Lara Villar Núñez

Considérome unha persoa alegre, optimista xa que habitualmente lle intento ver o lado positivo as cousas e bastante responsable.

4. TER CLARO O OBXECTIVO DA VIAXE, AS TAREFAS QUE DEBÍA DESEMPEÑAR: FUNCIÓNS DO ASESOR/A: Revisión

4. TER CLARO O OBXECTIVO DA VIAXE, AS TAREFAS QUE DEBÍA DESEMPEÑAR ---> FUNCIÓNS DO ASESOR/A

Logo de informarme sobre todos os trámites que debía cubrir para poder solicitar esta beca de estudos no estranxeiro e, cando me chegou a resolución conforme me aceptaban como beneficiaria da mesma, o que tiven que facer foi elixir un destino de entre todos os que me ofrecían e isto fíxeno tendo en conta cal era o meu obxectivo, cales ían ser as miñas tarefas no punto de destino: aprender inglés, a socializarme, adentrarme nas distintas culturas, coñecer, etc.

Como podemos ver isto é extrapolable ao asesoramento xa que, como futuros psicopedagogos/as, tamén é necesario ter claro cales son as tarefas que temos que desempeñar, que funcións son as que se nos encomendan.

 

Neste senso primeiramente cabe sinalar que as funcións que aparecen a continuación e nas cales afondei van máis ala das que son propias ou se lle asignan ao asesor/a polo que a continuación reflectirei un mostrario de posibles tarefas a desempeñar, tratando de facer fincapé no momento actual no cal se fai palpable a necesidade dun cambio cara a mellora da educación e na cal, o asesor ten un papel relevante, é un axente crucial.

Esta aproximación ás funcións podédela ver no seguinte arquivo: FUNCIÓNS DO ASESORAMENTO

Seguindo as ideas de Domingo Segovia máis que asesores do que se trata é de que se de apoio mutuo nas comunidades de aprendizaxe. El mesmo di que o lugar do asesor se ve invadido e debe ser reconstruído traballando codo co codo co profesorado. Esta é unha idea que eu comparto xa que considero que nese traballo conxunto é onde se pode dar o cambio, o que fai que ámbolos dous profesionais poidan reflexionar, compartir experiencias e aprender en conxunto.

Algo que tamén comparto con este autor é a idea de que o asesor ten que:

Saber asumir que, sexa cal fora a tarefa ou función prioritaria encomendada, esta tense que poñer sempre ao servizo dunha filosofía de cambio na que o centro é a unidade básica e principal axente do seu cambio e mellora, fronte a cal só cabe axudar, facilitar e mediar na medida do estritamente necesario para que dito proceso se desenvolva e manteña no tempo produtivamente.

 

Cales son as funcións do asesor/a?

Domingo Segovia clasifica as funcións do asesor atendendo aos ámbitos de acción:

1)     COMUNICACIÓN E COÑECEMENTO

image 

En relación a esta dimensión e seguindo as aportacións de Marcelo, os asesores deben ter certas habilidades:

  •  Establecer e manter unha comunicación aberta, cunha linguaxe comprensible e un discurso vinculado a situacións da práctica e que retome a propia voz dos mestres, para o que se debe saber escoitar.
  •  Influencia mutua, permeable a necesidades e sentimentos pero tamén con certa distancia profesional para non caer atrapado nas redes culturais ou micropolíticas, comprender e poder axudar con obxectividade de forma crítica.
  •  Clarificación de expectativas, discutir, aclarar, negociar, transixir, ofrecer e obter compromisos.
  • Lexitimidade e credibilidade do asesor: ofrecer certos recursos e logros concretos sen que iso limite o seu papel nin desprofesionalice ao grupo.

 

2)     APERTURA DO CAMPO OU CONTACTO INICIAL

Seguindo as ideas de Area e Yanes (1990) nesta fase a función principal consiste en que o profesorado se implique nun proceso de innovación e que se perciba ao axente de apoio como alguén necesario e facilitador do cambio. Sinala como funcións ou tarefas imprescindibles:

  • Negociar e redefinir o rol e funcións do asesor.
  • Facerse nativo (colega)
  • Participar activamente na construción e o mantemento produtivo de redes.
  • Alcanzar acordos e compromisos de colaboración.

3)     EN FUNCIÓN DO MOMENTO DE DESENVOLVEMENTO DUNHA INNOVACIÓN

Seguindo a Nieto (1996), este sinala as funcións de apoio e liderazgo nas diferentes fases de calquera proceso de innovación.

Así pois na fase de innovación, entre outras sinala como funcións valorar as necesidades, as capacidades e os recursos, establecer metas claras, obxectivos e espectativas, asignar roles e responsabilidades, etc. Na fase de desenvolvemento sitúa como funcións proporcionar formación e apoio para a resolución de problemas prácticos e avaliar os resultados da posta en práctica e por último na fase de institucionalización propón como funcións ou tarefas adquirir novos recursos e materias, formar a novos profesores, etc.  

