1.1O proceso de aprendizaxe

Para realizar unha análise á vez que sintetizar todo o aprendido coa materia de Tecnoloxía Educativa, decidín empregar como comparación o proceso de aprendizaxe para montar en bicicleta. Todos, ou a maioría, sabemos montar en bicicleta e somos conscientes de que é un proceso complicado no seu comezo e que require constancia e dedicación, ao igual que o proceso de aprendizaxe desta materia. Este proceso pasa por etapas diferentes e vai gañando forza e elementos a medida que aprendemos, ao igual que no caso da bicicleta.

Nun comezo tiña unha concepción sobre a materia de Tecnoloxía Educativa, que se orientaba cara unha materia teórica na que traballariamos coas novas tecnoloxías á vez que aprendiamos conceptos relacionados coas mesmas. Para a miña sorpresa e xa dende a primeira clase, a metodoloxía que ían empregar as profesoras e os métodos de aprendizaxe que levamos a cabo eran totalmente diferentes aos que eu esperaba.

Nas seguintes páxinas vou realizar unha análise do meu proceso de aprendizaxe e como co tempo e coas caídas, fun conseguindo manterme e, finalmente, acadar o meu propósito: lograr montar en bici sen axuda e sen dificultades.