6. Revisando a viaxe

6. Revisando a viaxe

Última actualización de en Iria Vilar San José

Ir escribindo neste ficheiro, repansando cada unha das etapas da viaxe que realizamos ao longo do cuadrimestre foi algo semellante a ollar un álbum de fotos das vacacións. Repasas todo o que fixeches de xeito máis pausado e tes unha visión de conxunto.

Agora vexo como diferían as miñas espectativas sobre a asignatura con respecto ao que resultou ser na realidade. Pensaba eu nun proceso sistemático de revisión de ferramentas, cando resultou ser unha ollada crítica á tecnoloxía educativa. O fomento dos debates, da reflexión, do traballo autónomo... sentaron as bases para que sexamos nós os que avaliemos como empregar esas ferramentas, de xeito útil, pero tamén ético. Fixéronnos pensar e iso é o que fai que unha asignatura me faga sentir satisfeita, que sinta que me aportou algo valioso.

Non sei se souben reflectir todo o que aprendín, máis ben teño claro que non. O que adquirín foi moito máis do que expresei. Sen embargo, como xa dixen ao principio, eu sempre fun moito máis consumidora que productora neste mundo dixital. Facer as entradas custoume un mundo, sempre co medo de non saber explicar o que me andaba pola cabeza ou de non ter información suficiente para avaliar o que iamos traballando. De todos xeitos, creo que as miñas entradas foron mellorando ao longo do cuadrimestre, recollendo máis información e aportando máis reflexión. Aínda así, son moi consciente de que a marxe de mellora é moi ampla e espero ir cobríndoa co tempo, sobre as bases do que fun aprendendo.

Non me vou avaliar cunha nota, non sería quen. Só podo dicir que descobrín que a tecnoloxía educativa ten moitísimas posibilidades que eu non coñecía e que me resultaron enormemente atractivas, que me sinto moito máis preparada para enfrontarme ao mundo dixital e que teño unha visión máis crítica de todo o que en el se desenvolve.