2. Orientándome dende dentro

2. Orientándome dende dentro

Última actualización de en Jesús López

Os inicios non foron fáciles. Era un camiño custoso e novo, respondía a unha nova metodoloxía pouco coñecida na práctica para min. As dúbidas coas que comecei o camiño, axudáronme a emprendelo, pero despistáronme do sentido da materia e do propio percorrido nun primeiro momento. Estas sensacións, xunto con máis, expliqueinas en O último que apague a luz…

Perdinme e foi preciso que me orientase. Retomei camiño con máis impulso e comprendín a importancia das novas alfabetizacións e máis do desenvolvemento da competencia dixital. Xa non era un ente pasivo, un consumidor, agora debía coñecer e converterme nun prosumidor. Nesta liña, Contribuíndo a Galipedia, foi unha experiencia acertada para dar o primeiro paso.

Non só iso, pois sería fundamental para volver ao traxecto facerme cunha brúxula e un mapa. Facerme ao fin, cun conxunto de ferramentas, fontes de información, conexións e actividades que debía utilizar asiduamente para aprender, para recorrer un camiño persoal e non marcado. Ser máis eficiente e autónomo. No meu caso non se tratou só dun contido intrascendente da materia, senón que foi chave para a comprensión da metodoloxía e o traballo nela. Comprendín a importancia de todo isto e expliqueino en Que diaños é un PLE?

Comprendín a importancia, como reflectín na entrada, de que as persoas sexan quen de aprender por si mesmas a través dos recursos que teñen ao seu arredor. A idea de que aprender dos outros é tan importante como aprender cos outros. Debía poñelo en práctica se quería chegar ao meu destino. A resposta á primeira avaliación foi inmediata.

Pronto sentín que os coñecementos adquiridos ían casando coas habilidades e as actitudes persoais e expreseino en Ladran, Sancho, señal que cabalgamos. Sentíame menos indefenso na frondosidade do bosque e máis coñecedor da realidade do mesmo. Así, na mesma entrada reflexionei sobre os cambios que este bosque provocara no mundo (sociedade, cultura, política, economía e educación). Falei da comunicación e da identidade dixital, de cibercultura e da cultura da participación, así coma da adaptación da escola a todos estes cambios. Relacionando así, os contidos da materia co meu interese inicial.

Entendín entón que a frondosidade do bosque tecnolóxico educativo non debía angustiarme e na propia entrada, falei dun reto, dun novo contexto que afrontar. Así e todo, decidín elaborar un pequeno esquema, un mapa pequerrecho do percorrido andado, do coñecemento enlazado. Tituleino así Consecuencias de Internet e da Web 2.0