0. PRESENTACIÓN

0. PRESENTACIÓN

Última actualización de en Luis Miguel Velay Vivel

Parece que foi onte mesmo cando comezamos as clases deste cuadrimestre que xa está chegando ó seu fin, cando entramos todos por primeira vez na aula 15 esperando que a mestra realizase a presentación da materia. Pero xa este primeiro día nos serviu para descubrir que esta non ía a ser unha materia coma as demais, non ía a ser a clásica materia onde o profesor nos dá unha clase maxistral mentres nós tomamos os apuntamentos pertinentes para a realización dun exame ou dun traballo final. Esta materia busca algo máis que enchernos a cabeza dunha serie de contidos a memorizar, o que aquí se pretende é que sexamos nós mesmos os construtores do noso coñecemento, que entre todo o alumnado ordenemos eses saberes que adquirimos noutras materias e o novo saber que coñecemos grazas ás clases, ás achegas dos compañeiros e ás nosas investigacións.

O certo é que nun principio a simple idea de traballar mediante a construción dun portafolios produciu en min, ó igual que nos meus compañeiros, unha gran inquedanza, polo feito de ser a primeira vez que se me pedía traballar deste xeito e pola falta de indicacións sobre como realizar esta tarefa. Non obstante, isto non foi un motivo que me causase molestia, todo o contrario, afronteino coma un reto que debía asumir para progresar e seguir mellorando a miña formación e as miñas competencias. O certo é que conforme aumentaba o tempo íanseme ocorrendo cada vez máis formas de orientar o meu traballo, pois cada vez que buscaba información aparecía nova información que me parecía interesante incluír no meu blog. Así pois, debo dicir que nun primeiro momento orienteime polos contidos traballados na aula, pero a medida que avanzaba e relacionaba esta nova información coa recibida noutras materias, vin a posibilidade de incluír información moi interesante que non estabamos a traballar na aula. Por tanto neste portafolios pódense atopar moitos contidos que non foron traballados na aula, pero que si que considerei importantes a ter en conta para a nosa futura labor coma asesores. Destacan sobre todo as reflexións e as elaboracións persoais, poucas veces me limitei a copiar os contidos de libros ou artigos, senón que tratei de que a información que aquí se recolle teña un selo persoal e característico único, froito do meu traballo. Pode ser que as entradas no blog non sexan moi numerosas, pero creo que sí que se trata de traballos moi elaborados e persoais, que sempre tratei de vincular, na medida do posible, de xeito que as publicacións parezan un contínuum inter-relacionado.

Como fío condutor deste traballo pensei nunha traíña. As razóns que me levan a establecer este símil son varias:

A primeira delas é como símbolo de identidade persoal, posto que eu son de Sanxenxo, un concello costeiro limítrofe con O Grove, vila da que son naturais os equipos de traiñeiras “Amegrove”  e “Mecos”.

Outra razón é que me pareceu que a traíña ten moito que ver con esta materia, posto que os alumnos seríamos os remeiros, que guiados pola patroa que sería a mestra Lourdes Montero, embarcamos na traíña que sería o portafolios, que é impulsada grazas ós remos que move cada un de nós  que e simbolizan as nosas achegas e publicacións para avanzar polo mar que sería a rede social, até chegar á meta que non é outra que o noso desenvolvemento académico persoal e profesional grazas a esta metodoloxía de traballo.

E finalmente porque me parece un símil moi válido para realizar a presentación do meu portafolios, non só por o feito de presentar os diferentes contidos, se non porque na maioría das miñas publicacións fago casa sempre referencia á gran importancia do traballo colaborativo, e acaso unha traíña non é un bo exemplo do adecuado traballo en grupo?

O asesor será o patrón da traíña. Como ben sabemos, toda traíña debe contar cun patrón, polo que para poder ocupar este cargo precisamos que algún club se interese en contratarnos. Unha vez que recibimos esta oferta, debemos estudala antes de dar unha resposta, para iso debemos informarnos ben sobre o club, analizando a súa historia, para saber como xurdiu esta entidade, como foi evolucionando e qué circunstancias levan ó club a chegar á súa situación actual. A partir da análise desta información e de ver se cumpre cas nosas expectativas tomaremos a decisión pertinente.

No paso seguinte debemos saber qué metodoloxías de traballo podemos empregar nos adestramentos, pois dependendo de qué nos interese traballar, empregaremos uns exercicios ou outros.

Unha vez que coñecemos todas as posibilidades de traballo existentes, debemos coñecer cál será a máis adecuada para traballar dentro do club, pois en cada club existen unhas determinadas que teremos que considerar. Este aspecto é moi importante, pois tomar unha decisión á lixeira tendo en conta unicamente as nosas preferencias, pode facer que as nosas propostas fracasen. A decisión que tomemos con relación á opción metodoloxía adoptada e á forma de organizar o traballo, fará que nos relacionaremos cos nosos remeiros dunha ou doutra maneira.

Dentro deses aspectos a considerar para a elección da metodoloxía de traballo, non podemos obviar as características persoais de cada remeiro, debemos preocuparnos por eles, polas súas inquedanzas, a forma de traballo que máis lles gusta, e, grazas a isto, conseguir o compromiso de todo a grupo para remar con forza conseguindo que a nosa traíña avance rápido polo mar.

Este será o esquema seguido no portafolios:

  1. Opcións de traballo
  2. Orixes e historia do club
  3.  Modelos de traballo
    1. Tipos de patrón a partir dos modelos de traballo
  4. Aspectos a ter en conta na elección do modelo de traballo
    1. Forma de traballo que se viña levando até o de agora
    2. Relacións dos remeiros
  5. Forma de proceder máis aconsellable
  6. Cómo lograr os mellores resultados nas regatas
    1. Compromiso de traballo
    2. Saber afrontar as situacións adversas.
  7. Expectativas do clube
    1. Recursos dispoñibles
    2. Proxecto de futuro

De seguido procederei a explicar con máis detalle todos estes aspectos importantes para a nosa traíña e presentar, ó final de cada apartado, os enlaces das publicacións nas que me baseei para redactar os mesmos e nas que podemos ampliar a información resumida que aquí se presenta.

 

http://stellae.usc.es/red/blog/view/21103/entrada-blog-asesoramento-curricular-a-centros-e-profesores

 

http://stellae.usc.es/red/blog/view/21104/xustificacin-da-foto-que-d-entrada-meu-blog