3. MODELOS DE TRABALLO

Se ó estudar as condicións do traballo e comparalas coas nosas expectativas decidimos aceptar o contrato como patrón de traíña, o seguinte que debemos facer é coñecer as diferentes metodoloxías de traballo que podemos empregar para comezar a deseñar os nosos adestramentos.

Dependendo da metodoloxía elixida, optaremos por facer especial fincapé no traballo de ximnasio, no remo dentro do mar, nos adestramentos individuais ou grupais, no número de sesións de adestramento diarias e semanais, etc.

O mesmo sucede co asesoramento e coa orientación, pois dispoñemos dunha serie de modelos que nos axudarán a guiar a práctica que levemos a cabo.

tipos estiramento

Así pois, un modelo é "una teoría o marco explicativo de la realidad que supone un posicionamiento teórico-conceptual, que delimita las estrategias y procedimientos y el tipo de intervención a realizar." (Solé, I. 1998: 41). Podemos clasificalos en modelos de orientación e modelos de asesoramento, do seguinte xeito:

MODELOS DE ORIENTACIÓN:

  • Modelo clínico: é a forma máis clásica de orientación. Caracterízase por unha intervención directa e individualizada, con carácter terapéutico e de axuda. Busca satisfacer as necesidades de tipo persoal, educativo e socioprofesional. Baséase nunha relación persoal diádica entre orientador e orientado, ten carácter puntual. Créase no ámbito das teorías da personalidade e da saúde mental.
  • Modelo de programas: trátase dun modelo contextualizado e dirixido a todos (enfoque ecolóxico contextualizado-sistémico). A súa intervención é directa e grupal, con carácter fundamentalmente preventivo e de desenvolvemento. Diríxese a todos os demandantes do mesmo e ó longo de todo o ciclo vital, baséanse na análise de necesidades do contexto onde se van a desenvolver. Implica a todos os axentes educativos e sociocomunitarios, xa que todos son axentes de cambio ou transformación. Os profesionais participan na planificación, deseño e elaboración de programas. A relación que se produce é de colaboración, cooperación igualitaria, simétrica e próxima.
  • Modelo de consulta: caracterízase pola intervención indirecta e individual ou grupal e o seu carácter preventivo e de desenvolvemento (aínda que tamén realiza unha función terapéutica ou remedial). É un modelo contextualizado (carácter ecolóxico da intervención) que se basea na colaboración e dinamización. O consultor capacita a outros profesionais ou paraprofesionais e persoas para actuar en relación suxeito. Isto realízase entre persoas ou profesionais con estatus similares, establecéndose unha relación de igualdade e simetría. Trátase dunha relación triádica na que interveñen tres tipos de axentes: consultor, consultante e cliente.

Estes son os tres modelos básicos de orientación; pero dentro dos modelos de orientación tamén podemos enmarcar os modelos mixtos, que se diferencian polo enfoque individual ou contextual e polo grado de amplitude da intervención, distinguimos os seguintes modelos propostos por Pardo e García Tobío, 1997:

  • Modelo clínico-psicométrico: é un modelo individualista que se centra no estudo e análise das variables organísmicas, do que o suxeito “é” nos aspectos biofisiolóxicos e psicolóxicos. Pretende identificar e describir a conduta dos suxeitos coma un reflexo duns valores innatos, situando o problema no alumno sen ter en conta as variables contextuais. Trata de coñecer as capacidades e aptitudes dos escolares co fin de orientalos académica e profesionalmente, ademais de poder diagnosticar ós alumnos con algún tipo de deficiencia de cara a tomar decisións sobre a súa escolarización e elaborar programas individuais de tratamento á marxe do currículo escolar, facendo que a función da figura do psicopedagogo sexa a de seleccionar, etiquetando ó alumnado segundo as súas capacidades e en base á aplicación de probas coma os test ou a historia clínica, que serían as ferramentas de recollida de información.
  • Modelo psicopedagóxico: ten en conta o contexto escolar do alumnado antes de realizar a intervención individual, é dicir, xa non se centra nas variables internas do individuo, senón que abarca todas as variables ambientais do centro escolar que inflúen na conduta do alumnado, entendéndose estas como as que mellor explican as dificultades de aprendizaxe. O seu obxectivo é cambiar as pautas de actuación da escola adaptándoas ás características e necesidades do alumnado. A finalidade da intervención é previr as dificultades mellorando os procesos de ensinanza-aprendizaxe, apoiándose nunha relación entre asesor e asesorado de carácter colaborativo.
  • Modelo socio-psicopedagóxico: ademais de atender ó centro educativo, atende á comunidade na que este se encontra. Para lograr isto é necesaria unha coordinación de centro e dos profesionais deste coas diversas institucións da zona. Este modelo constitúe un tipo de apoio que busca favorecer a persoas ou colectivos que se encontran en situacións desfavorables. A través dunha análise das condicións do entorno, proponse dotar ó suxeito do poder necesario para que sexa el mesmo quen, logo de coñecer a súa situación, entorno e cultura, adopte as medidas necesarias para propoñer un cambio efectivo. Trátase de lograr unha concienciación de grupo, da súa situación actual e das súas posibilidades de mellora. O orientador é un guía que encamiñe ó asesorado ou asesorados cara a dirección correcta pero sen impoñer as súas ideas ou solucións. Búscase promover un cambio social. Ás variables contextuais que inflúen na conduta do alumnado inclúense ademais do entorno escolar, todo o entorno social.

