4. Compartindo perspectivas

4. Compartindo perspectivas

Última actualización de en Iria Vilar San José

Nunha viaxe compartida coma ésta non podía faltar un espazo para o debate. Cada un fumos realizando entradas no Stellae que, con máis ou menos éxito, pretendían xerar intercambios de opinión. Non sempre cumpriron co seu obxectivo, cando menos no meu caso, sen embargo, servíronme para realizar unha lectura crítica dos coñecementos que estaba a adquirir.

Xa dixen anteriormente que tendo a pecar de hipercrítica, polo que, ás veces, cústame recoñecer os aspectos positivos dos temas que estou a tratar no lugar de lanzarme a procurar o que é susceptíbel de mellora.

Así se pode ver na miña entrada Piratear ou liberar cultura?, toda unha crítica ao copyright na que, iso sí, fun capaz de recoñecer que os que producen esta cultura teñen dereito a subsistir a través do seu traballo. Posteriormente, María José Nemiña publicou unha entrada que titulou Derechos de autor tratando as licencias copyleft na que, nos comentarios, defendín tamén este modelo de licencia fronte á do copyright. E é que a miña dúbida sobre o copyright é se realmente defende os dereitos de autor ou fai medrar ás grandes corporacións da industria que arrodea a estes autores. Non vexo moitos aspectos positivos nas licencias copyright, aínda que supoño que tamén é difícil desfacerse dos vellos hábitos e o hipercriticismo lévame acompañando moitos anos.

Posteriormente, ao fío do tratado sobre a xestión da información, publiquei a entrada Un pouco de desorde informativa, que relacionei coa hiperespecialización da que falaba Umberto Eco nunha entrevista. Foi unha perspectiva que xa expresara no contexto dunha clase interactiva: o feito de filtrar tanto os contidos que nos chegan pode facer que nos perdamos outros contidos que poden xerarnos novos intereses. Así, creo que é importante xerir a información para obtela dun xeito sistemático e rigoroso, pero tamén pararse de cando en vez a ollar outras informacións que aparecen pola rede e que tamén poden resultarnos valiosas.

Tamén publiquei Profesores en guerra, unha entrada bastante diferente ás outras, froito dunha clase tamén diferente. Esta entrada xurdiu despois de que Nusa compartise con nós as súas experiencias en Siria, Estado sobre o que estamos moi afeit@s a escoitar falar da súa situación política ou, máis ben, bélica. Sen embargo, nada sabía eu da súa realidade educativa, nin da anterior ao conflicto, nin da posterior. Non sabía todos os avances que estaban a acadar en educación, sempre desde a miña perspectiva etnocentrista que considera, aínda que non queira recoñecelo, que as innovacións se producen en occidente. Tampouco sabía nada d@s profesor@s que, no medio dunha guerra e sen ningún recurso, ás veces incluso sen estudantes, van todos os días tratar de seguir coa súa laboura. Foi a miña entrada máis emotiva porque, non atopo outro xeito de expresalo,  o seu traballo conmoveume. Sei que non fun a única, as entradas sobre a charla de Nusa multiplicáronse por todo o blogue.

Outro tema que deu lugar a moita actividade no Stellae foi o emprego que fai a infancia das TIC e como podemos os adultos intervir para minimizar os riscos e potenciar as súas posibilidades. Ana Morala Escobar, por exemplo, lanzábanos na súa entrada TIC e infancia a pregunta de se se deberían empregar TICs ou xoguetes para a educación da infancia. Como deixei exposto no meu comentario, creo que un pouco de todo é o máis axeitado, non se poden deixar de lado as innovacións tecnolóxicas que están a ter lugar, sobre todo porque, dun xeito ou doutro @s nen@s van ter acceso a elas e penso que mellor que estexan preparados para facer un emprego máis responsábel; pero renunciar ao xogo tradicional, con ou sen xoguetes, no que interaccionan co seu medio e cos seus pares, paréceme igual de perigoso.

Rocío Rodríguez Estévez preocupábase, en ¿Contrato móvil o educación?, de se os pais, ao dar acceso ás TIC aos seus fillos, debían asinar con eles un contrato ou proporcionarlles a educación precisa para empregalas sen riscos. A miña compañeira defendía ambos puntos de vista, eu fixen o mesmo no meu comentario. Para min prima a educación, sen embargo, son moitos os riscos aos que nen@s e adolescentes se poden ver expostos na rede, así que mellor chegar a certos acordos para tratar, na medida do posíbel, de evitalos.

Por suposto, nun blogue da asignatura Tecnoloxía Educativa non podían faltar as referencias ás innovacións que as TIC xeraron na educación. Así o recolleu Carla Vázquez Formoso na entrada Antes era E-learning, agora M-learning! na que falou sobre a formación do coñecemento a través dos móbiles, sobre os estilos de aprendizaxe que desenvolvían e, tamén, de se os actuais docentes estaban preparados para integrar este novo xeito de acceso ao coñecemento. No meu comentario centreime na sobrecarga de información que podemos chegar a sofrir se non desconectamos nunca e en que necesitamos, tamén, deixala repousar para que se convirta en coñecemento.

Rosa Rey García, pola súa parte, recolleu en Como utilizar la publicidad en la educación, as posibilidades do emprego de estratexias propias da publicidade para a motivación dos estudantes. Sen embargo, pódese ver no meu comentario que non é algo co que estexa precisamente conforme, debido a que considero que a motivación xerada pola publicidade é moito máis superficial da que se precisa no ámbito educativo. Tampouco me atraeu moito o concepto de marketing educativo, referido ás accións que emprenden os centros para atraer estudantes, que, na miña opinión, xeraría unha forte competitividade entre os centros.

Por suposto, a rede Stellae recolle moitísimos máis debates, esta só é unha pequena parte, a parte na que eu tiven algunha participación medianamente valiosa. Noutras entradas, que lin e me pareceron sumamente interesantes, non considerei que puidese facer ningunha aportación de interese, por descoñecemento do tema, ou por coincidir case punto por punto cos argumentos expresados pol@ seu/súa autor/a.