Alma Branduas Dosil

"A violencia é o último recurso do incompetente". Asimov

Historial

5. Paso 4. Cocción a lume lento.: Revisión

    Os ingredientes mencionados en páxinas anteriores deben ser cociñados a lume lento, non cabe esperar milagres nin apócemas instantáneas, senón que de acordo con Domingo (2010) e Echeita e Rodríguez (2005)  os procesos de cambio son o resultado de multiplicidade de accións e factores que se interrelacionan no contexto escolar.


image

   Por este mesmo motivo, debemos combinar os ingredientes antes citados na súa xusta  medida e procurarlles un proceso de elaboración lento, que permita a fusión de sabores, deixando eses alimentos de constituír unha realidade con entidade propia para pasar a formar parte insubstituíble no guiso final.

   Durante o tempo adicado á cocción deste guiso, podemos apreciar como os alimentos se van transformando, abandonando a súa apariencia inicial para adoptar outra, en ocasións ben diferente. Estas variacións pódense asimilar ás diferentes acepcións de curriculum. Desta maneira, non existe unha definición única, senón que habería que diferenciar diversas clasificacións. por exemplo, pódese citar o curriculum oficial (que é formal, manifesto, prescrito e explícito), o nulo (caracterizado por ser excluído e ausente) e o oculto (que é implícito, latente e non escrito).

    Por outra banda, Gimeno (1988) realiza outra clasificación do curriculum atendendo á súa praxe, que diferenza entre o curriculum prescrito, o presentado aos profesores, o modelado por estes, o curriculum na acción e o avaliado. Ademais, este desenvólvese a través das tarefas, que son un contido da práctica a abordar de diferente forma.

    A maiores, e de acordo con Hargreaves (1996), é preciso ter presente a necesidade de tempo, paciencia, humildade, significación, colaboración, apoio na práctica e tradición, que son condicións relacionadas coas actitudes e habilidades das persoas e que só estas fan posible que o curriculum se vexa salpicado polas primeiras.

    Esta información aparece recollida e desenvolta no arquivo correspondente ao diario de clase no que se tratou sobre o curriculum: http://stellae.usc.es/red/file/view/47114/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-vi

     Por outra banda, este longo proceso de cocción do guiso que precisa o asesoramento é necesario tanto para garantir un bo resultado final como para poder corrixir determinados aspectos que consideremos oportunos. Por exemplo, nun guiso, poderemos rectificar o seu punto de sal ou incorporarlle algunha especia que lle aporte unha graza especial. Estas modificacións están presentes no currículo mediante medidas como as Adaptacións Curriculares e os Programas de Diversificación curricular, que aparecen explicados no arquivo elaborado polo grupo de traballo do que formo parte “Psicopedagogas viaxeiras”: http://stellae.usc.es/red/file/view/50778/acs-e-pdc-das-propostas-de-atencin-diversidade

    Neste arquivo explicamos que medidas educativas se poden levar a cabo na escola para facilitar o acceso ao curriculum ordinario a aquelas alumnas e alumnos que así o necesiten e o papel da orientación educativa para a atención das necesidades específicas de apoio educativo.

    Para isto, a nosa lexislación educativa diferenza entre medidas ordinarias e medidas extraordinarias de atención á diversidade. As primeiras son aquelas que facilitan a adecuación do curriculum prescritivo sen supoñer unha alteración dos elementos prescritivos deste (obxectivos, contidos e criterios de avaliación, mentres que as segundas requiren unha alternación destes elementos, e aplicaranse unha vez esgotadas as anteriores ou foran consideradas como insuficientes. Entre as medidas ordinarias de atención á diversidade atopamos a adecuación da estrutura organizativa do centro, a adaptación de tempos, instrumentos ou procedementos de avaliación, o desdobramento de grupos, ..., mentres que as medidas extraordinarias está representadas polos agrupamentos flexibles, os programas de cualificación profesional inicial, as adaptacións curriculares e os programas de diversificación curricular, entre outros.

    Tanto as adaptacións curriculares como os programas de diversificación curricular teñen como finalidade atender ás necesidades educativas dunha alumna ou alumno motivadas por unha necesidade específica de apoio educativa (podendo ser a existencia dunha necesidade educativa especial, dificultades de aprendizaxe, risco de exclusión social, etc.). De acordo con Castaño (2011), as adaptacións curriculares deben constar de:

- Datos de identificación.

- Propostas de adaptación significativa do curriculum.

- Medidas de apoio.

- Criterios de avaliación e promoción.

- Acordos tomados.

- Colaboación coas familias.

- Profesionais implicados.

- Aspectos didácticos, como os recursos empregados.

   Pola súa parte, os programas de diversificación curricular precisan para a incorporación do alumnado unha serie de condicións: non ter promocionado en ao mesmo un curso, ter un rendemento escolar moi baixo ou estar en risco a obtención do título de graduado en educación secundaria pola vía ordinaria.

  Un dos obxectivos dos programas de diversificación curricular é evitar o abandono prematuro da escolarización, aínda que de non ser suficiente esta medida, podemos tomar de exemplo o caso de Soledad, unha adulta que retomou con grande entusiasmo os seus estudos, tal e como amoso neste blog: http://stellae.usc.es/red/blog/view/41424/soledad-quere-aprender-a-escribir-o-seu-nome

    No último diario de clase (http://stellae.usc.es/red/file/view/52341/caderno-de-bitcora-dunha-psicopedagoga-en-formacin-vii) amósase cal é o proceso para a elaboración de Adaptacións Curriculares, as funcións que os asesores e os docentes teñen neste proceso e unha pequena pincelada de como se desenvolve o asesoramento nos Programas de Diversificación Curricular.