7. O traballo colaborativo: unha necesidade primordial

7. O TRABALLO COLABORATIVO: UNHA NECESIDADE PRIMORDIAL

   Unha nova aventura depárame este punto no que se vai a reflexionar sobre o traballo colaborativo, que baixo a miña perspectiva é unha necesidade en todos os ámbitos e profesións pero que no caso do ámbito educativo e, máis en concreto, no asesoramento e orientación e na relación entre psicopedagogos e asesores, como xa che comentou na parada anterior, é unha necesidade que se eleva a primordial.

   A colaboración é un aspecto esencial a ter en conta, pero tamén a levar a cabo entre todos os profesionais implicados para acadar o mellor e máis efectivo e enriquecedor traballo logrando así os mellores resultados ou atopando as solucións máis oportunas e/ou desexables para cada caso ou ámbito en particular. En palabras de San Fabián (1991): “El trabajo en grupo promueve la implicación colectiva en la búsqueda de soluciones, favorece un mayor compromiso con las decisiones tomadas, aumenta la diversidad y con ello el enriquecimiento y la imparcialidad, estimula la participación evitando sentimientos de manipulación”

   A cooperación presenta un marco estimulante e moi rico en interaccións no que o traballo con outros compañeiros, a comunicación e o apoio profesional mutuo, así como o aprendizaxe desde a práctica compartida, xeran o contexto axeitado e idóneo para o desenvolvemento profesional dos docentes.

   Que a colaboración forme parte do ámbito educativo so se consegue se toda a comunidade educativa esta implicada de forma plena e, polo tanto, leva a cabo un traballo en rede. Dito traballo en rede é posible se se establecen as relacións entre todo o conxunto de axentes directamente implicados no funcionamento da escola; é dicir, o traballo en rede lógrase a partires da cooperación e colaboración entre alumnado, profesorado, equipo directivo, familias e o departamento de orientación, entre eles e xunto con outras institucións.

   Esta comunidade, que se acaba de presentar, comprende o conxunto de vínculos sociais que constitúen todo o entramado persoal do alumnado que inflúe no seu desenvolvemento e condicionará as súas oportunidades e as súas dificultades. Traballar en comunidade implica intentar actuar antes de que os problemas se creen e consoliden, identificando os contextos que os poden xerar. Tamén supón incorporar globalidade e coherencia ás intervencións, deixando a un lado as accións dispersas, inconexas e contradictorias. Esta tarefa comunitaria significa repartir e complementar as accións dentro dun equipo, traballar con realismo os mecanismos de coordinación entre os servizos e recursos existentes para conseguir a globalidade nas diferentes actuacións.

   Os procesos de participación, implicación e compromiso e deliberación e decisión conxunta poderíase dicir que constitúen a estrutura social e os valores de carácter máis organizativo, sobre o que se asenta o traballo colaborativo polo que se avoga neste caso. A participación de todos os membros da comunidade educativa “en” e “con” a que se traballa é unha meta que se debe perseguir sempre; pois entre as prioridades do asesoramento debe estar sempre moi presente a activa participación dos membros da comunidade educativa, especialmente do profesorado, pero tamén en función dos problemas a resolver, do alumnado, das familias e, no seu caso, dos membros máis representativos no que se atopa o centro. Deste xeito, un dos principais criterios arredor de decidir as estratexias e técnicas tanto que se vaian a poñer en marcha en cada caso como que dinamicen o traballo, será favorecer a participación de todos os membros insertos no proceso de traballo creando así a implicación e o compromiso verdadeiro.

   Deste modo, o asesoramento colaborativo pode ser entendido como unha proposta de traballo cooperativo que o asesor ofrece ó centro como institución para concretar mellor a colaboración entre ambos, sendo a súa finalidade xerar unha serie de procesos encamiñados a capacitar a escola para accións de investigación e solución de problemas que xorden desde a práctica educativa. En base a isto, pódese dicir que unha das principais finalidades do asesoramento colaborativo é, polo tanto, transformar a cultura escolar dos centros de forma democrática. Polo tanto, o asesoramento colaborativo ha de proporcionar tanto unha forma de traballo conxunto e unha finalidade clara para lograr ese traballo, sendo a meta a transformación democrática da cultura escolar.

