2.4. Xestionando o caos

2.4. Xestionando o caos

Última actualización de en Yolanda Rial

Na Rede existen miles de fontes de información e ferramentas dixitais que podemos consultar e utilizar, para crear e compartir información.

A infoxticación é un fenómeno que xorde da inclusión das novas tecnoloxías no noso día a día, no que a cantidade de información que recibimos satúranos e supéranos. Recibimos moita información, pero esta non sempre é de calidade nin chegamos a profundar nela. Temos case calquera coñecemento a golpe de click. Pero isto, ás veces, tamén pode ser un problema, debido en gran parte á saturación de información. Como procesar toda esta información? Que é o máis importante? Cales son as noticias ou actualizacións que máis me interesan?

Esta sobreabundancia de recursos fixo que as nosas Contornas Persoais de Aprendizaxe sexan moito máis ricas e complexas (en inglés: Persoal Learning Environment, PLE). Pero que é un PLE? É o conxunto de ferramentas, recursos, actividades, comunidades, servizos, fontes de información, etc. empregados para a xestión da aprendizaxe persoal. A creación e xestión dun bo PLE permite atopar, seleccionar, organizar, producir e compartir información ou coñecemento.

Tiña escoitado falar do termo curación de contidos, pero tampouco sabía con exactitude a que se refería. Provén do inglés, content curation, e se o aplicamos ao mundo da internet e os medios sociais consiste no proceso de filtrar, agrupar e compartir toda a información provinte destas fontes para quedar coa mellor, a máis completa e a que máis nos pode interesar como usuarios. Na segunda sesión interactiva falóusenos dunha ferramenta para curar contido, Scoop.it (nunca escoitara falar dela), na cal nos rexistramos e puidemos navegar un pouco.

A miña experiencia utilizando algunhas ferramentas para crear Contornas Persoais de Aprendizaxe, non é extensa. Aínda que na materia de Documentación e Información Educativa (cursada en 1º de carreira), ben é certo que empregamos Symbaloo e Netvibes. Symbaloo caracterízase por agrupar as ferramentas dixitais segundo os meus criterios, e por outra banda Netvibes é como un escritorio virtual para organizar widgets, páxinas web, RSS, etc. Ofrecendo tamén a posibilidade de compartir información. Cursando outros estudos, tiven a oportunidade de usar Edmodo, a cal serve para a creación de aulas virtuais; formar grupos, tarefas, etc. así como para a xestión do progreso dos alumnos. Para facer presentacións de traballos empregamos, a meirande parte das veces, Prezi.

No artigo Gestionando el caos a través de mi PLE escrito por balhisay, explica cales son as fontes de información que revisa con regularidade. Das que el menciona, só son coñecedora de Scoop.it, e as alertas de Google. E en canto a Twitter, agora xa non o emprego. O segundo paso no seu proceso de xestión da información é filtrar os contidos, se ben non coñecía moitas das fontes de información que foi mencionando, neste apartado, só podería dicir que me soa Delicious, pero nunca o empreguei. E por último menciona a terceira etapa, na que recrea ou crea novos contidos. Algúns dos servizos que emprega para aloxar imaxes ou diagramas, Flickr o cal si o teño empregado, así como SlideShare para presentacións e Youtube para vídeos.

Como afirmaba nun post que publiquei anteriormente: “a maioría dos estudantes formámonos de forma autodidacta, a través dos nosos iguais, pero non en contornas educativas. Este sería un dos primeiros retos que deberíamos asumir de forma prioritaria”. Ninguén nos ensinou como buscar, seleccionar, organizar, crear información e a ter as nosas contornas persoais de aprendizaxe. Estas ferramentas son pouco empregadas a nivel educativo ou académico, polo cal os alumnos descoñecemos a meirande parte delas, aínda que espero que estes novos descubrimentos que vou facendo pouco a pouco sexan útiles no meu futuro.

En canto ás competencias dixitais que se necesitan para un traballo profesional como pedagogo/a, o básico penso que sería comezar pola curación de contido; saber buscar información, seleccionala e facer unha análise crítica, sabela organizar e transformar, adaptar ou construír.

No plan de estudos do Grado de Pedagoxía da USC, aparecen recollidas algunhas das competencias as cales, creo, que debería posuír un/unha pedagogo/a:

  • Asesorar sobre a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos procesos educativos e formativos.
  • Aplicar os coñecementos teóricos e metodolóxicos necesarios para a planificación, programación e avaliación de accións formativas en contornas presenciais e virtuais, así como para a organización, desenvolvemento e xestión de programas e equipos educativos.
  • Deseñar plans, programas e accións adaptadas aos distintos niveis do sistema educativo, nas modalidades presenciais, semipresenciais e virtuais.
  • Asesorar sobre o uso pedagóxico dos medios e recursos educativos.

Os profesionais da educación temos un papel predominante. Agora ben, estamos preparados para abordar a educación nesta sociedade do coñecemento? Posuímos esas capacidades básicas necesarias para saber aprender e ensinar neste nundo? Realmente estamos alfabetizados, no sentido de estar preparados para ensinar na sociedade dixital?

 

Referencias bibliográficas:

Balhisay. (9 marzo 2015). Gestionando el caos a través de mi PLE. [Mensaje en un blog]. E-Aprendizaje. Recuperado de: http://e-aprendizaje.es/2015/03/09/gestionando-el-caos-a-traves-de-mi-ple/

Boada, J. (16 enero 2017). Diez herramientas imprescindibles para crear tu propio PLE. Recuperado de: http://www.aikaeducacion.com/recursos/diez-herramientas-imprescindibles-crear-propio-ple/

González, M. (13 febrero 2012). Qué es la curación de contenidos y por qué hace tan especial a pinterest. Recuperado de: https://www.genbeta.com/redes-sociales-y-comunidades/que-es-la-curacion-de-contenidos-y-por-que-hace-tan-especial-a-pinterest

Google. [Google]. (2010, marzo 4). How to search works. [Archivo de video]. Recuperado de: Youtube.

Universidade de Santiago de compostela. Grado en Pedagogía. Recuperado de: http://www.usc.es/es/centros/cc_educacion/titulacions.html?plan=13327&estudio=13328&codEstudio=12886&valor=9