 

4)     NUN PROCESO DE RESOLUCIÓN DE PROBLEMAS.

Seguindo as aportacións de Tejada (1997), este defende un modelo de asesoramento relacionado cos procesos de resolución de problemas e propón como funcións, entre outras: a facilitación de información, de recursos, a comunicación, etc.

 

5)     FUNCIÓNS DO ASESOR PARA POTENCIAR PROCESOS DE APRENDIZAXE ORGANIZATIVO.

Seguindo as aportacións de Pearn e outros (1995), para o desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe organizativa é necesario que o asesor/a desenvolva as seguintes funcións:Examinar o estado de aprendizaxe dunha organización para o que é moi importante xerar un clima de confianza para iniciar ese proceso cara a mellora. Como o podemos facer?

  • Movilizando os propios recursos do centro e os do asesoramento.
  • Discutindo, clarificando e negociando ata chegar a un consenso.
  • Pensar en que situación se está e a onde se quere ir dende a revisión e a valoración colectiva.
  • Identificando, clarificando e priorizando necesidades, problemas e actuacións.
  • Poñéndose de acordo na selección do ámbito de mellora sobre o que se quere traballar.

à Idear conxuntamente un plan de implementación que determine:

  • As responsabilidades e as tarefas.
  • Os cauces de participación e implicación.
  • Os tempos e foros de autorrevisión e debate.
  • Os recursos, apoios e as accións que van estimular e manter os cambios.
  • Crear ou rediseñar os grupos que se van ocupar das tarefas específicas.
  • Redefinir roles e reorganizar o traballo.
  • Axudar a xestionar a aprendizaxe.
  • Dotarse de estratexias e instrumentos para incrementar a aprendizaxe.

 

6)     DENTRO DUN PROCESO DE AUTORRECONSTRUCCIÓN ESCOLAR.

image 

A continuación aparecen algunhas funcións e habilidades necesarias para a labor asesora dende o enfoque da formación en centros, seguindo as aportacións de Guarro e Hernández (1998) e Bolívar (1999). Cómpre citar que estas aparecen clasificadas atendendo ás diferentes fases do proceso de asesoramento: 

FASES DO PROCESO

FUNCIÓNS DO ASESOR/A

 

Contacto inicial e construción dunha produtiva relación de traballo.

  • Saber entrar no grupo e dinamizar nel os procesos de empatía e de traballo colaborativo intra grupo e co asesor.
  • Clarificación, negociación, consenso, dotarse de aliade e facerse un máis.
  • Contextualizar, racionalizar e superar posibles resistencias.

 

 

Autorrevisión, identificación e priorización de necesidades

  • Formación do profesorado en técnicas de autoavaliación.
  • Revisión das prácticas do centro, diagnóstico de necesidades e priorización das mesmas.
  • Actuar de espello clarificador e amigo crítico que fomenta a comprensión da información relevante.
  • Selección e creación conxunta de argumentos, visións, categorizacións, etc.
  • Axudar a que no centro se dean procesos de identificación, clarificación e priorización de necesidades e problemas.
  • Dinamizar, apoiar e participar en debates e accións de compartir e comunicar información relevante.
  • Integrarse de maneira prescindible, permaenten e igualitaria no equipo.

 

 

 

 

Planificación

da acción.

  • Movilizar ideas, discutir, deliberar, etc cousas relevantes para que queden en forma de compromisos asumibles.
  • Asesor ao equipo para que asuma pequenos pero arraigados e realistas procesos de mellora e non grandes documentos de intencións irrealizables.
  • Promover o intercambio de coñecementos, recursos, información, etc e facilitar o acceso a novas fontes.

 

 

Desenvolvemento e seguimento do plan de acción.

  • Amigo crítico que estimula e promove procesos reflexivos e de debate sobre o que pasa no día a día e a súa posible mellora.
  • Capacitación e ofrecemento de información, recursos, estratexias e procedementos de recollida e interpretación de evidencias acerca das solucións postas en marcha.

 

Avaliación e selección de novos ámbitos de mellora.

  • Dotación de modos de avaliación, discusión e autorrevisión (criterios, prioridades, etc.)
  • Estimular a xeración de novos ciclos reflexivos ou procesos de mellora.

 

 

Que problemas hai en relación coas funcións encomendadas?

Hai unha sobrerregulación e sobrecarga de funcións encomendadas. As tarefas que teñen que desempeñar os asesores e que absorben a maior parte do seu tempo de traballo son funcións burocráticas e de xestión. Ademais segue a haber unha escasa dotación de plantilla, de profesionais

Isto fomenta que se creen metáforas en torno á figura do asesor/a como as de traballador/a do milagro, valedor/a de situacións desesperadas, apagafogos.

