2.3. CD e CDD

2.3. CD e CDD

Última actualización de en Yolanda Rial

Hoxe en día, a inclusión social debe comprender a inclusión dixital. Polo tanto, antes de comezar a falar da Competencia Dixital, hai tres expresións que me gustaría comentar: sociedade da información, nativos dixitais e inmigrantes dixitais.

O concepto Sociedade da información, xurdido na década dos oitenta a partir da evolución da sociedade postindustrial, evolucionou a un novo concepto, froito da xeneralización do uso da tecnoloxía e da aparición de novas maneiras de aprender e de xerar coñecemento, e levounos ao que se coñece como sociedade da información e do coñecemento (UNESCO, 2005); poderíase resumir na capacidade dos seus membros para obter e compartir calquera información, instantaneamente, desde calquera lugar e na forma que se prefira.

A era da tecnoloxía creou un ser humano novo coñecido como nativo dixital, termo acuñado polo autor estadounidense Marc Prensky en 2001, que se distingue do inmigrante dixital, por ser aquel que nace e se desenvolve dentro dun contexto que o familiariza coa cultura das novas tecnoloxías. Contribuír a reducir a fenda dixital, favorece a unha maior igualdade social.

Que é a Competencia Dixital (CD)? A Competencia dixital implica o uso crítico e seguro das Tecnoloxías da Sociedade da Información (TIC) para o traballo, o tempo libre e a comunicación. Apoiándose en habilidades TIC básicas: uso de computadores para recuperar, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e para comunicar e participar en redes de colaboración a través de Internet” (European Parliament and the Council, 2006). En liñas xerais, a competencia dixital tamén pode definirse como o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías de información e comunicación para alcanzar os obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o tempo libre, a inclusión e participación na sociedade.

A Competencia Dixital Precisa do desenvolvemento de diversas destrezas relacionadas co acceso á información e alfabetización informacional, o procesamento e uso para a comunicación e colaboración, a creación de contidos dixitais, a seguridade e a resolución de problemas, tanto en contextos formais como non formais e informais. Capacitar ás persoas para facer un uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles co fin de resolver os problemas reais dun modo eficiente, así como avaliar e seleccionar novas fontes de información e innovacións tecnolóxicas, a medida que van aparecendo, en función da súa utilidade para acometer tarefas ou obxectivos específicos.

En canto ao termo Competencia Dixital Docente (CDD), este fai referencia á necesidade do profesorado de posuír un nivel de CD que lle permita utilizar a tecnoloxía con eficacia, de forma adecuada, adaptada aos seus estudantes e ás aprendizaxes que estes deben conseguir.A importancia da formación inicial do profesorado e en concreto a formación en Competencia Dixital Docente, é un tema amplamente tratado. A profesión do docente, así como o seu rol social, foi evolucionando a medida que avanza a sociedade e as demandas que esta realiza ao sistema educativo.

A Comisión Europea (2012) salienta a necesidade de ter un profesorado de calidade, ben capacitado para formar alumnos que precisan de competencias para satisfacer as necesidades dunha sociedade cada vez máis complexa. Sinala que a formación inicial dos docentes debe garantir a formación dixital, especialmente a nivel metodolóxico coa finalidade de aproveitar as potencialidades das TIC.

A modo de conclusión, resaltar que por unha banda, existe esa fenda dixital entre os que saben traballar e comunicarse en contornas virtuais e os que non. E, tamén é unha realidade que a escola aínda non afrontou esta alfabetización. A maioría dos estudantes formámonos de forma autodidacta, a través dos nosos iguais, pero non en contornas educativas. Este sería un dos primeiros retos que deberíamos asumir de forma prioritaria.

Por outra banda, e non menos importante, no caso da competencia dixital na educación, existen varias definicións dos elementos que a conforman; poderíase resumir na capacidade de aplicar a tecnoloxía para mellorar os procesos de aprendizaxe. É evidente que o mundo dixital é unha realidade da vida cotiá tan significativa como as demais e que require dunha formación previa antes de ser afrontada, alcanza cada vez unha maior relevancia na educación e no ámbito profesional.

A competencia dixital non só proporciona a capacidade de aproveitar a riqueza das novas posibilidades asociadas ás tecnoloxías dixitais e os retos que expoñen, resulta cada vez máis necesaria para poder participar de forma significativa na nova sociedade e economía do coñecemento do século XXI.

 

Referencias bibliográficas:

Corbella, M. R., Blanco, M. G., & Fernández, A. D. (2012). Competencia digital: la brecha entre lo que hay y lo que debería haber. In Sociedad del conocimiento y educación (p. 285).

Lázaro Cantabrana, J. L., & Gisbert Cervera, M. (2015). El desarrollo de la competencia digital docente a partir de una experiencia piloto de formación en alternancia en el Grado de Educación. Educar, 51(2).