3. Infancia, comezando o camiño.

3. Infancia, comezando o camiño.

Última actualización de en Borja Lapido Tubío

Infancia, momento no que comezamos a dar os primeiros pasos xa dunha forma individualizada e a pronunciar as nosas primeiras palabras, feitos de moita importancia para o noso proceso de aprendizaxe e crecemento como persoas, ao igual que na materia de Tecnoloxía Educativa, comezamos a elaborar xa as nosas entradas, xa sexan blogs ou arquivos, sen ter unha razón obrigatoria como podía ser a do documento analizado con anterioridade.

O avanzar na materia é como o avanzar dun neno pequeno, sabes cara onde vas pero aínda non tes totalmente definido o destino nin os obxectivos que nese camiño te vas impoñer nin como afrontalos, non se ten unha certeza de dar eses pasos dunha forma confiada e ir asentando unhas bases sobre as que medrar.

infancia

(Fonte: http://pixabay.com/es/ni%C3%B1o-caminar-dirt-road-pa%C3%ADs-young-746523/)

As carencias neste determinado momento son palpables e hai que darlles unha solución, así como para algúns aspectos na infancia se bota man daquela xente que está ao teu arredor e te poden axudar, na materia indagas sobre que ou quen che pode dar respostas a esas dúbidas que che asaltan, un período de exploración, sendo este o caso de, en primeiro lugar, onde buscar información e de quen buscar esa información, establecendo uns procesos e uns métodos necesarios para desenvolver esta labor de gran importancia. Isto xorde de que na gran maioría das ocasións as nosas procuras vense distorsionadas ou sesgadas dependendo da fonte empregada, ata incluso chegar a recibir información errónea sen nos decatarnos, sendo este un aspecto a establecer de forma correcta e firme; ao igual que na infancia, os nenos non se guiarán daqueles cos que non lles dín a verdade e lles minten.

Esta situación sitúanos nunha nova contorna, unha contorna na que tanto os nosos contidos como os de outras persoas están en constante contacto e estes contidos deben ser protexidos, ou de outra forma, ser recoñecidos a quenes lles pertencen; igualmente que na materia, unha vez que xa temos as ferramentas necesarias para desenvolver as nosas procuras na rede dunha forma fiable e precisa, a aparición das licenzas Creative Commons supón unha nova perspectiva sobre este tema, sobre o compartir, o empregar outros contidos e/ou mesmo modificalos. Marcando, o coñecemento destas licenzas, un momento no que decatarnos de que todo o que producimos podemos aplicarlle unha licenza en relación á nosa ética e forma de ver.

A partires de aquí, os pasos comezan a ser mais firmes e mais fortes a medida que un se vai desenvolvendo e percorrendo o camiño. Aparece a sensación de adentrarse no mundo da educación a través da materia de Tecnoloxía Educativa en relación con outras materias dadas con anterioridade ao longo do Grao, o que no desenvolvemento dun rapaz pode referirse á construción dun mesmo. Para iso botamos a man do coñecemento dunhas políticas educativas necesarias para situarnos e coñecer mellor o sistema educativo de forma xeral; enlazando coa materia, sigo indagando sobre a temática da educación e as súas tendencias actuais no que a novas tecnoloxías se refire, como a iniciativa a nivel nacional Escuela 2.0, dándolle nesta ocasión relevancia aos obxectivos nos cales uns congresos se centran en base as dificultades que o profesorado se atopa no seu día a día.

Unha vez realizado este tramo chega o momento de realizar unha primeira visión mais crítica, como na infancia, sendo no desenvolvemento dunha persoa a etapa da vida. Céntrome no tipo de alfabetizacións dixitais que as tecnoloxías influirán na educación do alumnado integradas as novas tecnoloxías nos centros educativos, así como naqueles que non hai esa posibilidade, xurdindo así esa diferenza ou brecha entre membros dunha mesma sociedade; estas diferenzas tamén son notables no desenvolvemento dunha persoa na infancia, que uns poidan ter aceso a determinadas cousas e outros sen embargo non.

Os nenos nestas idades guíanse e constrúen as súas aprendizaxes a través da curiosidade e da inquietude, sendo esta unha das razóns polas que o poder coñecer situacións estranas ou non coñecidas ata ese momento, ou outras realidades producen unha sensación de alegría e tristeza ao mesmo tempo. Con isto refírome ao caso que se nos dou a coñecer na aula, o caso de Nusa Ouis, e digo alegría por ser un coñecemento dunha realidade nova para min e pola súa labor e a potencialidade que nese país emerxe, como a tristeza pola situación belicista pola que atraves o país provocando que o que un día alí foi unha realidade hoxe está destruída case por completo.