5. Desenvolvendo habilidades

5. Desenvolvendo habilidades

Última actualización de en Iria Vilar San José

Nesta viaxe tamén tiven que arremangarme e aprender a facer cousas por min mesma. Sí, xa sabía que o desenvolvemento da autonomía era un dos principios do programa, pero tiña as miñas dúbidas sobre as miñas capacidades para desenvolvela.

Cando digo que aprendín o que era a curación de contidos, refírome a que o aprendín de verdade, a que tiven que interiorizalo mediante a práctica, como se reflicte no meu arquivo sobre coa Infografía sobre curación de contidos, no que explico gráficamente as ferramentas que emprego agora para xerir a información das redes. A maioría de recursos que aparecen reflectidos nen sequera os coñecía, así que tiven que facer unha pequena investigación sobre estas ferramentas para decidir cales podían serme útiles e cales debía descartar por non ter moita funcionalidade para min. Esta práctica permitiume acceder a todo un mundo de recursos que descoñecía totalmente e tamén a aprender a organizarme para evitar a infoxicación que tendía a sofrir cada vez que me poñía a navegar pola rede.

Da seguinte práctica xa falei un pouco anteriormente, trátase da creación dunha entrada na Wikipedia. Concretamente, xunto con Tamara Cao Vigo, colaborei no desenvolvemento da entrada sobre Competencia dixital. Non eramos o único grupo que estaba a escribir nesa entrada e a miña aportación foi pequena, pero para min supuxo moitísimo. Xa o dixen antes, pero reitérome, supuxo valorar a creación compartida de coñecemento. Tanto tempo visitando a rede e nunca o fixera, agora espero poder facelo moitas veces máis. Para min é a máis importante potencialidade desta aldea global e non quero seguir a desaproveitala.

A última práctica que realizamos foi a creación dun vídeo. Cando o vin no programa pensei que ía ser imposíbel, que eu non ía ser quen de facer iso. Pero, mellor ou peor, fun saíndo adiante. Non tería sido posíbel sen Tamara Cao Vigo, como deixei reflectido na miña entrada O proceso da video-creación. Non quero reiterarme no que xa puxen no blogue, así que só direi que foi enormemente interesante ver como as nosas ideas se ían plasmando no vídeo Competencia dixital no 2015, entre PLEs e "hiperlectura"! sobre a nosa adquisición de competencias dixitais coma inmigrantes neste mundo.

As prácticas permitíronme afondar nos contidos que fun adquirindo nas clases teóricas e tamén coñecer outros novos, reflexionar e, como non, poñer en práctica habilidades que nen sequera cría que puidese ter.