3. Construíndo a miña cabana

3. Construíndo a miña cabana

Última actualización de en Jesús López

De pronto gústache e, como cando es un cativo, decides quedar. Quedar naquel lugar que che interesa, aquel sitio repleto de posibilidades e vida. O bosque é un gran ecosistema e, en certo modo, o bosque tecnolóxico educativo tamén o é. Pois, con todo, está cheo de ferramentas, conexións, relacións e posibilidades que repercuten na sociedade e que poden ser utilizadas para a mellora e o perfeccionamento da ensinanza-aprendizaxe.

Deste xeito, decidín construír unha cabana, un pequeno lugar persoal para ter moi presente, un sitio, ao fin, que cada vez gañaba máis importancia. Quizais, cando decidín construíla non me decatara de que a miña futura vida profesional e persoal requiriríame visitala a miúdo.

Por iso, cando fun consciente, decidín poñer todo o meu empeño en que fose segura, acolledora e confortable. Os cimentos, decidín construílos a partires dun marco teórico que sustentara uns alicerces críticos e reflexivos, que a súa vez posibilitasen construír unha cuberta segura, responsable e equilibrada que me permitise deseñar e avaliar materiais e programas educativos de tipo tecnolóxico. Na inmensidade e frondosidade dun bosque coma o tecnolóxico educativo, poder construír, utilizar e conservar unha cabana así, pensei que podía ser unha decisión exitosa.

Para conseguir un refuxio destas características, que non se degradase coa climatoloxía e as condicións do bosque, entendín que había certos materiais que xa non tiñan a relación con este novo contexto, aínda que antigamente o tiveran con outros. A pedagoxía da enunciación, a marxinación da comunidade virtual na escola, o alumno coma consumidor, o docente coma transmisor único do coñecemento non eran materiais propicios para a miña cabana, pois non poderían sustentar a cuberta precisa para este bosque.

Así, atopei moito máis apropiado utilizar outro tipo de materiais que aproveitasen as condicións do propio bosque tecnolóxico educativo. Deste modo, cheguei a conclusión da necesidade de camiñar cara a formulación transmedia. Explicando o concepto de narrativa dixital transmedia, relacionándoo coa cultura da participación e maila intelixencia colectiva, a converxencia cultural, o empoderamento do individuo e o que provoca nas nosas aulas a aplicación destes novos modos de entender a educación. Expliquei todo estes conceptos e constatei, de igual modo, a opinión de diversos autores e investigadores sobre os beneficios pedagóxicos da súa aplicación en Da educación monomediática á transmedia.

Pero, non tería sentido perder perspectiva e pensar só na miña cabana, obviando a influencia que nela xeran outros axentes. Así, achegámonos primeiro por grupos, e logo de xeito individual, a observar A influenza da política educativa na integración das TIC, posto que, de nada serve construír unha cabana coma a que pretendía sen coñecer os aspectos que influirán nela. Aplicado a influenza da política educativa, a súa importancia é tanta ou máis, coma reflicto nesta entrada. Para sobrevivir no bosque, hai que coñecer o bosque.