1. Botando a vista atrás...o final dun comezo

De cara a poñer punto e final ao desenvolvemento da materia de Tecnoloxía Educativa, cabe botar a vista atrás para observar e reflexionar sobre o proceso e progreso persoal ao longo da materia, e dos cales fomos deixando pegadas na rede Stellae.

Durante o desenvolvemento deste percorrido, foron moitas e diversas as temáticas que tratamos na aula, e outras moitas sobre as que cada unha e cada un de nós escribimos, reflexionamos e buscamos información co obxectivo de aumentar o noso coñecemento e proporcionar datos e fontes de reflexión ás nosas compañeiras e compañeiros en Stellae.

Un aspecto que me gustaría destacar neste primeiro apartado é a importancia que tivo a metodoloxía empregada nesta materia pois, polo menos para min, a utilización dunha rede social como Stellae era completamente novidosa á hora de adquirir coñecementos, permitindo que creásemos unha comunidade de retroalimentación. Ademais, cada unha de nós puido seguir o seu propio ritmo de aprendizaxe e realizar unha aprendizaxe continua a través da relación entre os diferentes post que íamos incorporando ao blog.