Alba Senande Fernández

Son unha persoa con moitas virtudes (alegre, traballadora,...) pero tamén con moitos defectos (cabezota, perfeccionista,...) que me fan ser o que son

Peza 1. Achegamento ao termo asesoramento

 

ACHEGAMENTO AO TERMO ASESORAMENTO


O documento mostrado anteriormente, non só me serviu para analizar os meus coñecementos previos, senón que tamén para abrir os ollos con respecto ao termo asesoramento e a súa definición xa que me decatei que este non só se leva a cabo no campo educativo senón que se encontra en múltiples contextos: moda, administración, ámbito financeiro... Esta reflexión pódese mostrar na seguinte entrada do meu blog:

 

Escenarios do asesoramento

Logo destas primeiras prácticas e clases que tiñan como obxectivo determinar que é o asesoramento, os seus escenarios,… pola nosa conta, decateime de que non teño moi claro o que é, ao pensar ata o momento da práctica grupal, que só se levaba a cabo no campo educativo.

Sen embargo, dita actividade permitiume abrir os ollos a novos campos, o que se viu axudado pola información atopada e que se refire a que o asesoramento pode considerarse calquera práctica profesional que teña os seguintes rasgos (Rodríguez, 1996A en VV.AA. (2001):

- Un servizo indirecto dirixido cara o profesional (profesorado, traballadores sociais, etc.) que trata coa clientela (estudantes, anciáns, enfermos, etc.) de institucións educativas ou asistenciais e non directamente cara esta.

- Unha interacción ou comunicación bidireccional dedicada á axuda.

- Non limita a capacidade de elección e decisión do asesorado/a.

- Prodúcese entre profesionais do mesmo estatus, sen diferencias de posición e de poder.

- Os participantes poden ser individuos, grupos ou institucións.

- Trátanse asuntos e problemas procedentes da práctica profesional.

- Trabállase sobre a base de acordos negociados.

- A resolución do problema vai acompañada da capacitación para enfrentarse con éxito a problemas similares.

 

A través deste documento, decateime das principais características do asesoramento (servizo indirecto dirixido cara o profesional, interacción bidireccional, non limita a capacidade de elección e decisión do asesorado, prodúcese entre profesionais do mesmo estatus, os participantes poden ser individuos, grupos ou institucións...), as cales xa se diferencian das propias da orientación, establecendo diferenzas entre ambos termos, os cales, nun principio, non sabía distinguir. Isto débese a que o asesoramento lévase a cabo a través dunha relación indirecta e simétrica, mentres que a orientación, normalmente, desempeñase mediante unha relación directa e asimétrica. Esta comparación móstrase na seguinte entrada do blog:

Diario das sesións na clase

Logo destas dúas sesións semanais de clase, considero importante valorar as diferenzas entre asesoramento e orientación xa que, ata ese momento, non tiña moi claro se existía separación entre ambos termos e si fose verdad en que aspectos. Decateime de que si son conceptos distintos debido a que o asesoramento é indirecto, iniciado polo cliente e asimétrico; mentres que a orientación é directa, iniciada polo orientador e asimétrica. Sen embargo, creo que na práctica existen determinadas situacións nas cales non se pode diferenzar porque ambas dependen unha da outra ao mesmo nivel sen ter a necesidade de que unha se inclúa na outra, en contraposición ao que determina a normativa galega ao citar que o asesoramento é unha función da orientación.

Nesta sesión, tamén analizamos máis profundamente a definición de asesoramento, o que me permitiu ver todas as accións que inclúe e o diversas que son; sen embargo, eu destacaría AXUDAR xa que dende o meu punto de vista é a función predominante do orientador ao incluír todas as demais. Tamén falamos dos escenarios en educación nos que se encontra o asesoramento e que son máis amplos do que creía nun primeiro momento ao incluír: formación permanente do profesorado, inspección educativa, orientación escolar e innovación educativa polo que o asesor debe estar formado en todo elos, en contraposición ao que se fai na formación inicial ao traballar unicamente e de forma moi por riba a orientación escolar.

