2.1. Como foi a subida?

2.1. Como foi a subida?

Última actualización de en Ángela Rodríguez

Como xa sinalei no anterior apartado introdutorio, a utilización dunha rede social como Stellae foi, para min, algo novidoso e orixinal de cara a abordar a materia de Tecnoloxía Educativa, o que tamén me produzo un sentimento de ilusión e motivación pola mesma.

De cara a analizar o meu proceso e progreso durante o desenvolvemento da materia para comprobar a miña evolución na mesma, creo conveniente sinalar e analizar, dende o mes de febreiro ata o presente mes de maio, os post que fun realizando, a maduración das ideas expostas, as reflexións incorporadas, a relación entre as mesmas e a interacción coas compañeiras.

Na miña opinión, o meu progreso no tocante ao desenvolvemento de coñecementos e aprendizaxes na rede Stellae é notorio, pasando de realizar un “diario” de aula, expoñendo o feito na clase ou explicando simplemente o exposto nesta; a realizar as miñas propias reflexións e falando sobre temas que, remotos aos contidos da materia pero relacionados coa mesma, me resultaban sumamente interesantes para incorporar no blog.

Grazas ao progreso e ao proceso seguido durante o percorrido da materia, podo dicir que fun creando unha base de contidos sobre a que afianzar os que viñeron a continuación, permitíndome así crear unha aprendizaxe continuada, moldeando a miña visión sobre o papel das tecnoloxías nos diversos ámbitos da educación, así como a miña mirada pedagóxica.

Por outra banda, destacar tamén as aportacións das miñas compañeiras e compañeiros, dos cales me servín para completar os meus coñecementos e me permitiron informarme sobre moi diversos temas relacionados coa materia, dende noticias novidosas ata recomendacións de series, pasando polas súas propias reflexións sobre temáticas tratadas na aula coas cales podía estar de acordo ou non, pero que me permitían coñecer outros puntos de vista e fundamentar os meus, creando así un espazo de debate, sempre respectuoso de cara ás opinións dos demais, que permitiron autoavaliarnos e crear unha “comunidade” de aprendizaxe na cal todas aprendemos de todas e somos partícipes non só da propia aprendizaxe, senón dunha aprendizaxe colectiva.