Lara Villar Núñez

Considérome unha persoa alegre, optimista xa que habitualmente lle intento ver o lado positivo as cousas e bastante responsable.

Historial

1. INTRODUCIÓN: Revisión

INTRODUCIÓN

Asesoramento curricular a centros e profesores é unha materia obrigatoria, de seis créditos, contemplada no plan de estudos no 1º cuadrimestre do 5º curso da Licenciatura en Psicopedagoxía.

Tal e como aparece no programa, vemos que coa introdución da mesma pretendían responder á necesidade de preparar aos futuros/as psicopedagogos/as para realizar funcións tanto de axuda como de apoio profesional ao profesorado e aos centros educativos no proceso do ensino e desenvolvemento do currículo para a atención á diversidade. 

No programa tamén se nos di que a consideración dos/as psicopedagogos/as como axentes de apoio interno (ou externo) ao profesorado e aos centros educativos nas tarefas de desenvolvemento curricular non foi un foco de atención nos modelos e prácticas de asesoramento polo que se nos adianta que é un reto afrontalo e para o que deberemos adoptar unha actitude de experimentación cara a unha proposta curricular aberta e revisable a través da análise crítica das experiencias anteriores.

Nel, sinalábase ademais que a metodoloxía de traballo estaría orientada en torno a tres principios:  a non substitución dos/as estudantes,a interacción teoría-práctica e a diversidade metodolóxica.

Así pois tan so lendo o programa desta materia tiven a sensación de que nela nós íamos ser os construtores do noso propio coñecemento: indagando, contrastando a información, facendo buscas de información relevante, etc. intentando acadar polo tanto unha aprendizaxe autónoma e significativa.

As miñas expectativas cumpríronse cando na primeira clase a mestra nos explicou cal ía ser a metodoloxía de traballo. Lourdes dicíanos que sería o “learning by doing”, aprender facendo, algo que considero esencial. Se ben é certo que supón un esforzo engadido, seguindo os presupostos construtivistas cos que estou de acordo, a auténtica aprendizaxe significativa tan só se consegue facendo por un mesmo, construíndo un mesmo os propios coñecementos. Cómpre sinalar que nesta primeira sesión tiven sentimentos contrastados; por un lado emoción de enfrontarme a un novo reto como era para min publicar día a día o meu traballo e as miñas reflexións e documentos na rede Stellae para, finalmente publicar o e- portafolios e, por outro certo medo xa que aínda que me gustan as novas tecnoloxías esta forma de traballo era completamente nova para min. Aínda así comecei con moitas ganas e optimismo, algo que me caracteriza.

As miñas primeiras impresións aparecen tamén na entrada do blog: http://stellae.usc.es/red/blog/view/40285/primeiras-impresins-rede-social-stellae

 

Que é o e-portafolios?

Como o e-portafolios era algo descoñecido para min decidín informarme antes de adentrarme de cheo na súa construción para así poder saber que significaba, que posibilidades ofrecía e que desvantaxes supoñía o seu uso.

Isto podédelo ver no seguinte arquivo:   PORTAFOLIOS DIXITAL

 

imageGrazas a esta información buscada e ás notas de campo tomadas na sesión do 25 de Setembro sei que o portafolios dixital, tamén chamado e-portafolio, web-Folio, entre outros, é unha ferramenta de traballo na cal, como di Sutherland y Powell (2007), se fai unha colección de artigos dixitais (ideas, probas, reflexións, comentarios,…) que se presentan como evidencias de aprendizaxe e/ou capacidade dunha persoa. Ademais tamén sei que pode haber diferentes clasificacións dos portafolios e afondei na proposta por Bullock e Hawk (2000), o cal diferenza entre: portafolio de procesos, de produtos e de mostras. Cómpre destacar que esta ferramenta posúe numerosas vantaxes xa que promove a aprendizaxe autónoma e significativa, incita á motivación e á reflexión e os seus contidos poden modificarse e compartir con outras persoas de forma rápida e sinxela.

 

Como vou organizar o e-portafolios? 