 

Nesta entrada, ademais da comparación, móstrase a importancia que lle dei a unha das funcións do asesoramento sobre as outras, a cal se refire a: axudar. Considero que esta é a máis esencial debido a que un asesor ten que ter este obxectivo principal e, a partir de aquí, levar a cabo as orientacións precisas. Outro aspecto que se destaca e que me resultou moi interesante foi os escenarios de educación onde se desempeña: formación permanente do profesorado, inspección educativa, orientación escolar e innovación educativa.

Cabe falar agora e logo de ir analizando o significado desta difícil palabra, as causas polas que resulta tan complicado conceptualizala e que se poden resumir en: as súas orixes e a complexidade de establecer as diferenzas entre asesoramento e orientación. No documento que se presenta a continuación, tamén se mencionan os modelos de orientación: clínico, programas e consulta e a súa correspondencia ou non co asesoramento; así como os modelos específicos encontrados nun texto e que se refiren a: asesoramento terapéutico, asesoramento individual/colaborativo, asesoramento de consulta/recursos e asesoramento curricular. No tocante a estes e dende o meu punto de vista, hai que potenciar o modelo curricular xa que nel existe colaboración entre os diversos profesionais, o que é moi necesario para crear un clima adecuado e de traballo en equipo onde todo profesional aporte as súas ideas e se axuden mutuamente. Ademais, neste modelo deféndese unha visión global da escola atendendo tanto ao alumnado, como a cultura, profesorado... polo que se trata dunha visión completa da situación dunha necesidade e non de maneira selectiva.

 

Diario e reflexión das clases

Nas dúas clases da semana pasada, traballamos as dificultades ou complexidades que ten o concepto asesoramento, así como se os modelos de orientación son os mesmos que os de asesoramento.

Con respecto ás dificultades, levouse a cabo un pequeno debate e exposición de ideas que se pode resumir en que considerábamos que as causas eran a dificultade de colaboración entre profesionais tanto por falta de motivación como por presentar diferentes formas de entender os procesos de ensinanza-aprendizaxe, así como o papel que desempeñan na relación que debería existir. Outra diferenza que se mostrou e que non axuda a definir o termo asesoramento é que cada profesional deste ámbito ten a súa propia concepción, a cal a súa vez vai cambiando tanto por novos coñecementos como por novas experiencias.

Finalmente, acabouse esta temática dando a mestra a súa opinión e que se refire a que existen dúas grandes razón que dificultan o que se entende por asesoramento: as súas orixes e a complexidade de diferenciar asesoramento e orientación.

A partir deste momento, comezou a falarse se os modelos de orientación: modelo clínico, psicopedagóxico e sociopsicopedagóxico de Pardo Pérez e García Tobío ou modelo clínico, consulta e programas de Bisquerra son os mesmos que os de asesoramento. Para levar isto a cabo, fixemos unha práctica na que se recollía un modelo e se analizaba se era de orientación, asesoramento ou mixto. No caso do meu grupo (ALLA), eliximos o modelo psicopedagóxico e despois de ter analizado as súas características, decatámonos que se pode encadrar máis como modelo de asesoramento que de orientación debido ao seu carácter indirecto cos nenos, a defensa da simetría entre os diversos profesionais, a bidireccionalidade e a prevención pero tamén corrección.

