10. UN ALTO NA PARTIDA. AUTOAVALIACIÓN E CONCLUSIÓNS.

UN ALTO NA PARTIDA.jpg

Chegados a este punto da partida faise preciso facer un alto no camiño, reflexionar sobre o traballo realizado na asignatura e avaliar a  miña implicación, as aprendizaxes adquiridas,... e extraer unhas conclusións finais.

Chegou, pois, o momento de plasmar as miñas reflexións acerca da miña participación na materia e na realización do portafolios virtual.

Como aspectos importantes a avaliar paréceme importante ter en conta a implicación, o tempo dedicado, as dificultades atopadas e os posibles aspectos a mellorar.

Quero manifestar que considero que a miña implicación no desenvolvemento do traballo foi bastante alta. A pesar de non poder asistir a clase tentei estar ao día do que ocorría nela e entrar con frecuencia na rede para ler entradas dos meus compañeiros, comentalas, subir documentos, reflexións,… É certo que ás veces este labor viuse dificultada pola falta de tempo, xa que, quero sinalar que  o feito de estar traballando e estudando supón algúns inconvintes.

Aínda que é certo que estar inmersa  nun centro escolar me proporciona unha perspectiva diferente dos procesos de ensino aprendizaxe e me  permite coñecer un pouco mellor funcionamento dos servizos de orientación, o tempo que dispoño para dedicar á lectura de textos, manexo de bibliografía, procura de información, elaboración de documentos, … é moi pouco, xa que ademais das miñas tarefas como docente (dentro e fóra do horario escolar) formo parte dun grupo de traballo e todo iso reduce o número de horas  que me quedan para dedicar ao estudo. (Aínda así tentei dedicar a maior cantidade de tempo posible).

Quizais o que máis me custou era seguir o desenvolvemento da materia, ao non poder asistir a clase, aínda que o feito de que os meus compañeiros fosen detallando nas súas entradas o transcurso das mesmas, resultou de gran axuda. Ademais era a primeira vez que realizaba un traballo deste tipo, este foi o meu primeiro portafolios virtual e, ao ser algo novo, sempre xorden dúbidas e dificultades, aínda que creo que logrei solventalas de maneira satisfactoria.

Atendendo aos posibles aspectos a mellorar, creo que sería positivo dispor de máis tempo e poder ir a clase, xa que o feito de poder participar nos debates, escoitar á profesora, aos compañeiros,…axudaríame nesta labor.

Por outra banda, nesta autoevaluación, creo que é necesario ter en conta os indicadores referidos por Lourdes. Téndoos en conta, considero que, no proceso de aprendizaxe desenvolvido nesta materia tratei de buscar información para dar explicación ás diferentes situacións e problemas que se presentaban ou dar resposta ás preguntas que xurdían.

Tamén podo dicir que tentei levar unha secuencia semanal de traballo. Aínda que non todas as semanas se fixéron entradas, si intentei ler comentarios, opinións, dar o meu punto de vista nalgún debate, buscar información… E se por algunha razón, durante unha semana, non me foi posible traballar na rede, nas seguintes tentei participar en maior medida.

Creo, ademais, que fun explicitando a incorporación de cada un dos elementos que forman parte do meu portafolios seguindo un fío condutor e unha secuencia lóxica. Considero que todos os documentos teñen que ver cos contidos da materia e creo que a maneira de presentalos dá conta da maneira en que se estruturou a aprendizaxe na mesma.

 Por tanto, a modo de conclusión, creo que o proceso de desenvolvemento do traballo foi bastante satisfactorio e que todos os contidos traballados nesta asignatura nos serán de gran utilidade como futuros psicopedagogos. Non obstante, o que quero destacar é a metodoloxía, a forma de traballo na asignatura, a cal ten un marcado carácter constructivista, onde non hay unha mestra que transmite coñecementos, senón unha mestra que guía e uns alumnos que, acorde cos seus intereses, motivacións,... son os que van avanzando no seu proceso de aprendizaxe. Unha metodoloxía na que todos somos partícipes, na que aprendemos a través do debate, a reflexión, de compartir ideas cos compañeiros, .. todos aprendemos de todos, e onde ademáis, as tecnoloxías da información e da comunicación, tan útiles hoxe en día, tiveron un peso tan importante. Creo que este tipo de metodoloxía debería estar moito máis presente nas nosas aulas.

Xa por último, dicir que por suposto que a partida non remata aquí, xa que espero seguir xogando ao tetris ao longo da miña vida e ir encaixando todas as pezas que sexan precisas para seguir ampliando a miña formación e os meus coñecementos, xa que como mestres ou como orientadores, a formación continua é imprescindible para mellorar a práctica educativa.