9. Reflexións e autoavaliación arredor do traballo realizado

9. REFLEXIÓNS E AUTOAVALIACIÓN ARREDOR DO TRABALLO REALIZADO

   As reflexións arredor do traballo realizado pódense considerar como a desembocadura deste río no que culminará esta interesante e inquedante aventura, que me resultou moi enriquecedora e frutífera e me dotou de numerosos coñecementos e experiencias, que quizais se non fora por esta materia e pola elaboración deste portafolios non podería chegar a experimentar.

   É verdade que ó comezo do curso cando a profesora nos comentou que habería que realizar un portafolios e que este sería o principal medio de avaliación, sentinme un tanto perdida e desubicada, pois non sabía por onde tirar, non sabía como comezar e como enfocalo nin como debería facelo e se a forma na que o faría sería a máis idónea e a correcta, así como se recollería o máis significativo. Unha vez inmersa de cheo na tarefa, cómpre dicir que non foi para nada doada, pois supuxo moito tempo de reflexión, de consulta de diversos materiais, de contrastar información...así como un importante proceso de indagación e extracción dos propios coñecementos xa adquiridos, e que a través desta andanza quedaron aínda máis e mellor consolidados. Foi un traballo ben laborioso pero serviume para chegar a facer verdadeiramente unha aprendizaxe moi significativa, pois a posibilidade de ir construíndo o meu coñecemento baixo a miña propia responsabilidade, complementándoas coas sesións de clase, é unha encomenda complicada pero para min moi apaixonante.

   Unha aventura que grazas a profesora e o traballo en grupo de toda a clase foi bastante enriquecedora, aclaratoria e máis sinxela de afrontar durante todo o transcurso da materia, pois foron moitas as ideas, coñecementos, experiencias e vivencias compartidas que facilitaron a labor encomendada. Todo isto fixo posible a elaboración e configuración deste portafolios, pero o máis importante, da miña sabedoría con respecto ó campo do asesoramento e de todo o que el supón.

   Ó comezo do portafolios sinalaba que todo ten o seu comezo pero tamén o seu fin...mais, nesta ocasión, si é o fin do portafolios pero non é o fin nin do meu coñecemento nin das miñas ganas de seguir aprendendo, nin da miña ilusión por continuar indagando, nin da miña inquedanza por seguir afondando nesta temática nin do exercicio tan rico da reflexión crítica pero verdadeiramente construtiva. As miñas ansias de saber son cada vez máis, o que me incita a seguir percorrendo todos os lugares que me aínda non coñezo a partires de continuar mergullándome por estas augas que tan bo sabor de boca me deixaron tanto durante como unha vez finalizada a materia; augas que sempre seguirán circulando, cambiando e renovándose co paso do tempo, pois as augas que discorren polo río non son sempre as mesmas, de aí a súa gran riqueza.