo, choiva, neve, dificultades para organizar o tempo e levar a cabo a viaxe, pero ante todo isto, hoxe e nestes intres, podo dicir que a paisaxe é fermosa. A meta acadada en base ó noso esforzo, ás nosas expectativas e ganas consolidaron un coñecemento sólido, caracterizado polas reflexións, as experiencias, as indagacións, a motivación, o interese, a liberdade. Espero subir a miúdo á moto, espero recorrer frecuentemente moitos sendeiros, espero seguir descubrindo, non só para producir a mellora óptima nas maniobras coa moto, senón tamén para seguir experimentando sensacións ó quedarme anodadada ante os diversos panoramas, fortalecendo o meu desenvolvemento integral como persoa.