7. Sexto sinal: Importancia da colaboración

     Como xa sabemos, os procesos de asesoramento psicopedagóxico teñen a finalidade de axudar aos profesores/as a introducir melloras na práctica docente que desenvolven na aula, e con iso, nas aprendizaxes realizadas polos alumnos/as.

     O asesor/a non leva a cabo as súas tarfas só/soa senón que debe colaborar con outros profesionais da institución educativa entre os cales se establecen diversas relacións. 

     Con respecto a iso, durante unha sesión estivemos reflexionando arredor das relacións que se manteñen entre os psicopedagógos/as e o profesorado.

     A tarefa que se nos encomendou foi a de responder en pequenos grupos as seguintes cuestións:

  • ¿Qué pensan os futuros asesores/as dos profesores/as de infantil, primaria e secundaria cos cales van a traballar?
  • ¿Qué pensan os profesores/as dos asesores/as?
  • ¿Qué coñecemos sobre estas relacións?

     En canto á primeira pregunta, a maioría coincidiamos en que os asesores/as teñen moito máis clara a relación de horizontalidade que debe existir entre os diferentes profesionais. Ademais disto, soen mostrar unha actitude moito máis positiva e unha disposición favorable cara ao traballo colaborativo. No tocante a ese traballo colaborativo, consideramos que os profesores/as de infantil e primaria son moito máis flexibles e accesibles á hora de traballar conxuntamente co asesor/a, mentres que o profesorado de secundaria non mostra esa mesma disposición. Por outro lado, os asesores/as tamén poden ter a sensación de que moitos profesores/as se limitan só a esixirlles respostas rápidas aos problemas que se lle presentan, evitando o traballo en conxunto e esas relacións de horizontalidade.

     En canto á segunda pregunta, as respostas que saíron concíbense dende tres puntos de vista diferentes:

          ~ Por un lado, consideramos que algúns profesores/as perciben ao asesor/a como un punto de apoio e axuda, co que poden traballar de forma colaborativa para buscar conxuntamente a mellor solución aos problemas ou necesidades que se lle presentan.

          ~ Por outro lado, estarían os profesores/as que conciben ao asesor/a como o axente que debe dar unha solución ou resposta inmediata. Limitase a ser percibido como o axente que arranxa os problemas.

          ~ Finalmente, dende outras observacións, apreciase que algúns profesores/as consideran que o asesor/a ten unha certa “arrogancia”, e que se sitúa nun posto de “dirixir” en vez de estar disposto a “colaborar” con eles. 

     En canto á terceira pregunta, as respostas aportadas están en certa maneira reflectidas nas respostas anteriores.

 

     Como xa comentamos en anteriores ocasións, o asesor/a é o axente dinamizador daqueles ámbitos nos que se atopa, e dado que o seu traballo require a colaboración constante con outros profesionais, é necesario que exista unha gran confianza e credibilidade entre todos eles.

 

                                                image

 

     A actividade dos asesores psicopedagóxicos no desenvolvemento do currículo cos profesores/as e os centros debe de ter como punto de partida básico a idea de colaboración. É importante que teñamos presente a idea de que o asesor/a non pode limitarse só a esperar a que se lle pida axuda, senón que debe de estar atento/a e interesarse por todo o que aconteza na institución na que se atopa.

     Por outro lado, é de vital importancia atender os primeiros momentos, porque iso vai a marcar a consideración que os demais profesionais teñan dos asesores/as. Estes non teñen “receitas máxicas” para solucionar os problemas, pero sen embargo, si teñen unha predisposición e a competencia precisa para traballar na busca de ditos problemas.   

     A constitución da identidade profesional dos asesores/as, unha actividade profesional moi recente, ten lugar en institucións “vellas” que tamén teñen as súas marcas de identidade. A institución na que o asesor/a se atopa, ten a súa propia historia, a cal vai a marcar as actuacións que nela se levan a cabo. As traxectorias dos docentes e dos orientadores/asesores, marcan o funcionamento da institución. Deste modo cando o orientador/asesor, chega a ela, ten que tratar de ir coñecendo pouco a pouco esa historia. Así pois, non se pode manter hermético no seu despacho, senón que se debe relacionar co resto do profesorado nos tempos non académicos, pois o traballo informal é enormemente relevante no noso traballo e permítenos aumentar os nosos coñecementos e ir indagando sobre os diversos aspectos  da propia institución. Os asesores/as instálanse nos centros educativos cunha historia propia que teñen a obrigación de coñecer se a súa meta é axudar a mellora escolar.

