5.2. O Benestar Docente

5.2. O Benestar Docente

Última actualización de en Lidia Antelo Pérez

5.2. O BENESTAR DOCENTE

   A sensación de benestar é froito do equilibrio entre as posibilidades e os desexos e entre as capacidades e as necesidades. Trátase dun sentimento profundo na personalidade dos seres humanos que se constrúe de forma progresiva co transcurso da vida, tendo especial relevancia a etapa da infancia onde se vincula o desenvolvemento de dito benestar co estilo educador dos pais; deste modo, pódese dicir que o benestar xorde da interacción entre as características que se herdan e o aprendizaxe que se leva a cabo.

   Con respecto disto, considero que é conveniente resaltar a Bisquerra (2000) que comenta que “percibimos el bienestar subjetivo en la medida en que experimentamos emociones positivas(...). El bienestar subjetivo es un constructo que ha sido estudiado a través de muy diversas disciplinas (...). Por tanto, no es extraño que el constructo haya recibido diversos nombres: bienestar subjetivo, bienestar psicológico, satisfacción vital, calidad de vida, felicidad, etc.”.

   Algunhas causas que propician e fomentan o benestar docente residen en:

  • É imprescindible a responsabilidade e o compromiso coa profesionalidade.
  • Cómpre avogar pola profesionalidade ó traballar en conxunto.
  • O profesorado non pode nin debe deixar influír pola realidade social.
  • Hai que buscar a motivación interna deixando a un lado o que a sociedade pensa e promulga.
  • É necesario promover o cambio en situacións controvertidas e difíciles, como a crise na que estamos inmersos, que fan estar máis presente o malestar que o benestar, por iso, para que o benestar sexa “o gañador desta batalla” é preciso favorecer a unión e a loita do colectivo docente en conxunto.
  • Hai que promover a colaboración.
  • É fundamental a comunicación e o compartir ideas e coñecementos.
  • Trátase dun traballo ben remunerado e con bo horario que outorga un posto estable.
  • Trátase dun traballo gratificante, que ben feito dá os seus froitos tanto ó longo como o final do proceso.
  • É conveniente a consecución da inclusión e facela efectiva.
  • A pegada do profesorado é algo que permanece a largo prazo.

   Un dos aspectos fundamentais para lograr o benestar docente é ter unha boa autoestima. A autoestima é un sentimento interno, un sentimento profundo, que está relacionado co benestar e coa felicidade. Nela pódense diferenciar dous polos, por un lado, a percepción persoal e, por outro, a estima dos demais. Estes dous polos son, en moitas ocasións, os causantes do malestar docente pero tamén do benestar, pois tal e como se dicía nunha sesión de clase, son as dúas caras da moeda que poden causar efectos positivos pero, á súa vez, tamén provocan efectos negativos.

   Se ben o profesor/a non ten unha axeitada percepción persoal de si mesmo, ou ben non recibe unha boa estima por parte dos demais, referido isto ós pais/nais, ó alumnado, ó centro e, en xeral, á sociedade faise patente o malestar en contraposta do benestar. Polo tanto, para evitar estas situacións de malestar o máis oportuno sería mellorar e aumentar ambos aspectos, xa que é obvio que a maior e máis calidade da estima dos demais maior é a autoestima, e canto máis positiva sexa a propia percepción do docente sobre as opinións dos demais, sobre a realidade social na que estamos inmersos, maior será a súa autoestima.  

   A autoestima, o benestar persoal, o optimismo, a autoconfianza e o sentimento de felicidade derivan dun pensamento, dunha forma de ver a realidade; por iso, os docentes, aínda que tamén as persoas en xeral, deberían afondar na súa capacidade de apreciación das propias capacidades, das súas competencias persoais, dos seus valores.

