• Páginas
  • ...
  • Portafolios de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado.

Portafolios de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado.

E-portfolio 

INTRODUCCIÓN

Outra vez máis, a andadura pola Rede Social do Grupo de Investigación Stellae chega ó seu fin. Este curso, foi da man da materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado coa profesora Lourdes Montero. A materia presentouse como algo completamente novidoso na nosa formación coma pedagogos e pedagogas, pois con anterioridade a penas se tratara esta temática. Polo tanto, como materia novidosa, depositáronse grandes expectativas na mesma, podendo dicir finalmente que non defraudou.

Ó longo do cuadrimestre, a través das diferentes actividades e sempre coa rede social de Stellae como espello do proceso, fóronse ampliando os nosos coñecementos sobre a formación do profesorado, tratando outros moitos aspectos como noticias de actualidade sobre educación, o estado do sistema educativo español, os indicadores ofrecidos por diversos informes...

Ademais, a metodoloxía a seguir nas clases, polo menos na miña opinión, foi un aspecto favorecedor de motivación no proceso de aprendizaxe, pois rompeu co tradicionalismo imperante na universidade de expoñer a materia sen ter en conta ó alumno. Nesta materia propiciáronse os debates, as preguntas (recíprocas entre profesora e alumnos) e o traballo diario na rede, o que na miña opinión dá lugar a unha aprendizaxe que se vai construíndo pouco a pouco co alumno como axente principal e autónomo desa construción.

Neste Portafolios final tentarei amosar como foi o proceso que ó longo do cuadrimestre fun desenvolvendo na rede, a partir do cal fun construíndo os coñecementos que finalmente extraín. Pero a aprendizaxe que se obtivo nesta materia non é resultado soamente do traballado na rede, senón tamén do aprendido na clase, xa que como dixen anteriormente, a metodoloxía empregada favoreceu a participación e motivación do alumno e polo tanto a aprendizaxe directa na aula.

O portafolios estará formado polo tanto polos blogs e arquivos que tanto individualmente, como no grupo de traballo (Lugondela de Arousa) fun creando na rede, e que reflicten os temas tratados na clase que máis chamaron a miña atención e sobre os cales decidín traballar. Ademais desta pequena introdución, o portafolios contará con diversas subpáxinas que se centrarán en:

  • Análise da realidade educativa española.
  • A formación do profesorado.
  • Malestar docente.
  • Consecuencias da situación actual do profesorado.
  • Relación co Practicum II.
  • Conclusións e autoavaliación.
  • Referencias documentais.