a) Resumo dunha viaxe fallida e planeando unha nova aventura.

Hai xa algúns meses emprendín unha longa viaxe para a cal non sabía moi ben se estaba preparada, e para que mentir tampouco me resultaba atractiva, debido sobre todo ao rexeitamento que daquela sentía pola tecnoloxía.

Como todo aquilo que se fai sen ganas, a cousa saiu mal. A miña actitude negativa e pesimista fixeron que a viaxe resultara un auténtico desastre. Mentres que moitos dos meus compañeiros e compañeiras disfrutaron ao máximo dela eu o non o fixen.

Polo cal decidín emprender hai cousa de dous meses unha nova aventura. E desta vez cunha actitude positiva e totalmente renovada e cos meus obxectivos respecto desta travesía claramente definidos. O fío que me ía guiar durante esta viaxe ía ser a Intelixencia Colectiva, pois creo que esta viaxe proporciónanos a oportunidade de aprender uns de outros, de interactuar, de avaliarnos, de convivir... dun xeito diferente ao que estamos acostumados.

Para esta odisea decidín facerme cun caderno de viaxe e preguntarédesvos cal foi a miña razón para facelo, pois ben, estes cadernos son unha ferramenta que nos permite almacenar toda aquela información das nosas viaxes para poder consultala no momento que queiramos. Permite rexistrar experiencias, observacións, anotacións...realizadas polos viaxeiros.

Non vos resulta esta descrición un tanto familiar? A min sí, creo que ese caderno que me acompañará durante esta intensa viaxe garda moitas semellanzas co noso querido Stellae, onde cada un de nós deixou reflexado o seu proceso de ensino-aprendizaxe respecto desta materia.

E agora non quero entretervos máis e déixovos co relato da miña viaxe....3, 2, 1...arrincamos!