1.3 O comezo da marcha

Unha vez que nos subimos na bicicleta e nos familiarizamos con ela, somos capaces de comezar a andar. As rodiñas permítennos gañar estabilidade e manternos firmes, circulando sen ningunha dificultade. Do mesmo xeito, creo que a miña posición con respecto ás tecnoloxías se mantivo estable durante o tempo de desenvolvemento da materia, aínda que o meu coñecemento sobre elas aumentou de xeito considerable. Dende sempre, considerei necesaria a introdución das novas tecnoloxías como un instrumento educativo e unha forma nova e actual de aprendizaxe que require unha transformación das metodoloxías que se empregan na actualidade. O seguinte blog demostrao:

Tecnoloxía suficiente ou insuficiente?

A raíz da última clase expostiva na que analizamos unha serie de frases, chamou a miña atención unha en concreto: 'Las tecnologías son insuficientes para mejorar la educación si su integración no se produce en el contexto de una reformulación metodológica global (formativa, organizativa y curricular), capaz de generar algún tipo de ruptura con los modelos educativos previos'.

Durante o tempo que tivemos de reflexión, as miñas compañeiras e eu chegamos á conclusión de que estamos de acordo coa afirmación xa que a educación está composta por un conxunto de elementos que fan que avance e se transforme, os cales deben traballar conxuntamente para evolucionar. Do mesmo xeito, se estes aspectos traballasen de forma individual os logros que conseguirían serían moito máis baixos e limitados.

A tecnoloxía está presente na educación dende moito antes do que imaxinamos: calculadoras, impresoras, procesadores de texto... Axudan dende fai anos a alumos e profesores no proceso educativo. Na actualidade, as tecnoloxías avanzan moi rapidamente e, ademais, contamos con Internet. Internet é unha ferramenta que eleva á tecnoloxía a un grao superior, xa que hoxe, case todo o mundo conta cun smartphone ou tablet que lle permite ter moitos accesos independentemente do lugar no que se atope.

Tony Bates, director de Distance and Technology, na Universidade de Columbia Británica, afirma que o éxito da tecnoloxía nos procesos de ensinanza-aprendizaxe depende non só da introducción de ordenadores e da creación dun sitio web, senón tamén de que se produzan cambios importantes na cultura tanto docente como organizativa dos diversos centros. As novas tecnoloxías producen cambios na organización do traballo, polo tanto, tamén é preciso que a organización da educación mude, para dar paso á introducción das TICs.

Polo tanto, dende o meu punto de vista, a tecnoloxía debe ser incluída na educación dende xa, pero son necesarios tamen unha serie de cambios estruturais e organizativos paralelos á introducción das TICs. De nada valería poñer a disposición dos alumnos dunha aula ordenadores, se o método de ensinanza segue sendo o tradicional, no que o profesor fala e o alumno se limita a atender e escoitar.