Tendo en conta que a materia está estruturada en tres bloques temáticos:

  1. Psicopedagogos/as e contextos de asesoramento. Os significados do asesoramento. Modelos de asesoramento. Asesoramento e Orientación. A construción do rol do/a asesor/a. Medidas de atención á diversidade e desenvolvemento do currículo. Desenvolvemento curricular, profesional e institucional. O psicopedagogo/a: un profesional xunto a outros profesionais no marco da institución educativa.
  2. Profesores/as e asesores/as.

Profesores/as e asesores/as: percepcións mutuas. Profesores e profesoras ¿que profesionais?. A profesión docente: algunhas claves. A colaboración profesores/as e asesores/as. Culturas profesionais, socialización profesional e construción da identidade. Modelos de desenvolvemento profesional. Os centros educativos ¿espazos para o desenvolvemento profesional do profesorado e dos asesores/as.

3. Procesos e ferramentas para o desenvolvemento curricular na atención á diversidade.

Proxectos Educativos, Proxectos Curriculares, Programacións de Aula, Adaptacións Curriculares, Programas de diversificación curricular e de Cualificación profesional inicial.

No meu e-portalofios seguirei esta estrutura xa que coincide tamén co desenvolvemento das distintas sesións de clase, e considero que deste xeito terá unha maior coherencia e estruturación.

 

Cal vai ser o fío condutor do meu e-portafolios? 

imageO fío condutor do meu e-portafolios vai ser a viaxe, grazas a beca mec, a Nova York. Decidín facelo sobre esta viaxe xa que foi algo moi significativo para min e creo, que con bastantes parecidos xa que en ámbolos dous casos me adentrei nun reto con ganas e ilusión tentando conseguir un obxectivo común: unha aprendizaxe tanto para a vida como para o ámbito profesional. A estrutura que vou seguir, aparece mostrada a continuación:

1º. IDEAS PREVIAS SOBRE O QUE É VIAXAR E VIAXES FEITOS ANTERIORMENTE ---> DE ONDE VEÑO? PINCELADAS SOBRE O ASESORAMENTO.

O primeiro que para min foi necesario para poder levar a cabo unha viaxe en solitario durante tres semanas foi recompilar información de viaxes realizadas con anterioridade, por pequenas que foran, para poder ir tomando conciencia do que significaba e do que sería necesario. Polo tanto tiña que mudar a vista atrás, ao pasado, facer un flashback e rememorar que fixera para facelas.

Isto mesmo tiven que facelo co asesoramento, pensar no de onde veño? Que sei eu sobre o asesoramento? En que materias da miña formación académica me falaron sobre isto? Ver, polo tanto, os meus coñecementos previos sobre o tema antes de afondar máis nel, tendo unha partida.  

2º BUSCA DE INFORMACIÓN SOBRE O NECESARIO PARA A VIAXE: BECA MEC  --->   ASESORAMENTO, ESCENARIOS e AXENTES

O segundo que precisei foi informarme sobre o que tiña que facer para poder levar a cabo esa viaxe: recadar información polo tanto sobre os trámites que debía facer (pedir a beca no prazo correspondente, estar atenta sobre cando saía a resolución para que non se me pasara o prazo para aceptala ou para facer alegacións, mirar información sobre os diferentes destinos para logo poder tomar unha decisión, etc).

Isto mesmo me foi necesario facer nesta materia. Unha vez afondado e analizado os meus coñecementos previos o seguinte paso correspondíase con recoller información sobre que era o asesoramento, que axentes actuaban nel e en que escenarios, cales eran os seus campos de acción.

 

3º. TER CLARO O OBXECTIVO DA VIAXE, AS TAREFAS QUE DEBÍA DESEMPEÑAR ---> FUNCIÓNS DO ASESOR

Logo, cando me deron a resolución, o que tiven que facer foi elixir destino e isto fíxeno tendo en conta cal era o meu obxectivo, cales ían ser as miñas tarefas no punto de destino: aprender inglés, a socializarme, adentrarme nas distintas culturas, coñecer, etc.

Como podemos ver isto é extrapolable ao asesoramento xa que, como futuros psicopedagogos/as, tamén é necesario ter claro cales son as tarefas que temos que desempeñar, que funcións se nos encomendan.

