1. Primeiro contacto coa Tecnoloxía Educativa

Nun primeiro momento, cando aínda non tiña ningunha referencia sobre a materia, posicioneime nunha afirmación que dicía que “a tecnoloxía xera innovación”. Pois ben, agora podo dicir que nada máis lonxe da realidade, pois ao longo da materia puiden comprobar que a introdución da tecnoloxía non implica avance nin innovación. Un exemplo claro disto dáse nas aulas, onde a educación segue sendo una educación tradicional, mais agora usando ordenadores, proxectores e mesmo tablets. As novas tecnoloxías, ben empregadas, deberían facilitarnos o día a día, axudarnos a desenvolver a nosa creatividade e poderían verse mellorados os procesos de ensino-aprendizaxe.

Queda un longo camiño por recorrer neste senso, xa que os avances deben ir da man dunha educación acerca dos mesmos, de maneira que a xente saiba como empregar as tecnoloxías de xeito respectuoso e racional.

Ao longo desta análise final sobre a materia tentarei ser obxectiva e crítica co meu paso pola Tecnoloxía Educativa, mais quero destacar xa agora, que estas aprendizaxes non rematan co peche da materia, isto só foi o comezo.