 

Que ideas clave se poden sacar destas tarefas? Como debe actuar o asesor/a ao longo do proceso de asesoramento? Que debe saber?

  • A labor primordial dos asesores/as é asesorar, asistir e apoiar os procesos de desenvolvemento e isto require certas habilidades e asumir un claro matiz de compromiso ético e moral coa mellora.
  • Os centros educativos son os verdadeiros espazos de traballo e formación do profesorado e, polo tanto, son escenarios clave nos que se articula a mellora da educación. Isto implica a necesidade de contextualizar, validar e reconstruír as funcións de asesoramento nestas institucións.
  • Ser equilibrista.
  • Dar tempo ao tempo, non querer facer todo de repente.
  • Facer dende o concreto e o posible. Comezar con pequenos cambios que se vaian arraigando no centro sen que moita xente se decate máis que querer intervir con grandes cambios, que poden provocar maiores reticencias. O asesor, antes de concretar planificacións de cambio debe aproveitar as oportunidades de actuar, de facer cousas dende os referentes e significados do propio centro, sobre pequenos detalles da vida escolar. Tal e como di Domingo Segovia, facer máis dende o posible e os logros que dende as propostas. Deste xeito o asesor debe asumir unha función estratéxica que parta da información, da comunicación.
  • Ademais o asesor debe ter esperanza e fe nos cambios, utopía. Tal e como di Freire a esperanza faise indispensable par a existencia e, coincido tamén con Domingo Segovia en que a utopía, cos pes no chan e paso a paso, pode guiar o cambio e transformar as dificultades en posibilidades xa que esta é a que orienta o noso camiño e tamén a que fai que nos movamos, que intentemos loitar e conseguir os nosos propósitos.
  • Intentar non saber todo de antemán, escoitar ata comprender para dar opción ao asesorado a que exprese todo o que leva dentro, as súas inquietudes, expectativas, esforzos de cambio, etc. para que sexa o propio centro o que encontre o seu camiño e as súas autosolucións.
  • Proporcionar información relevante. Aquela que, seguindo a Ausloos (1998) non é outra que a información que parte do centro e do profesorado pero contrastada e reelaborada, enriquecida, etc. a través dun proceso de diálogo igualitario no que hai un intercambio de saberes.
  • Seguindo as ideas de Bolívar (1997,1999), os principios básicos de procedemento da función asesora deben ser: Traballar con en lugar de intervir en, desenvolver máis que aplicar, actuar como mediador e enlace e asumir e practicar a arte de facerse prescindible sen que desapareza o orientado empuxe innovador do centro.
  • Os pequenos e arraigados cambios que necesitan os centros non son froito de intervencións puntuais nin de tarefas illadas, senón que se van facendo. Polo tanto debemos considerar as funcións dende unha perspectiva de proceso de desenvolvemento.
  • O asesor debe ser un transformador sutil de dificultades en posibilidades e tamén moverse na complexa contradición de ser necesario pero non desexado. Ademais debe fomentar o diálogo e a interacción de igual a igual.
  • Ter claro que non so aprende o asesorado senón tamén o asesor. É un proceso bidireccional no que o asesor tamén aprende e está interesado en saber que fai o profesorado, cómo e porqué. O asesor debe ser humilde e admitir que el tamén vai aprender.
  • O asesor como un colega crítico que renuncia a ser o experto infalible, que todo o sabe. Imbernón (1997) dinos que este amigo crítico é aquel que non prescribe solucións xerais para todos senón que axuda a encontralas dando pistas para saltar os obstáculos e contribuíndo a xerar un coñecemento compartido mediante a reflexión crítica e colexiada, aquel que adquire o papel de guía e mediador entre iguais. 
  • As funcións do asesor teñen un camiño de ida e volta. Por un lado son reversibles, avalíanse, cuestiónanse e melloran coa acción dialéctica cos outros axentes de mellora pero, por outro o asesor tamén asume a función de asesorado noutros elementos e tarefas propios de procesos de mellora como membro da comunidade profesional de aprendizaxe.

 

 

Se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo. Albert Einstein.

Esta frase para min neste punto do e-portafolios é moi relevante. Creo que todos nós sabemos da importancia de que se de un auténtico cambio cara a mellora e, para iso é necesario que nos fixemos esa meta, que teñamos claro, como dixen ao comezo desta páxina o obxectivo sen que iso implique facer solo o que nós queremos e que vaia acorde cos nosos ideais xa que, as veces teremos que facer ou desempeñar funcións que pode que non nos gusten tanto pero que nos poden guiar ao camiño desa mellora. De aí a foto que aparece a continuación, aquí ou noutra parte do mundo, ese é o meu obxectivo, forxarme un oco no ámbito da educación e, para iso, formarme de maneira continua e permanente.

image

 

 

Domingo Segovia, J. (coord) (2005). Asesoramiento al centro educativo. Colaboración y cambio en la institución. Ocatedro EUB: Barcelona.