6. Conclusións e autoavaliación.

CONCLUSIÓNS

De novo toca poñer fin á andadura por Stellae despois de algo máis de tres meses de clase. A materia resultou do meu agrado (e supoño que da maioría de compañeiros) xa que a metodoloxía empregada implicounos en maior grado no desenvolvemento dos contidos, e polo tanto enriqueceu o noso proceso de aprendizaxe.

O tema sobre o que versa a materia, a formación do profesorado, é un tema de gran importancia na nosa formación como pedagogos e pedagogas. Ademais, ter empregado unha metodoloxía máis participativa supón unha mellor aprehensión dos contidos que se se tratase dunha materia de expoñer e estudar simplemente. Creo que os contidos tratados nesta materia a base de debates, conversacións na clase, exposicións e a creación deste espazo persoal na rede, foron adquiridos dun xeito moito máis profundo que se estivésemos a falar doutra metodoloxía.

Ademais, o feito de empregar o apoio da rede social supón un enriquecemento moito maior que o que se pode vivir empregando unha metodoloxía diferente. E é que mentres na maioría de materias cada alumno crea o seu material individualmente sen compartilo nin coñecer o dos demais, neste caso todos podemos enriquecernos co traballo dos outros. Este feito pode ser entendido como “copiar”, pero non é “copiar”, é enriquecerse co coñecemento dos demais (chegando incluso a ofrecer unha ampliación dese coñecemento) así como deixar que os demais se enriquezan co coñecemento e coa información que un mesmo crea.

 

AUTOAVALIACIÓN.

A nivel persoal, creo que o grao de implicación na materia foi bastante bo. Isto foi así xa que desde un primeiro momento foi unha materia que me atraeu e me pareceu interesante na nosa formación.

Tamén é certo que non foi un cuadrimestre fácil, e nese sentido o traballo realizado non foi todo o extenso que podería ser en condicións normais. Isto foi así debido a problemas como a colocación do Practicum no medio do cuadrimestre ou a sobrecarga horaria, o que deu lugar en moitas ocasións a unha saturación de traballo, principalmente na etapa final.

Ademais, considero que o desenvolvemento do meu traballo ó longo da materia seguiu unha evolución ascendente, xa que ó principio é difícil comezar a traballar na rede, debido principalmente á falta de materia, o que me fixo estar un pouco perdido ata que pouco a pouco me comecei a centrar e enfocar o camiño a seguir.

Aínda así e todo, tamén recoñezo que o traballo realizado non é o límite das miñas posibilidades, e que certos aspectos como o número de entradas semanais na rede podería ser maior, pero tendo en conta o curto que foi o cuadrimestre debido ás prácticas, creo que o traballo realizado é satisfactorio e que como me pasou anteriormente con Tecnoloxía Educativa, rematou no momento no que máis acostumado estaba á metodoloxía.

 

Comentarios

  • Lourdes Montero

    Ola Igor: as veces nos sucede o que a tí, que cando temos acadado un nivel de competencia aceptable nun campo temos que deixarlo. Con frecuencia ese deixar nun momento no que estabamos a gusto debera, penso eu, levarnos a aprender a caminar desde o principio, sen desperdiciar un minuto, ainda que sexa coas luces apagadas. Carpe diem!

    Saúdos

    Lourdes