     Ao longo da sesión a profesora tamén nos falou do erros máis comúns que pode cometer o asesor/a e que segundo Lorenzo, 2008, son os seguintes:

  • Crer que a comunidade educativa coñece como funciona a orientación.
  • Elaborar programas sen a intervención dos profesores e o xefe de estudos.
  • Entregar o PAT aos profesores como comezo do curso e esquecerse do seguimento.
  • Esperar a que se demande a túa axuda.
  • Asumir funcións doutros profesionais do centro.
  • Traballar sen programar atendendo ás demandas espontáneas.
  • Ofuscarse con algúns profesores que non colaboran.
  • Querer atender a todo ao mesmo tempo.

 

 

     O sistema educativo é básico e determinante para o desenvolvemento das sociedades e complementa a función educativa da familia. Pero para que iso suceda realmente, a familia e a escola deben coordinarse. En relación a isto, o psicopedagogo/a exerce un papel primordial na creación e na mellora do clima relacional entre a escola e a familia. Dende a súa formación pode aportar elementos para a reflexión e evolución, a súa intervención pode axudar a establecer unha relación rica e constructiva coas familias dos estudantes e favorecer actitudes e vías axeitadas de relación e colaboración con elas.

     Hoxe en día a idea de que familia e escola comparten responsabilidades na educación da infancia ten unha maior aceptación. Ámbolas dúas desempeñan un rol fundamental no desenvolvemento  do autoconcepto, as habilidades sociais, o desenvolvemento moral, as habilidades cognitivas (como a resolución de problemas), etc. Tendo todo isto en conta, a colaboración entre pais/nais e os docentes presenta unha importancia fundamental.

     Así pois, é preciso fomentar a cooperación entre as familias e os centros escolares, resaltando os efectos positivos que isto supón tanto para os alumnos/as como para os pais/nais, profesores/as, o centro escolar e a comunidade na que este se asenta.

 

                                                image

     Durante os primeiros anos de vida, xunto con outras instancias socializadoras, a familia é a principal. Pero se temos en conta a idea de que o ambiente familiar e o escolar son os que máis inflúen no desenvolvemento do individuo e o no seu proceso educativo, é fundamental a colaboración entre todos aqueles que interveñen no desenvolvemento e na formación do neno/a. Desta forma, entre a escola e a familia debe existir unha estreita comunicación para acadar unha visión globalizada e completa do neno/a, eliminando na medida do posible as discrepancias, e unificando os criterios de actuación e apoio mutuo, xa que por dereito ou por deber teñen fortes competencias educativas e necesariamente deben manter unha coordinación. Se un profesor/a quere educar, non ten máis remedio que contar os pais e colaborar con eles, para que os esforzos que él realice nas horas de clase teñan a súa continuidade no resto do día.

     É preciso que os dous ambientes básicos para o neno/a, fogar e escola, garden unha estreita relación e coordinación; xa que desta forma existe unha maior confianza entre pais e docentes, comunícanse as súas inquedanzas, dúbidas, desexos sobre o comportamento e evolución do seu fillo/a, e desta forma propíciase que os profesores/as coñezan mellor a cada neno/a para poder axudarlles.

     Entre as tarefas que se consideran que se deberían levar a cabo de forma conxunta entre os ámbitos educativo e familiar destacan:

  • Transmisión de normas, valores e costumes. Supón unha tarefa conxunta que vincula ao alumnado co seu entorno. As normas, valores e costumes son elementos da cultura da que forman parte tanto a familia como a escola.
  • Desenvolvemento de habilidades persoais e sociais de autonomía. Este á un aspecto fundamental para a integración familiar e social e para fomentar o desenvolvemento integral do alumnado.
  • Ensinanza de coñecementos e estratexias educativas. Aínda que esta tarefa se lle asigna á escola, a familia asume o deber de ensinar aos seus fillos/as hábitos de estudo, e ampliar os seus coñecementos.
  • Ensinanza de responsabilidades. Implica a aceptación de normas de comportamento, normas de limpeza e orde, pequenas responsabilidades familiares e escolares, etc.

 

     Na nosa sociedade, a educación familiar e escolar xogan un papel determinante na adquisición de aprendizaxes, comportamentos e condutas do neno/a, polo que ambos colectivos deberán ter responsabilidades e roles complementarios.

     A educación é unha tarefa compartida entre pais/nais e educadores co fin de levar accións educativas de forma conxunta. Por iso, é preciso, que como futuros asesores/as teñamos en conta que debemos facilitar aos pais/nais a participación e a información necesaria para que a familia se sinta vinculada e involucrada na xestión escolar, para que se sinta verdadeiramente responsable do proceso educativo do seu fillo/a, e para que deste xeito o alumnado tamén perciba unha mesma liña de acción entre os adultos que o rodean.