2. Comeza a aventura

2. Comeza a aventura

Última actualización de en Iria Vilar San José

Cargada coas miñas maletas cheas de prexuizos, cheguei á estación e subín ao tren. Nada máis subir comezaron a caer algunhas desas expectativas tan negativas que levaba comigo. O tren tiña vistas.

O que quero dicir con isto é que, en canto comezamos a nosa andadura, vin que non iamos estar observando con orelleiras os recursos tecnolóxicos, senon que isto se trataba de analizar a interrelación entre a sociedade e máis a tecnoloxía para poder intervir dese xeito crítico que eu tanto desexaba. O feito de que nos principios metodolóxicos se dixese que se premiaba a crítica sobre o asentimento ou que a dúbida e a pregunta tiñan un lugar privilexiado fíxome mudar eses malditos prexuizos que son tan difíciles de evitar.

Pero aínda quedaban moitos prexuizos que tirar abaixo, tiña que revisitar moitas das ideas sobre a tecnoloxía que fora desenvolvendo mediante o seu uso integrando os novos coñecementos que ía adquirindo.

Na miña entrada Intelixencia Artificial para a fin da humanidade notábase como esta revisión de conceptos estaba aínda pouco desenvolvida, pois só ollei un lado, o máis negativo, das Intelixencias Artificiais, bastante impactada e, incluso, horrorizada, de que puidesen chegar ao nível do visto no trailer da película Her, onde sustituían aos humanos até nas relacións emocionais. O certo é que, despois diso, busquei outras opinións que reforzasen a miña, aínda que fosen tan reputadas coma a de Stephen Hawking.

Suavicei un pouco o ton, aínda que non moito, cando escribín A caída dos MOOC. Aquí xa tivera unha experiencia persoal con este recurso e, como a experiencia fora bastante negativa, xeraliceina, coma se todo o mundo tivese que ter a mesma experiencia. Sen embargo, cando menos recoñecín que era unha idea que en principio podía ser boa e que podían mellorar moito se se mudaban certos aspectos da súa metodoloxía. Todo un paso para min, que tendo a pecar de hipercrítica.

Por sorte, tamén repasamos conceptos que xa tiña adquiridos no contexto das clases. Grazas á visión moito máis formada e equilibrada de Adriana Gewerc e Fernando Fraga e aos diferentes puntos de vista das miñas compañeiras e compañeiros, puiden desenvolver perspectivas máis amplas sobre ditos conceptos.

Así, vinme obrigada a repensar o que é coñecemento e o que é información. Sabía que eran diferentes, o que non tiña moi claro era como explicar esa diferencia. Grazas a esta materia comprendín que o coñecemento nace da información, pero tamén das propias experiencias e máis da organización mental que facemos desa información. Ademáis, comprendín que o coñecemento pódese crear en cooperación cos outros, ou distribuirse, ou comunicarse e que a sociedade do coñecemento na que vivimos fixo que estes procesos se multiplicasen.

Redescobrín, tamén, os dereitos de autor, que eu sempre identificara co copyright, coñecendo tamén os dereitos morais, é dicir, o dereito que ten cada autor ao recoñecemento da súa obra coma propia. Así mesmo, tamén puiden saber o que eran realmente as licencias Copyleft e Creative Commons, na que os autores deciden que dereitos preservan. E, a través disto, viaxamos polo coñecemento aberto ou pechado. Eu tiña a idea de que o coñecemento aberto era aquel ao que podias acceder libremente, pero resultou ser algo moito máis amplo, que permite a creación dun coñecemento compartido.

Decateime de que iso de compartir coñecemento polas redes era algo que eu xa estaba a facer a través de LinkedIn, de ahí que publicase Outra rede social (un pouco distinta), xa que penso que as redes sociais teñen unhas enormes posibilidades de co-crear coñecemento que non sempre se explotan.

Sen embargo, esta revelación foi amplamente superada por aquela que tiven ao traballar coas wikis. Aínda hoxe non sei moi ben como puiden obviar todo o proceso de creación de información que está detrás de cada entrada, coma se éstas xurdisen por xeración espontanea. O certo é que tiven que formar parte deste proceso para poder facerme consciente de el, como deixei reflectido na entrada Unha nova ollada ás wikis.

Como non, revisitamos tamén o concepto de brecha dixital, que eu cría que só facía referencia á desigualdade entre a poboación con acceso ás TIC e a que non o tiña. Sen embargo, tamén hai desigualdades en canto ao emprego ou á participación, é dicir, para xerar igualdade en canto á tecnoloxía non só é preciso que a xente teña acceso, senón tamén que adquirise a competencia dixital precisa para saber empregala. Sobre a brecha de xénero publiquei a entrada Micromachismos, aínda que naquel momento non identifiquei esta desigualdade coma parte da brecha dixital.

Estou segura de que deixo moitos conceptos polo camiño, pero rescato aquí os que máis impacto tiveron sobre min, aqueles sobre os que mudei a miña perspectiva.