2.1. (Des)humanización

2.1. (Des)humanización

Última actualización de en Yolanda Rial

“A tecnoloxía deshumaniza”, “A tecnoloxía non aporta nada á Educación”, “Os pedagogos deben introducir tecnoloxía na súa práctica”, “A tecnoloxía xera innovación”.

Así comezaba a primeira sesión expositiva da materia Tecnoloxía Educativa; tendo que situarse diante dunha cartolina, para escoller unha das afirmacións coa que estábamos máis de acordo.

Que é, e que imaxes se nos pasan pola cabeza ao pensar na palabra tecnoloxía? Probablemente pensemos nun smartphone ou nun ordenador, pero trátase dun concepto moi antigo; tecnoloxía, palabra composta de orixe grego (téchnē arte e lógos tratado). Hai milleiros de definicións para a devandita palabra, mais, a Real Academia Galega define o termo tecnoloxía como: Conxunto de procedementos e instrumentos técnicos que se empregan nunha actividade específica. (Quizais algo escasa para todo o que leva implícito).

A tecnoloxía pasou a estar presente en case todos os ámbitos da nosa vida cotiá, a meirande parte das actividades que realizamos ao longo do día implican a utilización da tecnoloxía. Na actualidade, a sociedade está profundamente definida polas tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Dende o desenvolvemento económico, industrial, social, cultural das nacións; ata as relación profesionais, interpersoais e a educación, entre outros, están transversalmente vinculadas coas tecnoloxías. A nosa xeración e as posteriores, afrontan un risco como consecuencia da interdependencia cara a tecnoloxía en todos os niveis, tanto que dependemos dela case absolutamente. Os avances tecnolóxicos e a modernización son un evidente factor de progreso, pero estes á súa vez poden ser un factor de deshumanización; non pola tecnoloxía como tal, senón polo uso que se lle poida dar a esta. A tecnoloxía facilita as nosas vidas, pero trae consigo unha modificación das pautas e comportamentos.

Non todo vai ser malo. A tecnoloxía humaniza no feito de fomentar a socialización das persoas, sempre e cando se empregue como un medio e non como un fin, e non se pode esquecer que deshumanización sería encerrarse no mundo das relacións virtuais.

No mundo educativo ofrece un abanico de posibilidades, establecendo un novo modelo de intercambio de información e contidos, aínda que sería fundamental unha revisión do uso pedagóxico que actualmente se lle está dando neste mundo. A tecnoloxía ofrece a oportunidade de transformar a docencia e optimizar a calidade e os procesos de aprendizaxe dos estudantes, promovendo do mesmo xeito a motivación dos mesmos. Créanse novas oportunidades de aprendizaxe que retan o papel tradicional da escola e da universidade, levando a cabo estratexias educativas adaptadas a esta nova contorna de aprendizaxe. Aínda que os cambios máis profundos que se demandan non serían soamente tecnolóxicos, senón máis ben de mentalidade, de cultura e actitudinais; sabemos que as TIC por si mesmas non melloran o ensino.

“Incorpóranse novas tecnoloxías da información e comunicación á aula, pero son utilizadas baixo un modelo pedagóxico tradicional e obsoleto” (Watson, 2001).

 

Referencias bibliográficas:

Gil, R. (7 de marzo de 2015). La deshumanización tecnológica. El País.

Rodríguez, R. M. (2011). Las tecnologías emergentes y sus retos educativos. XIX Jornadas Universitarias de Tecnología Educativa (JUTE).

Tecnoloxía. (s.f.). Real Academia Galega. Recuperado de: https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/tecnolox%C3%ADa

Watson, D. (2001). Pedagogy before Technology: Rethinking the Relationship between ICT and Teaching. Education and Information Technologies. 6 (4), pp. 251-266.