 A continuación, para ter máis claros os modelos de asesoramento estiven buscando e atopei un documento moi interesante no que se cita a Parrilla, 1996 (en Murillo, 2004) e no que se sinalan catro modelos de asesoramento:

  1. Asesoramento terapéutico. Pon a énfase no individuo e parte da concepción do asesor como experto ou técnico que domina determinados contidos, técnicas ou habilidades, en función dos cales pode resolver os problemas dos alumnos individualmente. A idea de escola non soe ser moito máis que a do contexto físico no que os profesores ensinan para que aprendan os alumnos.
  2. Asesoramento individual/colaborativo. Séguese pondo a énfase no individuo, sen embargo abandónase a visión experta e especializada que fai cambiar a relación xerárquica e dependente. Caracterízase pola busca e o desenvolvemento de programas e estratexias de intervención planificadas e desenvoltas colaborativamente por distintos tipos de profesionais. 
  3. Asesoramento de consulta/recursos. Pon a énfase na escola, pero dende o punto de vista experto. Pénsase dende este modelo que o asesoramento non ten que dirixirse tanto aos alumnos como a escola, a súa estrutura, cultura,… posto que só así pode chegar a ser efectiva e dar resposta aos problemas que se presenten. Sen embargo, non se asume unha óptica colaborativa implicando que os seus profesionais sexan visto como técnicos cuxos coñecementos específicos poden ser extrapolables.
  4. Asesoramento curricular. Céntrase na escola dende unha óptica colaborativa, é dicir, a dimensión colaborativa e a institucional únense para xerar un modelo que asume a cooperación como estratexia básica de aprendizaxe e desenvolvemento profesional e que ten como foco unha visión global da escola da que se destaca a súa capacidade para aprender. A actuación de asesoramento diríxese así ao desenvolvemento da mellora da escola mediante a capacitación profesional dos profesores.

 

A continuación, móstrase a relación entre un modelo de intervención, neste caso, é o modelo psicopedagóxico e o asesoramento, en relación a se pode ser un modelo deste ou lle correspondería máis á orientación.

 

Relación entre un modelo e o asesoramento

Como se pode observar, o modelo psicopedagóxico estaría máis relacionado co asesoramento ao tratarse dunha actuación indirecta, de forma horizontal e bidireccional.

 

Logo destas breves explicacións sobre a definición, características e modelo de aseoramento, cabe facer unha breve síntese de todo elo. Para isto, a mestra subiu dous textos: Comprender y redireccionar las prácticas de asesoría de J. Domingo (2010) e Entre la realidad y el deseo: Una visión del asesoramento de L. Montero e M.D. Sanz Lobo (2008), os cales analicei nun primeiro momento da seguinte maneira:

 

Comentario sobre os dous textos subidos pola mestra

 

Neste documento, pódese observar que me centrei en diversas definicións: orientación, asesoramento, counseling, educación e consulta, coa finalidade de aclarar definitivamente todos estes termos e diferencialos uns dos outros. Sinalar que non se pode tomar como sinónimos do asesoramento o counseling e a consulta, xa que senón caeríase nunha visión reducionista e a necesidade de que a orientación e o asesoramento se leve a cabo pola mesma persoa. Ademais, é moi importante destacar que a orientación debe ser desempeñada por toda a comunidade educativa, xa que é un proceso inherente á educación. Outro aspecto que tratei neste comentario foi a defensa que se realiza do modelo psicopedagóxico ou sociopsicopedagóxico, pois atende a toda a comunidade educativa, e do modelo programas ao aglutinar todas as accións nun único programa e por defender a colaboración e o diálogo entre profesionais. Por último, centreime naqueles aspectos necesarios para levar a cabo un asesoramento adecuado.

Cabe sinalar que ámbolos dous textos eran moi complexos, polos que foron traballados na aula a través da técnica do acuario ou da cáscara da cebola e onde se destacaron unha serie de aspectos. O primeiro deles foi a importancia de ter en conta o contexto escolar: cultura, curriculum oculto....; mentres que outros refírense ao binomio equidade/calidade e a posta en práctica da democracia na escola entendida por Domingo (2010) como aquela que permite que todas as persoas dean a súa opinión e exista colaboración. Finalmente, falouse da evolución que están a sufrir os departamentos de orientación, os cales nun principio, eran considerados meramente como remediais e onde se lles mandaban aos nenos que tiñan algún problema; mentres que agora, xa se valora o seu carácter preventivo e de desenvolvemento; así como a axuda que poden prestar a todos os membros da comunidade educativa e non só ao alumnado con problemas. O documento onde se mostra todo isto é o seguinte:

Diario de clase

As dúas sesións de clase levadas a cabo a semana pasada foron totalmente diferentes ás que se soen facer, é dicir, a presentar os contidos de maneira, máis ou menos,  tradicional. Dito cambio débese á realización de tres círculos para analizar os textos (técnica do acuario ou da cáscara da cebola). O primeiro deles era o círculo interior e era o que se encargaba de explicar o texto e analizalo pormenorizadamente, o círculo exterior opinaba e o terceiro estaba conformado por unha comisión de críticos que realizaban precisións, mostraban dúbidas, examinaban,… Esta dinámica, na primeira sesión, foi moi difícil de levar a cabo tanto por non coñecer como se debía facer como por non ter analizado tan profundamente o texto como era preciso. Sen embargo, creouse un debate sobre se era o mesmo experto, xeralista e especialista, esta dúbida foi resolta na seguinte sesión, e mostráronse algunhas ideas claves do texto: todos os modelos se poden complementar, é dicir, non son puros, explicouse como se foi introducindo o modelo programas e o construtivismo,…

Na segunda sesión semanal, a dinámica consistiu en que as persoas que estaban no círculo interior e que tiñan que ter todo o texto moi ben analizado o foran explicando por apartados (xa que foi dividido o texto para telo mellor reflexionado; dunha das partes dos modelos encargueime eu, pois pasei do círculo exterior ao interior). Algunhas ideas que se estableceron foi a necesidade de ter en conta o contexto e o currículum oculto (o cal non menciona o autor), xa que se considerou que é moi importante ter en conta os valores do centro, a micropolítica,… Analizar o contexto significa atender as persoas, as características do entorno, o contexto cultural,..., así como valorar a súa sensibilidade, é dicir, o momento oportuno para realizar cambios.

Destacouse ademais que o contexto cultural debe dar en valor a educación que se da na escola. Na clase, valorouse o binomio equidade/calidade e a diferenza do primeiro termo co concepto de igualdade, así como a explicación da democracia na escola, e que se centrou en que para que se dea isto, hai que crear un clima de horizontalidade, onde todas as persoas da comunidade educativa deben dar a súa opinión e que exista colaboración, o que non significa que todo estean de acordos senón que superen as discrepancias existentes.

Tamén se sinalou que os departamentos de orientación non tiveron na súa historia o impacto que se merecen, aínda que isto vai cambiando ao pasar dun modelo meramente remedial a un que atende máis a prevención e o traballo en colaboración.

A mestra mostrou ademais unha gran idea, que ata ese momento non me dera por fixarme, explicando que non existen procesos de ensinanza-aprendizaxe senón que procesos de ensinanza e procesos de aprendizaxe. Realmente, non existe unha relación de causa e efecto xa que non sempre o que se ensina se aprende e non todo o que se aprende é ensinado.

Por último, explicáronse os modelos moi por riba debido a que se acabou o tempo de clase, deixando ademais o resto dos apartados por explicar.

A continuación, volven a mostrarse as ideas principais dos dous textos pero a través dunha integración entre ambos onde se mencionan aspectos tales como a clarificación terminolóxica dos diversos termos, as dúas grandes olas na historia do asesoramento, os modelos de asesoramento, a importancia das comunidades de aprendizaxe, os niveis de actuación e a importancia de facer máis competentes aos profesionais dos centros educativos. Como se pode observar e a diferenza do comentario realizado anteriormente sobre os dous textos, este encóntrase máis pormenorizada grazas a ser traballado anteriormente na aula e ser comprendido mellor. Sinalar tamén que se presenta un mapa conceptual co fin de resumir todas estas ideas principais.

