3.5. Que relación manteñen os chanzos mencionados?

Estes catro contidos sinalados corresponden, seguindo unha orde cronolóxica, aos meses de febreiro, é dicir, ao comezo do cuadrimestre (Tecnoloxía e innovación e a Sociedade do coñecemento); ao mes de abril, logo da volta das prácticas (Intelixencia colectiva); e, por último, ao mes de maio, no cal abordei a temática das e-Learning e os Mooc.

Cada un dos elementos mencionados corresponden a un post concreto pero, no caso dos dous primeiros, foron mencionados en numerosas ocasións posteriores para realizar reflexións e fundamentacións diversas. Ademais, entre os catro existe unha liña que os une e relaciona.

A temática de “Tecnoloxía e innovación” está estreitamente relacionada tanto coa sociedade do coñecemento (a cal se caracteriza, entre outros aspectos, polos avances tecnolóxicos); coma co e-Learning e os Mooc, sendo estas novas metodoloxías de aprendizaxe e ensinanza, sendo isto xustamente o que precisa a tecnoloxía para considerarse innovación, un cambio de metodoloxía. Así mesmo, a “Intelixencia Colectiva” é unha peculiaridade da Sociedade do coñecemento grazas á posibilidade de comunicación e interacción instantánea que nos permite a rede, podendo crear grandes espazos de coñecemento a disposición de todas as persoas con accesibilidade a Internet. Ademais, o espazo de Mooc, especialmente, da a oportunidade de crear comunidades de coñecemento na que cada persoa fai as súas aportacións.

Por outra banda, respecto da relación entre os contidos, sinalar que neles se pode visualizar tanto o proceso como o progreso seguido no tocante ás miñas contribucións ao blog, pasando de temas máis xerais a elementos máis concretos.

Finalmente, resaltar tamén aspectos e temáticas tratadas polas miñas compañeiras que me resultaron especialmente interesantes de cara a introducir na miña “mochila”, tales como o papel das Redes Sociais nas aulas ou a relación entre a violencia machista e as novas tecnoloxías. Sen dúbida, son moitos e diversos os elementos que asimilei ao longo do desenvolvemento da materia e que espero seguir adquirindo no vindeiro (e último) ano do Grado de Pedagoxía, así como ao longo da miña carreira profesional.