2. No medio do Labirinto

2. No medio do Labirinto

Última actualización de en VanesaPais

No labirinto da Tecnoloxía Educativa comecei cun paso inseguro sen saber moi ben que camiño escoller para abordar a materia e todo o que esta abarca.  Como o tempo era escaso e o labirinto complexo e longo decidín, baseándome nas miñas experiencias previas, escoller o camiño vinculado ao académico, máis formal e que se limita a expoñer un feito sen unha reflexión persoal, sen unha opinión verdadeiramente propia. Limiteime a camiñar nesa dirección pois tiña liberdade e o labirinto non me cortou o paso en ningún momento, semellaba algo sinxelo, que logo ía encontrar a saída. Máis no fondo sabía que este camiño probablemente non me conducía a ningún lugar, xa que me estaba limitando a unha reprodución máis extensa dos conceptos que se me entrecruzaban no meu percorrido. Ademais, a miña interacción cos usuarios que se encontraban neste mesmo labirinto era escasa, así como o emprego de outros recursos visuais como os vídeos e as imaxes. Pese a isto todo parecía ir ben,polo que fixen un pequeno descanso para recobrar forzas e de pronto encontreime que o camiño que escollera non tiña saída, mirei ao meu arredor e albisquei un pequeno raio de luz, decidín facer un pequeno xiro e de pronto sentín que ese camiño realmente era o máis axeitado para saír dunha vez por todas. Neste novo camiño tiña presente o emprego dun enfoque aberto e reflexivo que intentaba fuxir da visión limitada do principio, pero o cansazo estaba presente, aínda así intentei realizar blogs sobre temas do meu interese que tiñan relación coa Tecnoloxía Educativa, como foi a importancia do coñecemento libre, a importancia da intelixencia artificial e a introdución da tecnoloxía no ámbito educativo.

Para realizar as entradas no Blog contrastei opinións e busquei información para logo elaborar unha idea propia na que tivera lugar a reflexión e a crítica, intentando que esta última fora fundamentada sobre feitos probables e información válida e fiable. Tamén intentei afondar máis na materia e non quedarme nunha visión superficial dos conceptos, como foi no caso da entrada dedicada aos termos de copyleft e copyright.

Finalmente, debo dicir que este traxecto non foi doado ben sexa porque requiría de tempo ou ben pola predisposición que eu mesma puxen ante a rede social Stellae. Pese a todo isto o emprego de todo isto penso que foi beneficiosa para promover o noso traballo autónomo e a reflexión crítica, evitando quedarnos só no que nos di a mestra da materia.