4.1. Que é ou que se entende por "Asesoramento Curricular"?

4.1.  QUE É OU QUE SE ENTENDE POR "ASESORAMENTO CURRICULAR"?

   O apoio ou asesoramento ó profesorado no desenvolvemento do currículo é algo relativamente recente, se se ten en consideración as datas tanto da implantación da licenciatura de Psicopedagoxía (ano 1992) como da creación dos Departamentos de Orientación (en 1993).

   Moreno Olmedilla (2004), considera que o asesoramento curricular pode definirse como: “El proceso de ayuda y apoyo a la (re)construcción del currículum realizado por los centros educativos. Todos los apoyos, tanto internos como externos a los centros, que se dirigen a la elaboración y puesta en práctica de proyectos curriculares, estarían en el ámbito del asesoramiento curricular”.

   O asesoramento escolar pode ser entendido como un proceso relacional no que participan determinados profesionais dotados de certo bagaxe de coñecementos, capacidades e habilidades cos que tratan de contribuír a configurar contextos de traballo, en colaboración cos centros escolares e co profesorado para unha axeitada utilización do coñecemento dispoñible na resolución de problemas que teñan que ver coa práctica educativa e a súa mellora.

   Ó considerar o asesoramento como un proceso interactivo, hai que afondar nas implicacións que comporta o papel dos centros educativos e dos docentes nunha relación que debe ser educativa e formativa. Deste xeito, é necesario un coñecemento profundo da escola, do currículo, da ensinanza e do profesorado, o cal debe incorporarse ó asesoramento de xeito equivalente a como se postula que o coñecemento sociolóxico e psicopedagóxico sobre o alumnado sexa integrado a modelos defendibles de ensinanza e aprendizaxe.   

   Un modelo de asesoramento debe ser posto en relación con novos procedementos que o fagan máis  funcional pero tamén ten que dar conta das opcións sociais, culturais e de valor ás que pretende servir; isto é, que un modelo educativo para o asesoramento escolar non so debe xustificar os fundamentos nos que se basea para ter unha maior eficacia en base á mellora da escola e da educación, senón tamén debe facer explícitas as coordenadas sociais, éticas e ideolóxicas que determinen os fins, os contidos e os valores que persegue. 

   Deste xeito, o psicopedagogo/a debe coñecer a realidade do centro educativo como institución escolar, debe ser quen de detectar cal é a estrutura organizativa do centro e os modelos organizativos e de asesoramento máis idóneos, ha de promover a participación dos distintos sectores na toma de decisións e as actitudes do profesorado cara os diferentes aspectos da ensinanza e coñecer o grupo no que se atopa integrado así como dos medios dispoñibles para a súa colaboración no Proxecto de Centro.

   O asesoramento esixe ó asesor non so a súa especialización en determinados contidos, métodos, técnicas e procedementos senón, sobre todo, a súa capacitación en habilidades; é dicir, debe afondar en capacidades e modos de asesoramento que se complementen con achegas de outros especialistas, os cales recoñezan e movan recursos persoais dos centros e do profesorado, que oferten medios e propostas alternativas e que contribúa a crear tanto un clima como un entorno para a resolución de problemas así como para a mellora da ensinanza.

   Ó psicopedagogo/a como asesor/a do proceso de desenvolvemento curricular atribúense, entre outras, as seguintes funcións:

-Asesorar ós equipos docentes no relativo ós modos ou procedementos de execución do traballo en grupo como no desenvolvemento do currículo, de forma que os integrantes de dito grupo reflexionen sobre o que ocorreu no transcurso das súas deliberacións; é dicir, no proceso práctico entendido este non como un modo de analizar a realidade senón como un compromiso dos docentes para o seu desenvolvemento profesional e para a realización da súa actividade pedagóxica.

-Secuenciar os elementos que integran o currículo e as súas correspondentes dimensións (tales como obxectivos, materiais, actividades...) así como as razóns fundamentais que provocan que o grupo de traballo empregue unha determinada xustificación arredor da concepción da ensinanza tomada e, tamén, as formulacións que relacionan a construción de materiais para o alumnado, guías orientativas para profesorado e os patróns de ensinanza-aprendizaxe máis axeitados. Esta tarefa non semella posible ser realizada polos integrantes do grupo, xa que precisan da axuda dun especialista en currículo que os cuestione, planifique, oriente o proceso, traballe con eles, etc.

-Desenvolver un plan de asesoramento e formación do profesorado en base ó Proxecto Curricular de Centro mediante a programación de aula, a innovación curricular e a avaliación dos procesos de ensinanza-aprendizaxe.

-Identificar e difundir a planificación dos grupos, fundamentándose no feito de que os valores do grupo non poden identificarse con medios racionais, pois cómpre que cada un deles actualice as súas crenzas xustificando o porqué desa elección para o seu traballo.

