4. Consecuencias da situación actual do profesor.

CONSECUENCIAS DA SITUACIÓN ACTUAL DO PROFESOR

Unha das consecuencias da situación actual que se está a vivir no profesorado é a súa desmotivación, o que se converte nun dato completamente negativo de cara a mellorar a calidade do noso sistema educativo. Moitos dos profesores amosan unha actitude de desmotivación ante situacións como os recortes que no seu sector se están a realizar.

Desmotivación dos profesores ante os recortes

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2012/11/28/profesores-espanoles-sienten-desmotivados-poco-valorados/00031354129596916246446.htm

Hoxe falarei sobre esta noticia que esta semana aparecía no xornal "La voz de Galicia" e cuxo título e subtítulo din así: "OS PROFESORES ESPAÑOIS SÍNTENSE DESNMOTIVADOS E POUCO VALORADOS. Cren que os axusten en educación son un fiel reflexo do deterioro da estimación social do colectivo"

E é que os recortes dan lugar á desmotivación dos nosos profesores, xa que como se di na noticia, o seu estado de ánimo é malo debido a factores como o aumento do número de alumnos por aula, a non contratación de interinos ou o feito de que a metade dos profesores enquisados (un total de 10000) polo sindicato ANPE, afirmaron dar materias que non son da súa especialidade. E é que estas afirmacións lévanme a pensar que os recortes convirten ós profesores e profesoras de España en profesionais que se teñen que "apañar" malamente ante á súa tarefa profesional, o que fai pensar que as autoridades estanse a olvidar de que nas mans destes profesionais está nada máis e nada menos que a educación dos mozos dun país, e polo tanto o futuro do mesmo. Ademais, os profesores afirman que estas situacións repercuten directamente na calidade da educación, e polo tanto na aprendizaxe dos alumnos, algo que é innegable, xa que se algo temos todos claro é que as bases dun sistema educativo de calidade non se sentan con aulas masificadas, profesores ofrecendo docencia de materias nas que non están especializados ou a redución de profesionais.

Outro aspecto que se trata nesta noticia e que non deixa de chamar a miña atención (aínda que xa deberíamos estar acostumados) é que o Goberno afirma que o aumento do número de alumnos por aula é un aspecto que non afecta na calidade da educación, cando nada máis e nada menos que un 87,6% dos profesores alertan de que é unha situación insostible que supón o impedimento de atención persoal ós alumnos ou a redución das clases de reforzo, que xa se reduciron un 76,7%. E é que non se pode negar que estas deficiencias derivantes do aumento do número de alumnos por aula afectan enormemente á calidade da educación, pois os profesores non poden prestar toda a atención que os seus alumnos precisan (especialmente aqueles con dificultades), o que propiciará o atraso progresivo deses alumnos e o seu posterior fracaso escolar.

Ademais, o aumento do número de alumnos por clase e a non contratación deu lugar a un aumento da carga docente, o que impide ós profesores preparar as clases. Este foi un tema que se falou fai escasos días na clase, e como dixo a profesora Lourdes Montero, existe unha certa consideración social de que a tarefa profesional dos profesores limítase tan só a dar clase, esquecendo todo o traballo que hai detrás, como preparar clases (seleccionar material, preparar actividades, aspectos innovadores...), e que é fundamental para que os alumnos reciban unha axeitada formación.

Nesta noticia tamén se recolle un dato escalofriante, e é que o 83% dos profesores enquisados afirman que os recortes en persoal aumentan a conflictividade na aula. E é que, especialmente en niveis de secundaria, o incremento da ratio profesor-alumno, supón que o profesor teña serias dificultades para manter a calma e a orde na aula, o que pode dar lugar a comportamentos de falta de respecto ó profesor ou entre compañeiros, e incluso a accións violentas.

Como consecuencia de todos estes datos, un 50% dos profesores síntense desmotivados, algo completamente comprensible, xa que non é sinxelo adicarse a unha profesión que ademais de perder recoñecemento social perde todo o apoio das institucións e do Goberno. Unha profesión tan grande, tan necesaria e con tantos logros históricos e que se sitúa en primeira fila como obxectivo dos recortes que se están impoñendo. E é que non é sinxelo adicarse á profesión da cal depende o futuro do mundo e non ter un bo recoñecemento de case ninguén. Por iso agora máis que nunca, creo que tódolos profesionais da educación (e aqueles que nalgún día o esperamos ser) debemos de facer fronte a esta situación adversa para sobrepoñernos, xa que como se soe dicir en Galicia: nunca choveu que non escampara.


Ademais da súa desmotivación, o pouco recoñecemento social do que gozan e, principalmente, o desamparo institucional ao que se ven sometidos polas últimas reformas levadas a cabo polo goberno fan que moitos profesores opten polo retiro anticipado. Isto é así xa que non confían na defensa que se faga da súa profesión e incluso viven con medo a que empeore a súa situación.

Retiro anticipado de docentes ante o temor a cambios nas súas condicións.