Integración dos dous textos

Mapa conceptual integración dos dous textos

O presente arquivo, e que se mostra a posteriori, ten como finalidade levar a cabo as últimas conclusións sobre os dous textos e que se refiren ao reforzamento da idea de que os modelos de asesoramento non son puros senón que deben adecuarse ao contexto ou situación precisa a través da recolección de características de distintos modelos; a importancia da colaboración e a sensibilidade do contexto á hora de levar a cabo programas; e a concreción sobre a diferenza entre equidade e igualdade. Isto débese a que equidade enténdese como atender a diversidade do alumnado, mentres que igualdade, a inclusión de todo o alumnado nos centros ordinarios. Outra idea que se mostra é o significado que lle atribúe Domingo (2010) a democracia e que, dende o meu punto de vista, é necesario conseguir xa que é unicamente a través dela onde realmente existe colaboración entre todos os profesionais, así como se lle dá voz ao alumnado. Por último, móstrase a importancia do termo “empowerment” e que se refire a facer máis competente ao docente, co fin de que en situacións onde antes precisaba asesoramento, agora xa non o requira.

Diario de clase

As dúas sesións de clase poden diferenciarse claramente. Na primeira delas, estivemos falando do que aprendemos sobre o debate establecido en clase a semana pasada e que se centrou en:

- Reforzamento da idea de que os modelos de asesoramento non son puros senón que deben estar interrelacionados co fin de adecuarse ao contexto, pois poden servir características dun e doutro totalmente diferentes.

- Reforzamento da idea da colaboración por parte de toda a comunidade educativa co fin de levar a cabo comunidades de aprendizaxe, as cales son consideradas por algúns autores como a mellor forma para traballar nunha escola.

- A importancia da sensibilidade do contexto á hora de levar a cabo os programas, xa que existen momentos en que son máis ou menos adecuados levalos a cabo.

- Concreción sobre a diferenza do binomio: equidade e igualdade. Normalmente, utilízanse ambos termos como sinónimos, aínda que realmente non o son pois a equidade debe entenderse como diversidade e a igualdade como inclusión.

- Un programa debe ser sostible, é dicir, eficaz, que perdure e que consiga os obxectivos que se propón. Para que se consiga isto, é necesario que as persoas adquiran todos os aspectos ensinados e os poñan en práctica, por tanto, non se debe quedar nunha actuación puntual senón que perdure no tempo e en diversos contextos, se é o caso.

- O significado que lle atribúe Domingo ao termo democracia: que participen todos os axentes da comunidade educativa.

- A importancia do termo “empowerment”, o cal se refire a facer máis competente ao docente, aínda que isto non quere dicir que non o sexa senón que noutros ámbitos diferentes.

A segunda sesión de clase, centrouse en contestar unha serie de preguntas claves:

1. ¿Qué actuacións poden ser concibidas como asesoramento curricular?¿Cales observastes ou experimentastes?

Nesta pregunta, decateime que existen moitas situacións, máis das que nun principio pensaba debido a que nunca observara nin experimentara ningunha aínda que sabía da existencia dalgunha.

Algúns exemplos que saíron en clase foron: asesorar nunha ACI, asesorar aos docentes como ensinar técnicas de estudio, asesorar para realizar os cambios oportunos en elementos non prescriptivos e axudar na creación dos documentos do centro educativo.

2. ¿Qué saberes sobre o currículum deberían posuír os asesores psicopedagóxicos?

Primeiramente, deben sabes aspectos básicos do currículum como son as fontes das que bebe, os elementos que debe incorporar, unha redacción correcta deste, pero tamén ter a idea e entendelo como un elemento de mellora e innovación co fin de que o entenda para mellorar a educación e chegar a unha educación de calidade. Por elo, o currículum entendido por Zabalza (1992) como “el conjunto de los supuestos de partida, de las metas que se desea lograr y los pasos que se dan para alcanzarlas; el conjunto de conocimientos, habilidades, actividades que se consideran importantes trabajar en la escuela año tras año y la razón de cada una de las opciones” é un documento moi importante para reformar e superar a actual crise escolar na cal predomina o abandono escolar, o fracaso escolar, o baixo nivel educativo con respecto ao resto dos países e que se pode mostrar nos malos resultados no informe PISA,...