-Coordinar os procesos de promoción e elección de optatividade, achegando os datos propios pola súa actividade profesional e vinculándoos cos aportados pola familia, profesorado e o propio alumno/a.

-Dinamizar a materialización de propostas de traballo atendendo á diversidade a través de adaptacións curriculares e demais estratexias.

-Realizar a avaliación psicopedagóxica previa do alumnado que o precise.

   O asesoramento vai máis alá da orientación persoal, escolar profesional e da educación compensatoria, pois debe ser vinculado a procesos de cambio educativo elaborados sobre a diversidade de prácticas que definen a acción educativa no marco institucional do centro escolar mediante a relación do psicopedagogo/a cos profesores/as do mesmo. Deste xeito, o asesoramento que reciben os docentes articúlase en base ó pensamento pedagóxico referido ó profesorado, ó currículo, á escola como organización, á innovación como mellora e á avaliación educativa como actividade formativa, todo isto dentro do que implica reflexión. Dita labor de apoio e asesoramento pode ser interna e externa.

   Así mesmo, Schwab (1983) afirma que as accións de asesoramento deben incluír un axeitado uso da persuasión, da correcta liberación e da habilidade tanto para comprender as manifestacións proferidas por outros como para orientar ó profesorado no coñecemento da práctica curricular. Polo tanto, o traballo do psicopedagogo/a, como especialista en currículo, oriéntase a axudar ó profesor/a a resolver problemas que teñan lugar na labor cotiá e diaria da aula, considerando a historia e realidade interna do centro, os ámbitos que especifican as súas prioridades e os procedementos para executar o proceso educativo.

   Para lograr isto é preciso que o asesor/a en currículo posúa unha serie de características, sendo a máis importante e desexable a flexibilidade. Ademais desta, tamén sería recomendable a amplitude de miras, a habilidade para as relacións persoais, a facilidade á hora de comunicarse, a seguridade, a confianza, a capacidade de liderar e a “enerxía”. Así mesmo, debe reunir coñecementos referidos a estratexias persoais e organizativas para o cambio curricular, procedementos para a recollida e análise de datos, dominio de múltiples enfoques de traballo de asesoramento e o saber de diversas opcións de planificación do currículo.  

    O proceso de asesoramento non pode so limitarse a contemplar os procedementos ou técnicas máis eficaces para o cumprimento das súas funcións, pois calquera proceso de asesoramento e as prácticas e relacións que promove e leva a cabo cos centros e docentes remite a opcións ideolóxicas e de valor que poden servir, ou ben para dinámicas de poder, dirección e control, ou ben para contribuír ó desenvolvemento de procesos educativos e culturais nos que os suxeitos fagan fronte á súa realidade e ós seus problemas de forma más reflexiva, crítica e autónoma.

   Algunhas impresións que xorden para unha idónea caracterización dos procesos de asesoramento escolar son as seguintes:

-É necesario situar o asesoramento externo como unha función ampla de liderado pedagóxico, dentro dunha concepción na que sexa entendido como un proceso de dinamización, implicación e participación e non como un proceso de dirección ou control. Así mesmo, a función do asesor concíbese como un espazo de acción compartida e de colaboración con outros axentes educativos.

-As funcións dos asesores externos poden ser múltiples e diversas, pero calquera delas debe suceder baixo os auspicios dun modelo de actuación onde os principios polos que se avogue sexan críticos, tales como:

  • Traballar “con” en lugar de “intervir sobre”.
  • Capacitar e potenciar a profesionalidade, a autonomía, a autorregulación dos individuos e das institucións en lugar de xerar a dependencia e transferir as capacidades e a toma de decisións.
  • Crear procesos, condicións de apropiación e compromiso internos en vez de fomentar a dirección desde o exterior.

   Falar de asesoramento curricular implica deterse, como non, no que é o currículo, aspecto que xa saíu en varias ocasións ó longo desta parada, e os distintos tipos que hai arredor do mesmo. Deste xeito, seguindo a LOE (2006) “El currículum es el conjunto de objetivos, competencias básicas, contenidos, métodos pedagógicos y criterios de evaluación de cada una de las enseñanzas reguladas en la misma”; ou dunha forma máis informal, o currículo fai referencia a aquilo dinámico que require dun desenvolvemento profesional continuo dos docentes como garantía da súa plena adaptación ás necesidades do alumnado. Así mesmo, os distintos tipos de currículo que hai son:  

  • Currículo oficial: que pode ser formal, manifesto, prescrito e explícito.
  • Currículo nulo: no que se distingue entre o excluído e o ausente.
  • Currículo oculto: nel atopamos o implícito, latente e  o non escrito.