   Para crear esa boa autoestima da que se está a falar no profesorado, Esteve (1994) indica que son tres os indicadores sociais nos que cómpre centrarse, os cales se corresponden con:

a)      O sentimento de ser aceptado polos compañeiros/as, a partires de integrarse nos grupos e subgrupos que se forman no centro.

b)      O sentimento de ser aceptado polos alumnos/as.

c)      A súa integración no centro educativo, a través da implicación nos seus órganos e actividades.

   Así mesmo,  André e Frost (1997) propoñen unha serie de principios que favorecen á mellorar a autoestima e que son:

  • Amor á profesión e ás persoas.
  • Diálogo e coaprendizaxe cos estudantes.
  • Entusiasmo.
  • A esencia do logro profesional.
  • O descubrimento da propia voz.
  • Sensibilidade con respecto ós estilos de aprendizaxe.
  • Compromiso coa axuda ós estudantes para que desenvolven unha visión persoal profunda.
  • Integración dos intereses investigadores persoais na aula.
  • Amor á propia materia.
  • Espontaneidade intelectual e emocional.

   Esteve (1997) sinala que o primeiro que hai qué facer para lograr o benestar e a alegría docente é perfilar e/ou definir a propia identidade profesional; é dicir, cambiar a mentalidade do profesorado desde a posición de alumno/a que sempre foi ata o descubrimento de en qué consiste a tarefa de ser profesor, pero chegar a isto non resulta fácil xa que suscita numerosos e diferentes problemas entre os docentes. Quizais o peor problema sexa a idealización, xa que o profesorado cando comeza a exercer, enfrontase a unha ensinanza da que ten unha imaxe idealizada con ideas arredor do que o bo profesor debe facer, debe pensar e debe evitar; mais sen ter definido claramente dun xeito práctico como ha de enfocar os problemas e como evitar as dificultades máis habituais. Outro dos problemas que se presenta, en numerosos casos, é a identidade profesional xa que un elevado número de profesores, que exercen a súa profesión, nunca tiveron unha vocación clara de ensinantes. Unha dificultade máis radica no sentimento de erro e autoconmiseración que se apodera dun determinado número de docentes.

   Perfilar e/ou definir a identidade profesional implica pasar por un proceso de reconversión, onde o elemento central reside en comprender que a esencia do traballo do profesor é estar ó servizo da aprendizaxe do alumnado. Un proceso que se acada tras a consolidación dun repertorio pedagóxico e tras un período de especialización, onde o profesorado ten que estudar temas e estratexias educativas desde a perspectiva do profesor práctico.

   Unha vez que o profesorado lograr estar a gusto no seu traballo, acada ese ansiado estado de benestar, e descobren que isto sucede a partires da actitude de servizo cara o alumnado, polo recoñecemento da ignorancia e debilidades como estado inicial ó fronte dunha clase e por aceptar tanto que o primeiro que han de facer é acender o desexo de saber como reconvertir os coñecementos e experiencias para facelo accesible ó alumnado; pois o único realmente importante son os alumnos/as.

   Como ben se citaba antes, tamén é imprescindible a responsabilidade e o compromiso coa profesionalidade, co traballo, para que os docentes acaden un completo benestar. Dito compromiso intrínseco co traballo docente ofrece ó profesorado recompensas psíquicas, as cales provocan o entusiasmo pola profesión, unha maior confianza e seguridade, máis alta autoestima, un mellor e máis elevado autoconcepto...en definitiva, todo se resume, en benestar tanto persoal como profesional. En palabras de Knight (2005): “Enseñar bien requiere perspicacia, intuición e iniciativa, y a los profesores les revitaliza el compromiso intrínseco con el trabajo, que, a su vez, además de fomentar las recompensas psíquicas de la realización de un buen trabajo, de sentirse bien porque los alumnos han aprendido, disfrutando y, quizá también, reído” .

En definitiva, a diferenza entre o profesorado “queimado” e o “non queimado” en igualdade de circunstancias educativas atópase na capacidade persoal e profesional, a cal desenvolve mecanismos que lles permite xerar tanto unha maior autoestima e autocontrol como unha gran capacidade de empatía e liderado.