4. A filosofía do bosque tecnolóxico educativo

A raíz dos últimos paseos da man da materia polo bosque, decateime de que sigue habendo numerosas institucións e profesionais educativos que utilizan materiais e teorías que foron útiles noutro tempo e noutros contextos, pero que a día de hoxe non o son neste bosque da tecnoloxía educativa. Como expliquei en Das teorías…á practica o conductismo segue moi presente en moitos softwares, recursos educativos abertos e nas mentalidades de moitos docentes, pois, en moitas ocasións as posibilidades que nos ofrece o bosque tan só son utilizadas coma soporte da educación tradicional. Nesta entrada, cheguei a conclusión de que a utilización de TICs non supón irremediablemente que se utilicen novas formas de aprendizaxe, coma pode ser Etoys, a cal foi posta en práctica na clase, coma exemplo de experiencia constructivista.

Deste xeito, comecei a cavilar en que este novo contexto, este bosque tecnolóxico, debía ter unha teoría na que tiveran cabida tódalas aprendizaxes, coñecementos, recursos e ferramentas vistas ao longo da materia. Un elemento central que contivese a idiosincrasia do bosque tecnolóxico educativo, a súa esencia. Unha filosofía na que aplicar as habilidades, actitudes e competencias adquiridas ao longo da materia.

O CONECTIVISMO!

Estivo acompañándonos no desenvolvemento da materia dende o comezo e non nos decatabamos. Trátase dunha nova teoría que, no fondo, é unha evolución do constructivismo cando a aprendizaxe ten lugar en ambientes moi conectados. Parte da idea de que o coñecemento se basa no desexo de aprender, nas interaccións entre persoas e ou máquinas, o establecemento de redes de conexións, e maila actualización continua da información e a toma de decisións axeitadas sobre que aprender ou reaprender en cada momento.

Pola nosa parte, realizamos numerosas actividades baixo o paraugas do conectivismo: un collage fotográfico, redactamos unha noticia, practicamos a curación de contidos e convertémonos en auténticos prosumidores. Levamos a cabo o storyboard e máis o vídeo, así coma unha presentación de contidos anteriormente consultados, valorados e resumidos. Todo isto, acompañado das nosas numerosas entradas e tweets, nos que a construción do coñecemento veu en gran parte pola interacción cos demais en forma de comentarios (a mellor experiencia que me levo do Stellae) así como coa lectura dos blogs e o debate. Ao fin, servímonos de numerosos medios e plataformas para construír o coñecemento propio e alleo (a intelixencia colectiva) Utilizando, sen decatarnos nun primeiro momento, a formulación transmedia. Rachamos cos procesos de ensinanza-aprendizaxe tradicionais e camiñamos, xuntos, cara outros novos que experimentamos e puxemos en práctica.

Deste xeito, agora síntome reconfortado con aquel comezo no que o camiño presentaba dúbidas. Con todo, levamos a cabo un paseo por un bosque que nos ensinou moitas das grandes posibilidades coas que nos agasalla a Tecnoloxía Educativa. Por isto, coma reflectín na miña última entrada O último que apague a luz… Pero que non peche a porta, pois o noso camiño coa Tecnoloxía Educativa acaba de comezar. Agora, as habilidades e competencias que adquirimos para deseñar, avaliar materiais e programas educativos, así como criticar diferentes propostas de innovación con tecnoloxía, deben ser perfeccionadas e melloradas. Pola miña parte, as motivacións do comezo lonxe de estaren satisfeitas, foron a máis.

Coma xa dixen; para vivir no bosque, hai que coñecer o bosque. Considero que agora, temos os coñecementos básicos sobre o mesmo. Nembargante, para moverse no bosque, debemos seguir en contacto coa súa natureza e filosofía.

 

Que a nosa experiencia non remate aquí, tócanos ser responsables co formulado estes meses!