 4º BUSCAR O VOO, AS CONEXIÓNS E DESCONEXIÓNS --->            ASESORAMENTO E ORIENTACIÓN

Logo tiven que buscar o voo e o aloxamento. Tiven que adentrarme xa de cheo na viaxe e comezar a contrastar e comparar distintas axencias para poder contratar algo que fose viable.

Nesta parte do viaxe o que fixen foi polo tanto contrastar e clarificar e, isto tamén o tiven que facer no asesoramento. Ver cales eran as similitudes e diferenzas entre asesoramento e orientación e entre modelos de asesoramento e de orientación. Refírense ao mesmo? Ou un abarca máis campo que outro?

 

5 QUE ERA PRECISO RECEN CHEGADA A NY?  COLABORACIÓN E RELACIÓN ---> NECESIDADE DE ASESORAR BAIXO A MIRADA E A PRÁCTICA DA COLABORACIÓN 

Unha vez contratada a viaxe, recen saída das 8 horas de avión Vigo-Madrid, Madrid-Nova York e chegado ao meu punto de destino necesitaba relacionarme, ter un apoio co que poder traballar man a man durante as clases na academia de Education First, co que poder indagar e recorrer nesas 3 semanas a pequena gran mazá, co que poder compartir coñecementos e reflexións sobre a experiencia, etc. Necesitaba, por tanto, un grupo de persoas cómplices coas que compartir obxectivos e vivencias comúns, coas que reflexionar e axudar, e as cales me axudaran a min, etc. Necesitaba relación e colaboración.

Isto mesmo é preciso no asesoramento, necesitamos colaboración, sen ela non hai cambio, non hai mellora, non hai, polo tanto, progreso. 

 

6º INDAGAR ---> PERCEPCIÓNS SOBRE AS RELACIÓNS.

Para poder establecer ese clima de confianza e de colaboración unhas con outras nesa viaxe, para ser esa “gran familia”, “piña” na que nos convertemos, tivemos que primeiramente coñecernos e en certa medida ver cales eran as nosas percepcións, unhas das outras.

Neste senso, un aspecto que considero de gran relevancia no asesoramento e ter en conta todas as percepcións que hai no tocante as relacións entre asesores e mestres. Temos que afondar sobre cales son as nosas propias percepcións e as deles para poder lograr que haxa unha auténtica colaboración e traballo conxunto entre ámbolos dous axentes.

 

7º INDAGAR E INVESTIGAR. DISTINTAS VIAXES ---> ATENCIÓN Á DIVERSIDADE.

Unha vez establecido ese clima de confianza e de colaboración o seguinte que fixemos foi recorrer e camiñar polas distintas paraxes de New York, coñecer o representativo para o cal foi preciso que todas puxésemos en común que era o que queriamos visitar, con que finalidade. Tiñamos que, programar  o noso planing de viaxes durante esas tres semanas entre as catro, compaxinando os distintos horarios de clase e as preferencias de cada unha.

No asesoramento, a través dun traballo conxunto, temos que indagar e construír as ferramentas necesarias para a atención a diversidade: as adaptacións curriculares, os programas de diversificación curricular e os programas de cualificación profesional inicial, entre outros.

 8º. ATA SEMPRE ---> CONCLUSIÓNS E REFLEXIÓNS.

Unha vez rematada a viaxe saquei as miñas conclusións e reflexionei sobre ela, que fora o que aprendera, en que me axudou, que problemas tiven ou puiden ter, cales puideron ser os inconvenientes, etc.

Para min isto é vital para poder medrar como persoa e tamén para poder progresar e que realmente se dea unha aprendizaxe significativa. Por iso considero necesario rematar este e-portafolios tamén cunhas conclusións e reflexións finais sobre o que me aportou esta materia, a forma de traballo, con que problemas me atopei, etc.

 9º BIBLIOGRAFÍA e WEBGRAFÍA

Rematarei sinalando cales foron as miñas fontes, en que me baseei.

 

Así pois, logo desta introdución, poñereime mans a obra para poder levar a cabo esta viaxe baixo o lema:

 TOGETHER, WE CAN CHANGE!

image

 Viaxar é pararse ao borde dun mundo e aí ver máis, o seguinte, abrir as miras.