Hoxe falarei sobre unha noticia atopada no xornal "El Progreso" de Lugo, a cal chamou a miña atención. Nesta noticia fálase do aumento de retiros anticipados de docentes ante o temor a cambios nas condicións.

http://elprogreso.galiciae.com/nova/214582.html

O caso, é que nos anos 2011 e 2012 foron 143  e 121 docentes respectivamente os que se retiraron dun xeito anticipado en Lugo, xa que o temor por parte destes profesionais ante o empeoramento das súas condicións, lévaos a pedir a xubilación anticipadamente, pois no ano 2011 suprimiuse a xubilación anticipada incentivada. E foi un feito que chamou a miña atención xa que despois de falar na miña última entrada ó blog sobre a desmotivación dos profesores, agora atopo unha noticia na que se fala dun tema preocupante en relación ó anterior, xa que foron moitos os profesores que abandoaron as aulas lucenses de xeito anticipado por medo ás condicións que se lles está a impoñer actualmente.

Este é un feito, que en concordancia co falado sobre a desmotivación dos profesores, amosa a pouca consideración que se lle ten no momento actual á profesión docente, e que leva a tantos profesores e profesoras a xubilarse por "medo" a continuar no seu posto e ás condicións que se lles imporá.

E xa para rematar, gustaríame lanzar unha pregunta ante esta situación: ¿É este o final merecido e desexado para eses grandes profesionais que adicaron toda a súa vida a ensinar e convertirnos en mellores persoas? Agardo respostas.


Pero ademais, o pouco recoñecemento que se ten da profesión docente leva a prácticas que na miña opinión son completamente negativas, como son a iniciativa de educar ós alumnos no seo da casa. Ademais esta é unha opción que amosa unha desconfianza inxustificada ante o sector educativo e os profesores, que son especialistas formados coa finalidade de ofrecer a mellor educación ós alumnos.

Educación en casa. "Homeschooling"

Nesta entrada ó blog comentarei unha noticia que apareceu no xornal “El País” hai tres días e na que se fala sobre unha situación que se está a vivir en Cataluña actualmente e que fai referencia ó feito de que cada vez son máis as familias que deciden educar ós seus fillos no fogar, é dicir, ofrecer unha educación no seo da familia, unha práctica que recibe o nome de “homeschooling”.

 

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/12/23/catalunya/1356291643_409467.html

 

  Homeschooling

 

En Cataluña xa son medio millar as familias que se acollen a esta iniciativa, crecendo o número un 15% nos últimos anos. Ademais, a Lei de Educación de Cataluña recoñece a ensinanza obrigatoria non presencial, aínda que os seus partidarios esixen que se cree un censo familiar para que non se confunda esta práctica co absentismo escolar.

A filosofía do “homeschooling” senta as súas bases na idea de que os nenos e nenas marquen os tempos de aprendizaxe, seguindo os seus intereses a aprendizaxes, sendo os país unha figura de guía da aprendizaxe.

Agora ben, os detractores da iniciativa, como a Asociación de profesores Rosa Sensat,  empregan como argumentos a preparación pedagóxica dos pais así como a correcta socialización dos nenos.

Persoalmente, posiciónome nunha situación contraria a esta iniciativa, defendendo tamén os argumentos que acabo de sinalar, pois creo que a educación no seo familiar esquece unha dimensión fundamental, que é a socialización dos nenos. Digo isto xa que pola experiencia propia (asistín a unha gardería antes de ter uso de razón), non hai mellor aprendizaxe que a que se realiza nun grupo, nese grupo de amigos, de non tan amigos, de persoas coas que xogar e coas que non xogar, persoas máis intelixentes e persoas menos intelixentes...; pois é esa aprendizaxe en sociedade a que nos converte en persoas preparadas para desenvolverse plenamente na sociedade civil e preparadas para interactuar e relacionarse coas demais persoas.

Fálase na noticia que as familias que se acollen ó “homeschooling” afirman que as excursións que fan e os encontros con outras familias na mesma situación suplen a ausencia de máis nenos, pero aínda así e todo, a socialización non debe de ser algo que se cree, non temos que crear momentos para socializarnos, pois a socialización é unha característica (ou máis ben un regalo) innata da que temos que desfrutar.

Ademais, o argumento da preparación pedagóxica tamén me parece moi defendible, pois haberá casos familiares nos que os pais teñan grandes coñecementos pedagóxicos (ó mellor por ser profesores, pedagogos ou persoas interesadas pola educación) e haberá casos nos que non terán tanto coñecemento pedagóxico, e nos que incluso estaremos ante pais con grandes coñecementos e cultura, pero con poucos coñecementos sobre educación e ensino-aprendizaxe. Polo tanto, considero que non hai mellor lugar para aprender que ese lugar que se creou especificamente con esa finalidade, ese lugar no que son profesionais da educación os que se encargan dela. Ademais, na noticia un pai afirma que se teñen que actualizar dun xeito seguido, pero ¿Tódolos pais o farán? ¿Quén se encarga da súa formación pedagóxica continua e incluso nalgúns casos inicial?

E xa para rematar, gustaríame dicir, que esta iniciativa amosa unha desconfianza contra o sistema educativo sen precedentes. Está claro que en moitas ocasións non é todo o bo que desexasemos, pero tampouco o son os hospitais, nin os médicos, nin o transporte público... pero sen lugar a dúbidas o sistema educativo é de todos, é algo do que todos formamos parte e algo que ten que seguir adiante co apoio de todos, pois iniciativas como esta non sirven de ningunha axuda, pois evadirse do problema nunca axudará a mellorar cara unha solución.