 

MODELOS DE ASESORAMENTO:

  • Modelo comprometido: o asesor axuda á liberación e emancipación sociocultural de persoas ou colectivos. Analiza as dinámicas de poder na estructura social, a hexemonía de coñecemento e a propia mentalidade das clases ou grupos excluídos. Son os propios individuos os que deben ser críticos coa súa realidade para conseguir cambiala coa axuda do asesor, que debe traballar con eles e non sobre eles.
  • Modelo comunitario: parte da idea de que asesorar é facilitar poder a unha comunidade e ós seus membros ou unha organización, é dicir, aumentar a súa capacidade para tomar decisións sobre a súa propia vida e lograr os seus obxectivos, baixo a idea de desenvolvemento comunitario e de empoderamento. O grao de empoderamento vai depender dos rasgos e necesidades das persoas, grupos e organizacións, do contexto e pode variar durante a súa traxectoria vital.
  • Asesoramento terapéutico: fai especial fincapé no individuo e considera ó asesor como experto que domina os contidos, técnicas ou habilidades para resolver os problemas dos alumnos individuais. O alumno é analizado e intervido por unha serie de profesionais e a escola non se plantexa coma unha institución cunha cultura propia e nun determinado contexto.
  • Asesoramento individual-colaborativo: continúa poñendo o énfase no individuo, sen embargo, caracterízase por buscar e desenvolver programas e estratexias de intervención planificadas por distintos tipos de profesionais. En canto á concepción da escola, segue sen cuestionar a súa participación como institución e organización na que se resolven problemas.
  • Asesoramento consulta-recursos: céntrase na escola dende o punto de vista experto. Cambia a concepción do asesoramento e centra a súa atención na escola para responder ás necesidades do alumnado. Os profesionais do asesoramento son considerados técnicos cuxos coñecementos poden extrapolarse a diversos ámbitos mediante a proposición de pautas de traballo e o control sobre a toma de decisións.
  • Asesoramento curricular: céntrase na escola dende unha dimensión colaborativa e institucional, asumindo a cooperación como estratexia básica de aprendizaxe e desenvolvemento profesional. O asesor, dende o propio centro, dirixe a súa actuación a capacitación profesional e promove procesos de autorrevisión e mellora co fin de crear as condicións necesarias para capacitar ó centro e ós profesores a resolver os problemas por si mesmos.

 

En canto á cuestión de porqué son de orientación e porqué de asesoramento, penso que a forma de traballar é a principal cuestión, posto que hai modelos que casan mellor coas características da orientación e hai modelos que se corresponden máis coas características do asesoramento.

Finalmente hai que dicir que grazas a estes modelos dispoñemos de moitas posibilidades para proceder á hora de traballar, permítennos unha mellor adaptación ó contexto e supoñen unha pauta ou enfoque para a acción. Non hai modelos puros, podemos empregar máis de un. Ademais, os modelos de orientación poden ser usados no asesoramento e viceversa, depende do enfoque que lle demos.


http://stellae.usc.es/red/blog/view/22956/reflexin-sobre-os-modelos-de-orientacin-e-de-asesoramento