Continuando coa pregunta, un asesor psicopedagóxico tamén debe coñecer a lexislación vixente e os curriculas oficiais co fin de ter un marco legal sobre o que amparar toda a súa práctica, unha concepción histórica do currículum, o coñecemento do currículum oculto, ausente, nulo,… pois inflúen de gran maneira; e o coñecemento dos diferentes documentos do centro, así como os diversos plans: ACI, PAT, PAPEA, POAP,…

3. ¿Cómo poden asesorar curricularmente quen non son especialistas nun ámbito disciplinar?

Esta pregunta non dou tempo a ser contestada.

 

Cabe sinalar que este documento acabado de engadir presenta unha segunda parte referida ao asesoramento curricular, a cal se debe integrar co seguinte documento:

Diario de clase

Na sesión de clase anterior á Semana Santa, a profesora estivo mostrando unha serie de apuntamentos con respecto as dúas preguntas anteriores. Con respecto a isto, destacaría a importancia de coñecer a lexislación e non entender o curriculum como unicamente un documento senón como unha concurrencia de prácticas e valorando todos os tipos que existen: oficial, nulo e oculto xa que todos eles son esenciais para entender o funcionamento dun centro educativo, pois se nos centramos meramente no oficial non entenderíamos cal é o clima real da escola, a existencia ou non de colaboración, os principios morais que se defenden,...

A continuación, explicouse o procedemento e as distintas reelaboracións do curriculum e que se refiren a: curriculum prescrito, curriculum presentado aos profesores, curriculum moldeado polos profesores, curriculum na acción e curriculum avaliado, así como se dou unha breve explicación: o curriculum prescrito que se presenta é retomado e presentado aos profesores co fin de facilitarlle as cousas a través das editoriais. A continuación, estes profesionais adecúan o curriculum grazas a autonomía curricular ao marco e ao contexto no que se atopa xa que senón non atenderían as necesidades, intereses tanto do alumnado como do contorno no que se atopan polo que non sería efectivo. A continuación, ponse en práctica na aula aínda que se pode facer de dúas maneiras diferentes: tal e como se plantexou na teoría ou atendendo ao transcorrer das clases, o que sería a opción máis correcta xa que por elo é polo que o curriculum é flexible e aberto. Ao final, o curriculum valioso é o avaliado.

Logo, faláronse das medidas de atención á diversidade, as cales se poden diferenciar en preventivas (aquelas que se realizan antes de que apareza o problema), ordinarias (medidas que non alteran os elementos prescriptivos) e extraordinarias como son as ACIs e os programas de iniciación profesional.

Por último, douse resposta a terceira das preguntas: “¿Como poden asesorar curricularmente quen non son especialistas nun ámbito disciplinar?” explicando que aínda que o asesor non é un especialista nun campo de coñecemento determinado, si pode axudar ao profesorado que presente dúbidas ou necesite axuda xa que ten ferramentas suficientes a empregar de forma colaborativa, é dicir, non fai falta que teña grandes coñecementos e específicos de cada unha das materias debido a que sabe como empregar e onde atopar os recursos necesarios para axudar.

 

En ambos textos pódese observar que se da resposta a tres preguntas referidas ao asesoramento curricular:

1. ¿Qué actuacións poden ser concibidas como asesoramento curricular? ¿Cales observastes ou experimentastes?

2. ¿Qué saberes sobre o currículum deberían posuír os asesores psicopedagóxicos?

3. ¿Cómo poden asesorar curricularmente quen non son especialistas nun ámbito disciplinar?

A primeira delas permitiume observar numerosas situacións onde existe asesoramento curricular: elaboración dunha Adaptación Curricular Individualizada (ACI), asesorar aos docentes sobre como ensinar técnicas de estudo, levar a cabo cambios en elementos non prescriptivos… Isto permite ver a gran complexidade de funcións que ten un asesor e as cales non se soen valorar debido a que se consideran que só as realizan o profesorado ou se lles asigna unha participación mínima nelas. A través desta idea, pódese mostrar unha das causas da desvalorización dos departamentos de orientación nos centros educativos.

