1. Introdución. O obxectivo a Reconceptualización: Revisión

1. Introdución. O obxectivo a Reconceptualización

Última actualización de en Uxía Cuba Veiga

Reconceptualización

“No asesoramento, aprender significa reorganizar as nosas interpretacións, modificalas, facelas máis sofisticadas e en consecuencia ser capaces de abordar realidades tamén máis complexas e cun maior número de matices.”

Comparto este fragmento dun texto de Isabel Solé (1998) que me chamou a atención buscando o termo asesoramento entre os materiais de materias pasadas. Penso que a idea que nel se presenta conecta á perfección co espírito desta materia pois, como se comentou nos primeiros días de clase ao presentala, está baseada na reconceptualización, é dicir na reestruturación dos nosos esquemas de coñecemento para convivir con novas realidades en continuo cambio.

Así comezaban as miñas reflexións por escrito arredor da práctica asesora e a materia que nos ocupa. Hoxe, a piques de rematar o cuatrimestre sigo mantendo a miña opinión, nun momento no que me dispoño a dar un dos pasos máis importantes nesta reconceptualización: o de ser capaz de comunicar aos demais o vivido, o proceso de aprendizaxe tal como se foi desenvolvendo no meu interior.

Todo o que aprendín e compartin ten un sentido para min. Cada unha das entradas, cada un dos comentarios feitos na aula relaciónanse teñen un significado, un fío conductor, máis ben unha maraña de fíos conductores enredados cun certo orde e desorde ó mesmo tempo.

Parece non ter sentido o que digo pero para min teno e o meu propósito a partir de agora é tratar de compartilo mediante este e-porfolio. Non sería propio de calquera das profesións do ámbito da educación conformarse con aprender e ter claros determinados conceptos na estrutura mental propia, pois a nosa misión e ser capaces de transmitir ós demais, de ser bos comunicadores. Para comunicar o que eu vivín, o que aprendín, é necesario mirar atrás e reorganizalo tratando de ser clara e o máis fiel posible á realidade.

Introduzo así este "producto", un produto que espero me permita acreditar os procesos que se foron desenvolvendo na miña estrutura mental, procesos que para min poderían ser suficientes, pois supoñen a miña aprendizaxe, pero que a ollos dos demais pode que sexan inperceptibles, canto menos, se os comparamos co rexistrado por escrito, algo que tamén pode resultar beneficioso para o feedback ou a retroalimentación.

Como xa dixen, os diferentes elementos do que aprendín forman un entramado bastante complexo ó que tratei de darlle forma evitando simplificar en exceso, pois moitas veces cometo ese erro, simplifico realidades que percibo como complexas á hora de falar cos demais, supoño que por medo a non saber manexar esa complexidade.

Se tivera que escoller un fío conductor en todo ese entramado, decantaríame pola idea de que o asesoramento é un elemento dunha realidade máis ampla, a educación,que inflúe en e está influída por esta prácica. É dicir, son elementos que van sempre da man e evolucionan ou involucionan xuntos. Se algo caracterizou a miña aprendizaxe ou reconceptualización foi que nunca perdín de vista este pensamento e por iso, moitas das miñas aportacións a á rede social ou á propia clase refírense á educación en xeral, e aínda hoxe en día non chego a percibir unha distinción clara entre conceptos como asesoramento e orientación.

A educación é o fío conductor, entender o asesoramento non como unha práctica illada, senón como algo enmarcado noutro algo máis amplo. Neste sentido os tan citados conceptos de comunidade de aprendizaxe, colaboración, currículo, etc. cobran un significado na práctica asesora.

Así, esta reorganización da miña actividade na rede social basease en tres bloques:

  • Un primeiro no que agrupo aquelas entradas ou archivos dedicados, por dicilo dalgunha forma, ao asesoramento máis "puro", entendendo por purificar o feito de aillar esta práctica para o seu estudo científico, na medida do posible pois na realidade este illamento é impensable.
  • Un segundo bloque no que inclúo as miñas reflexións sobre o artigo de Jesús Domingo Segovia, xa que supuxo un punto de inflexión na miña aprendizaxe con respecto o asesoramento e, na miña opinión "enlaza" en certo modo o bloque anterior co seguinte.
  • Un último bloque ó que vou denominar como o "caixón de xastre" no que se inclúen aqueles eixos transverais que atravesan tanto a práctica asesora como a educación en xeral. Algúns deles como o currículo, a colaboración, as relacións profesores-asesores e a atención á diversidade foron traballadas con profundidade na materia. En cambio, tomeime a liberdade de ir incluindo outras que foron comentadas por enriba pero que teñen unha consideración especial pola miña parte. Trátase da creatividade, as emocións, a comunicación e a innovación.

O lector deste e-porfolio darase conta de que moitos destes eixos transversais son unha meta bastante afastada se seguimos avanzando na dirección cara a que está avanzando o noso sistema educativo. Sería hipócrita dicir que se equivoca. En cambio, remito unha vez máis, xa para rematar esta introdución, o seguinte pequeno texto de Eduardo Galeano:

La utopía-Eduardo Galeano

"La utopía está en el horizonte. Camino dos pasos, ella se aleja dos pasos y el horizonte se corre diez pasos más allá. ¿Entonces para que sirve la utopía? Para eso, sirve para caminar."