3. Descobrindo novas paisaxes

3. Descobrindo novas paisaxes

Última actualización de en Iria Vilar San José

A medida que a nosa viaxe, a estas alturas xa ía eu entendendo que non era só miña, senón que estaba a compartila con moit@s outr@s que me acompañaron ao longo de todo o proceso, ía avanzando fun descubrindo tamén conceptos novos, dos que non escoitara falar na vida e que, pouco a pouco, fóronseme facendo familiares.

Un dos primeiros termos que descobrín foi o de hiperlectura, grazas á lectura dos capítulos do libro de Burbules e Callister que tivemos que facer para o Primeiro traballo obrigatorio. Este termo implica unha visión crítica dos contidos da rede, pero tamén de toda a contorna na que están encadrados. A partir do termo hiperlectura os autores artellan toda unha proposta de análise crítico da información e o seu contexto. Entender este concepto, polo tanto, deume a oportunidade de ser máis reflexiva co xeito no que se transmiten as informacións en rede. O certo é que nunca me parara a estudar como os links inflúen na elaboración do noso coñecemento.

O seguinte concepto que tiven que aprender foi o de narrativas transmedia, que se refire ás historias que se constrúen a través de diversos medios e coa participación dos espectadores. Non é que nunca tivese visto estas novas narrativas, pero nunca lles puxera nome e nunca pensara sobre as súas posibilidades para a educación, así coma para o mercado. Despois de ler algo máis sobre o tema e reflexionar un pouco sobre o mesmo escribín a entrada De narrativas transmedia, educación e mercado, aínda pouco madura, iso sí, xa que era un termo que acababa de coñecer. Neste momento, aínda me queda moito que descobrir das mesmas, pero creo que podo facelo dun xeito máis analítico e sistemático grazas á información que recibín en clase e máis a que fun recabando por min mesma.

En relación con estas narrativas que implican a participación dos espectadores tamén xurdiu o termo de intelixencia colectiva, que ten un forte nexo co que anteriormente tratei sobre a co-creación do coñecemento, de feito, enténdoa coma o seu resultado. Se co-creamos coñecemento, de ahí xurdirá unha intelixencia conformada polas aportacións de tod@s.

Tratamos tamén o concepto de curación de contidos, que nos serviu para aprender como xerir toda esa información que aparece diante nosa cando entramos na rede. Un concepto moi útil para alguén coma min, que,  coma deixei reflectido ao revisar a miña relación coa tecnoloxía, xa dixo que moitas veces se perdía en datos anecdóticos e, incluso, absurdos, e que até o desfrutaba!

Na recta final da asignatura aprendín dous conceptos que son, á súa vez, recursos tecnolóxicos para a educación. O primeiro de eles é Plataforma para a Aprendizaxe en Liña, que é un sistema de xestión de contidos educativos en contornas participativas. O Moodle que empregamos no campus virtual é, por exemplo, unha destas plataformas.

Sen embargo, as Contornas Virtuais de Aprendizaxe parecéronme moito máis atractivas, pois fomentan unha aprendizaxe moito máis activa a través da creación dun coñecemento compartido, é dicir, xeran unha intelixencia colectiva. Isto deixeino reflectido na entrada Descobrindo as Contornas Virtuais de Aprendizaxe. Como me pasou coa entrada sobre as narrativas transmedia, resultou unha reflexión moi incompleta, pois son termos sobre os que teño moitísimo que aprender, sen embargo, ahí deixei plasmadas as miñas primeiras impresións.