Con respecto á segunda pregunta, nesta móstrase a idea de que os asesores psicopedagóxicos deben ter grandes coñecementos sobre o currículum xa que van traballar sobre el e por elo é necesario coñecer as súas características, fontes das que bebe, lexislación vixente… A partir de aquí, analízase de maneira máis profunda o curriculum e a súa elaboración e tipos existentes, os cales todos eles (oficial, nulo, oculto) deben ser tidos en conta á hora de analizar as situacións educativas pois inflúen nos procesos de ensinanza e aprendizaxe.

Pola súa banda, a terceira pregunta refírese a que, aínda que un asesor non sexa especialista nun ámbito curricular, pode asesorar curricularmente de maneira adecuada xa que coñece as ferramentas necesarias para cada situación, así como onde encontralas. Por último, menciónase as medidas de atención a diversidade, as cales se poden diferenciar en ordinarias e extraordinarias como son as ACIs. Debido a isto, lin o texto: Todo sobre adaptacións curriculares:

Artigo: "Todo sobre Adaptaciones Curriculares. La forma de hacer explícita la actuación educativa orientada a la diversidad"

 

A partir deste, elaborei o seguinte documento, o cal serve de resumo e de reflexión:

 

Comentario e webgrafía do artigo: "Todo sobre adaptaciones curriculares".

 

En ambos arquivos, pódese observar que se dá resposta a que son as ACIs, para que serven, quen as deseña e como se elaboran. Enténdese por adaptación curricular, aquel axuste ou modificación que se realiza para atender ás necesidades de cada alumno e, a cal, presenta tres niveis de concreción: a nivel de centro, de aula e de alumno. É necesario destacar que existen dous tipos de adaptación: adaptación curricular pouco significativa onde se cambian elementos non prescriptivos como a metodoloxía, a temporalización... e adaptacións curriculares significativas, é dicir, aquelas que se coñecen comunmente como ACIs e que implican modificacións en elementos prescriptivos do curriculum. Estas só deben realizar como última alternativa e logo de agotar calquera outro tipo de reforzo, pois a súa posta en práctica vai dificultar, normalmente, a adquisición dos contidos mínimos de ciclo (realízase unha adaptación por ciclo exceptuando no segundo ciclo de ESO, que se realiza por ano, aínda que ten carácter revisable) e vai aparecer non só no expediente académico senón que tamén na súa historia escolar. Se é necesario realizala, hai que seguir os seguintes pasos: detección das necesidades, avaliación inicial, análise de datos e toma de decisións, deseño curricular, desenvolvemento curricular e valoración.

 

Para finalizar o traballo sobre estas tres preguntas, levouse a cabo unha actividade grupal na cal se tiña que dar resposta de novo a elas. As respostas dadas xa eran máis complexas debido a que se traballaran na aula e porque se incorporaron tanto ideas dadas polos compañeiros como pola mestra. A primeira pregunta, a cal se refería a que actuacións se correspondían con asesoramento curricular mencionouse: colaboración na elaboración dunha ACI, técnicas e estratexias de estudo, asesoramento para atender a diversas problemáticas, elaboración de programacións didácticas e documentos de centro. No tocante aos saberes, os asesores deben coñecer as fontes do curriculum, cambios que se poden realizar, entendemento do curriculum como elemento de innovación e mellora, lexislación curricular, diversidade, evolución histórica do curriculum e coñecemento dos diversos tipos. Por último, a terceira pregunta contestouse explicando que o asesor é un experto en curriculum polo que si pode asesorar, sobre todo, debido a que ten que existir colaboración entre o docente e este podendo axudarse mutuamente onde menos coñecementos teñan.

As 3 Ps