3.1. Novas tecnoloxías en idades temperás?

3.1. Novas tecnoloxías en idades temperás?

Última actualización de en Yolanda Rial

Despois dun período sen realizar publicacións debido ao parón polo Prácticum I, vólvome a deixar ver pola rede. Unha das primeiras actividades que se nos propuxo realizar foi relacionar a estancia nas prácticas cos contidos aprendidos, ata o momento nesta materia, mediante unha infografía. Cabe destacar que desta volta eu non realicei o prácticum xa que o tiña recoñecido por cursar anteriormente Educación Infantil, polo tanto, farei unha pequena reflexión sobre a miña estancia de prácticas, alá polo ano 2014, na rede de escolas infantís as cales se atopan espalladas por Santiago de Compostela, A Coruña, Bergondo, Ferrol e Ourense; o que fan un total de dezasete escolas destinadas a nenos e nenas de 3 meses ata 3 anos de idade. Eu estiven nunha das escolas que se atopa en Santiago de Compostela, e se boto a vista atrás e penso na integración das novas tecnoloxías, non as visualizo por ningún lado.

Para comezar habería que diferenciar que non é o mesmo empregar as novas tecnoloxías como soporte educativo que como unha fonte de distracción (froito dunha xeración de pais menos pacientes? ) cando o neno ou a nena non quere comer, ten que esperar nunha consulta do pediatra ou ben para calmalo cando está sufrindo unha perrencha.

A etapa de Educación Infantil é a máis relevante, xa que senta as bases de futuras aprendizaxes, desenvolvemento da imaxinación, adquírense hábitos de conduta e de convivencia, sucédense grandes cambios de crecemento intelectual, adquiren gran capacidade de aprendizaxes, etc. Para conseguir unha educación de calidade é necesario estar en consonancia cos cambios que se producen no noso ambiente educativo. Se cambia a cultura social, a cultura educativa debe cambiar do mesmo xeito, e neste caso refírome á introdución das novas tecnoloxías nas aulas de Educación Infantil. Ver as novas tecnoloxías como recurso para favorecer: a estimulación da creatividade, a experimentación e manipulación, respectar o ritmo de aprendizaxe dos alumnos, o traballo en grupo favorecendo a socialización, a  curiosidade e espírito de investigación, etc. A escola, como axente educativo que é, debe utilizar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para formar e preparar ao alumnado. As institucións educativas deben ser abertas e flexibles aos avances que se produzan na sociedade, para introducilos e adaptalos ás necesidades dos alumnos, favorecendo así a alfabetización dixital. Pero, en primeiro lugar sería necesario dotar as aulas de material tecnolóxico necesario e en segundo lugar, como ben mencionei en publicacións anteriores, atopámonos con educadores/as que non reúnen a formación necesaria para integrar as novas tecnoloxías na aula cunha clara finalidade educativa. Para o manexo dos recursos e para poder incorporalos nas aulas, o papel do educador é fundamental.

Xa non falemos de só empregar as novas tecnoloxías nas aulas, -a parte da nula integración das novas tecnoloxías nas aulas é o pouco aproveitamento das mesmas, como ben poderían ser as redes sociais para darse a coñecer, ou ben actualizar a súa páxina web, xa que a atopo algo obsoleta-, senón tamén da maneira de comunicarse cos pais e entre os pais podería ser moito máis dinámica e interactiva, incorporando contidos ou compartíndoos nunha plataforma das actividades que se realizan na escola para ver que fan os nenos e nenas todos os días, establecer unha comunicación entre todos os centros dos que dispoñen para poder ver e comparar todas as actividades que se realizan a diario.

Innovar no ámbito educativo para min non significa a introdución da tecnoloxía. Sería preciso comezar por buscar novas formas de enfocar o proceso educativo, coherente cos novos tempos. Por que os educadores/as non empregan a tecnoloxía nas aulas? Por non ter acceso á tecnoloxía necesaria, por non posuír competencias necesarias ou ben por que perciben que non é útil nestas idades?

A aplicación que se debería facer das TIC,  profundaría no “como” e non tanto no “que”.

 

Referencias bibliográficas:

Federación de Enseñanza de CC.OO. de Andalucía. (2011). La riqueza de las TICs en el aula de infantil. Revista digital para profesionales de la enseñanza. Recuperado de: https://www.feandalucia.ccoo.es/andalucia/docu/p5sd7900.pdf