3. Redirección da forma de traballo

Coa chegada da primeira avaliación, os resultados obtidos indicaron que o camiño que se estaba a seguir non era o correcto. Era necesario reflexionar sobre o traballo levado a cabo e dar un novo xiro ao proceso.

Todas as publicacións ou case todas tiñan como soporte o texto, sen a apreciación de imaxes ou vídeos. Deste xeito, o traballado sobre a creación de infografías nunha sesión interactiva, abriu a posibilidade de empregar os formatos visuais e do mesmo xeito ser eu mesmo quen elaborara ditas imaxes. Froito disto son a infografía sobre a búsqueda de información e a infografía acerca da evolución das Tics na aula.

A primeira fala sobre aspectos importantes que nos fan máis sinxelas as buscas na Internet, xa que a maior parte das veces solemos anotar a palabra no buscador, sen pararnos a pensar nos filtros que son necesarios para unha búsqueda máis eficaz. Por outra banda, a segunda presenta información sobre aparellos tecnolóxicos empregados actualmente nas aulas en substitución dos recursos materiais tradicionais. Dita infografía, foi completada co vídeo sobre a evolución das Tics na educación, aspecto que permite observar como foi o cambio nas aulas coa introdución e progresiva aparición das novas tecnoloxías.

Outro aspecto a modificar tamén era o referente á forma de editar as publicacións. Non consistía soamente en facer pequenos resumos do visto, senón que debía reflexionar sobre a información achegada a min nas diferentes sesións de clase, para posteriormente elaborar a miña opinión ao respecto, é dicir, o meu propio coñecemento.

Gustaríame destacar deste período a reflexión feita sobre a película HER. Impactoume o contido do filme xa que non era capaz de crer que unha persoa pode chegar a namorarse dun sistema operativo. É certo que é unha película, pero penso que mostra ata que punto chega a nosa dependencia das novas tecnoloxías. ¿Realmente un sistema operativo pode satisfacer necesidades afectivas e amorosas? Difícil de saber se non nos atrevemos a que sexa un sistema operativo o que se converta na nosa parella.