3.1. Un primeiro chanzo: tecnoloxía e innovación

Como xa mencionei, ao comezo da miña participación no blog establecín o que considero as bases sobre as que cimentei o resto de conceptos abordados. Polo tanto, creo conveniente escoller como un dos elementos que recupero da materia e que incorporo á miña conciencia como pedagoga, o relacionado coa tecnoloxía e a innovación. O post no cal trato por primeira vez este tema é titulado “A tecnoloxía nas aulas...innovación”, e fixen referencia a el en diversos momentos posteriores.

Sen dúbida, o feito de que a tecnoloxía por si soa non constitúa innovación é a idea que asimilei de xeito máis profundo das abordadas na materia, e a cal relacionei con moitos dos aspectos tratados máis tarde. A miña experiencia persoal coas tecnoloxías ao longo da miña vida como estudante tamén axudou a que me posicionara moi a favor da idea de que innovación e tecnoloxía non son dous conceptos que vaian collidos da man, pois se a incorporación da tecnoloxía e de diversos aparellos dixitais nas aulas non vai acompañada dunha nova metodoloxía que rompa coa tradicional, a tecnoloxía pasará a un segundo plano dende o cal simplemente formará parte das ferramentas de apoio ao docente, en vez de converterse nunha metodoloxía protagonista no proceso de ensino- aprendizaxe.