   Para lograr esa necesidade primordial que se está defendendo durante esta parada, faranse explícitas algunhas propostas de traballo colaborativo, tales como:

-A relación de traballo entre o asesor e o centro é o resultado dun proceso de construción largo e complexo, moitas veces inacabado, no que se teñen que ir incorporando compromisos, tarefas, finalidades, apoios, recursos...que cada un asume ou dedica ó proceso de cambio e mellora do centro. Cómpre salientar o feito de que a posición de asesor neste proceso non é a de experto que vai a resolver os problemas mediante os seus coñecementos especializados no tema.

-Outro factor que pode dificultar o establecemento dunha relación cooperativa de traballo son as condicións de traballo dos centros. Para resolver isto, o asesoramento céntrase en orientar tanto a axudar a mellorar esas condicións como a solucionar os problemas máis directamente relacionados cos procesos de ensinanza-aprendizaxe.

-Cada centro ten a súa propia historia, aspecto xa resaltado noutra das paradas realizadas, o cal configura a súa realidade interna. Isto obriga ó asesor/a a coñecer esa historia para comprender a realidade e actuar en consecuencia, o que supón a necesidade de desenvolver un proceso de información sobre todo o relativo ó centro. Comprender a realidade do centro implica que os asesores manifesten actitudes de adaptación mutua e non de imposición das súas propostas e achegas.

   O traballo que desenvolven os asesores nos centros semella ser o primeiro referente para que o profesorado e a comunidade educativa aprenda a colaborar no referente á solución dos seus problemas. Deste modo, é imprescindible que desde o primeiro contacto cos centros os asesores sexan conscientes de que as súas actuacións son as que realmente están formando o tipo de relación cos centros.

   Para que a participación pola que se avoga sexa efectiva por parte de todos os implicados débese adoptar a acción discursiva ou comunicativa para a toma de decisións conxunta. A acción discursiva constitúe a situación ideal para tomar decisións, pois caracterízase por: as normas que rexen a participación son intersubxectivas e establecidas polos participantes; todos os participantes son considerados iguais; e as decisións tómanse por consenso, o que supón a non implicación e a non manipulación de ningunha das decisións dos participantes, sobre a base de argumentos científicos e técnicos así como ideolóxicos, éticos e políticos.

   Tamén existen algunhas estratexias que favorecen o traballo colaborativo, entre elas:

  • Dotarse dunha estrutura e organización a partires da cal se poidan planificar, plantear e resolver as dificultades propias da tarefa que se emprende.
  • Facer accións coa finalidade de coidar a comunicación e a relación entre os profesionais.
  • Elaborar documentos escritos que faciliten a toma de decisións e o establecemento de liñas comúns de actuación.
  • Elaborar plans de acción reaxustables e que teñan en conta as características do contexto.
  • Darse un tempo para compartir linguaxe e coñecemento.

   Ademais de transformar a cultura organizativa, da que se falou anteriormente, a escola debe así mesmo transformar a cultura profesional, sendo unha das metas máis importantes do asesoramento baseado na colaboración. Para isto cómpre favorecer dous tipos de procesos: “o apoio mutuo e a reflexión sobre” e “a comprensión de “ as accións encamiñadas ó cambio.

   Na sociedade na que vivimos está tan arraigado o traballo individual que costa moito imaxinar situacións, accións ou tarefas que realmente se resolvan en equipo, pois está moi estendida a percepción negativa do traballo cooperativo ó asocialo a perda de tempo, exceso de reunións que non aportan nada, a lentitude do traballo...en definitiva, a insatisfacción.

   A esencia do apoio mutuo, en termos profesionais, é a posibilidade de compartir e beneficiarse mutuamente da análise, reflexión e comprensión do traballo docente. O profesorado colabora entre si cando percibe que desa forma lles resulta máis sinxelo e asequible o seu traballo cando comproban que as análises e a comprensión das tarefas realizadas son de maior calidade que cando o fai de xeito individual, cando asume que determinadas tarefas solo poder ser solucionadas e afrontadas a partires da colaboración.

   En definitiva, traballar en equipo de por si xa é difícil e estando inmersos nunha sociedade onde predomina a cultura individualista aínda o fai moito máis complicado, pois son numerosos os factores que non o favorecen ademais de carecer dunha formación específica para afrontalo. A súa mellora está perfectamente ó alcance das institucións educativas se se dan as condicións axeitadas, sendo unha destas a aportación que pode realizar o asesoramento psicopedagóxico.