Navegación

No se han creado páginas aún

6. Conclusión

6. Conclusión

Última actualización de en Nahyr

Tras realizar un pequeno percorrido polo traballo desenvolvido na materia de formación e desenvolvemento profesional do profesorado, recollendo aquelas evidencias máis significativas do meu proceso de aprendizaxe, considero oportuno realizar unha conclusión a modo de reflexión que supoña o punto e a parte de dita materia, posto que continuaremos indagando sobre este ámbito de coñecemento.

Primeiramente gustaríame explicar o que supuxo para min o desenvolvemento desta materia a través da Red Social Stellae.

Nun primeiro momento, cando na clase se nos presentou o requirimento de traballar a través desta rede, a miña reacción foi de inquietude e preocupación posto que como tiña a experiencia do pasado ano sabía o que requiría unha metodoloxía de traballo deste tipo: moita continuidade no seu desenvolvemento, moita dedicación, horas para facer un post, desesperación por non ver reflectido o traballo realizado, e un longo etcétera. Por outra banda e de forma contraditoria, tiña unha sensación de curiosidade por este novo reto e de tranquilidade porque a pesar de todo o traballo que supuxo para min a materia de Tecnoloxía Educativa os resultados foron moi bos, polo que pensei que se seguía a mesma liña de traballo constante vería reflectidos os froitos do meu esforzo. A raíz disto os meus sentimentos foron situándose na perspectiva positiva e os aspectos negativos foron mermando.

Comecei esta nova etapa na rede social por medio das tarefas encomendadas en torno ós coñecementos previos acerca do ámbito da formación e desenvolvemento do profesorado, e pouco a pouco fun introducindo reflexións sobre as cuestións abordadas nas sesións de clase e sobre aquelas que eran do meu interese e estaban relacionadas coa materia.

De forma paralela tratei de estar atenta ás aportacións dos meus compañeiros, para así aumentar os meus coñecementos e incluír nas súas entradas as miñas opinións, valoracións, suxestións…

Xa centrándome na metodoloxía de traballo desenvolvida a partir desta rede social, gustaríame salientar aquelas cuestións que para min permite e favorece un traballo destas características: permite desenvolver unha aprendizaxe autónoma, fundamentada nos nosos centros de interese; favorece a interacción e a colaboración entre nós, dando lugar a un feed-back con moito valor a nivel educativo; permite tratar os contidos teóricos de forma personalizada, o que da lugar a diversas perspectivas da mesma cuestión e polo tanto a un enriquecemento da aprendizaxe; esperta en nós o sentido da curiosidade e incítanos a indagar sobre aquilo que nos interesa; favorece a actitude crítica, dada a variedade de opinións e as fontes de información consultada que é preciso contrastar…

Como aspecto negativo salientaría, ó igual que o ano pasado,  a percepción persoal de que detrás dunha entrada hai moito traballo e moito tempo de dedicación que moi poucas veces se percibe na mesma, o que habitualmente se traduce nun sentimento de frustración e insatisfacción.

A modo de autoavaliación, gustaríame destacar que a miña participación na materia e na rede social foi activa, aínda que podería ser maior se dispuxese de máis tempo para poder adicarlle. Gustaríame ter participado máis nas aportacións dos meus compañeiros, ter traballado e afondado sobre outras cuestións, como por exemplo o código deontolóxico dos docentes ou o profesorado novel, pero por cuestións de tempo tiven que priorizar e foime imposible tratar todos os aspectos que me houbese gustado.

Considero que a nivel de contido tratei todas as temáticas e desta forma comprendín e asimilei as cuestións máis relevantes da materia.

Tralo paso da materia a árbore foi medrando pouco a pouco co traballo realizado nas diferentes sesións de clase e coas diferentes aportacións que tanto eu como os meus compañeiros fomos realizando á Rede Social Stellae. O tronco medrou e fíxose robusto, e con el todos aqueles contidos teóricos básicos que dan soporte ó afondamento na cuestión da formación e desenvolvemento profesional do profesorado. Pouco a pouco foron xurdindo ramificacións, que se foron afianzando e abriron paso ó tratamento de diferentes temáticas sempre relacionadas coas tratadas no punto de partida.

A árbore non deixa de medrar, non é estática e polo tanto seguirán xurdindo ramificacións e pólas que darán lugar a diferentes froitos. O coñecemento e tratamento da formación e desenvolvemento profesional do profesorado non remata nas ramificacións presentadas, senón que continúa por diferentes camiños que co paso do tempo poden irse construíndo e reconstruíndo.

Para rematar o e-portafolios que recolle as evidencias do meu proceso de aprendizaxe na materia de formación e desenvolvemento do profesorado, gustaríame presentar un fragmento de Esteve (s.d.) que para min reflicte unha reflexión que debería ter cabida en todos os mestres.

“Na profesión docente traballamos con persoas e non con cousas. As cousas permanecen en silencio e non son capaces de interpelarnos, pero traballar con persoas implica aceptar una interrelación persoal na que esas outras persoas nos someten a proba, pois son capaces de interrogarnos, de poñernos en cuestión cos seus interrogantes e de elaborar un xuízo sobre nós. Ademais, dende a perspectiva do mestre, non sempre resulta fácil tomar decisións sobre persoas, e hai ocasións en que os mestres descobren que, coas súas avaliacións, poden afectar de forma importante ó futuro dun alumno”.

 

6. Imaxe final.jpg