A MIÑA PARTICULAR VIAXE A BORDO DE STELLAE

No mes de setembro, do presente curso académico, deron comezo, en 4º de Pedagoxía, as clases dunha nova materia denominada Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado, baixo o cargo da profesora Lourdes Montero.

Xa dende o comezo da miña andaina formativa da man desta materia, decaiteme de que a metodoloxía da ensinanza ía ser diferente á que estou habituada a empregar, pois como xa sucedera o ano anterior coa asignatura Tecnoloxía Educativa, o obxectivo principal da materia estaba enfocado cara construción do proceso de aprendizaxe de forma autónoma por parte de cada un de nós, a través da elaboración dun portafolios electrónico, realizado baixo a plataforma virtual de traballo da Rede Social do Grupo de Investigación Stellae.

Xa que logo, o e-portafolios convértese na principal ferramenta de traballo para a realización do meu proceso de ensino-aprendizaxe autónomo á vez que se constitúe como o instrumento de avaliación da materia, posto que vai depender directamente da miña labor que o resultado final sexa óptimo e significativo ou que, pola contra sexa superficial e pouco representativo do meu quefacer na rede.

e-portafolio.jpg

 

Unha vez máis, foron as propias indicacións da profesora, as que me deron a clave para darlle sentido á construción dun e-portafolios propio e particular, feito para o cal tiven en conta a dobre función asignada para a súa realización, pois debe ser contemplado tanto como unha ferramenta de recopilación das miñas experiencias máis significativas, como unha recurso para informar acerca do nivel de competencia adquirido ó longo do proceso de formación e aprendizaxe.

Ademais, o xogo entre o presencial e o virtual así como o feito de aprender facendo (learning by doing) foron dous elementos que, dende un primeiro intre, favoreceron a miña intención de implicarme de cheo nesta nova etapa de traballo baixo as condicións dun medio e ferramenta de aprendizaxe que agora xa me resulta familiar.

Aínda así, nun primeiro intre, desconcertoume que o plantexamento da tarefa estivese enfocado cara o traballo nunha rede social cunha clara intención educativa, pero logo co transcorrer das clases adicadas á materia, entendín xa perfectamente que a proposta de traballo plantexada, nos permitirá deixar de ser simples receptores de contidos para converternos en grande produtores de coñecemento relativo á formación e o desenvolvemento do profesorado, xa que ninguén mellor que nos mesmos, para desenvolver a capacidade de fabricar o noso propio coñecemento.

Ó igual que me acontecera da vez anterior coa materia Tecnoloxía Educativa, o feito de realizar un e-portafolios non me acababa de agradar, pois aínda que xa sabía perfectamente cal era o seu funcionamento e con que intención se elabora, ó temor a equivocarme, a incertidume que me acompañou á hora de elixir sobre que temas afondar máis e o feito de sentirme incapaz de expoñer na rede a construción do meu proceso de aprendizaxe, foron predominantes en min, tanto foi así que isto se veu reflexado na elaboración do meu e-portafolios, o cal practicamente se atopaba baleiro no que a contidos se refire, polo que admito que o primeiro resultado desta nova toma de contacto coa rede Stellae, sinceramente foi escaso e deficiente.

Ademais, cuestións alleas á materia incidiron directamente no meu quefacer nela, pois principalmente, o feito de que situase o período de prácticas xusto logo de levar apenas tres semanas de clase, supuxo un parón importante na materia de sete semanas, e á vez isto fixo que toda a miña atención estivese centrada no Practicum II, quedando nun segundo plano o tempo adicado para traballar sobre esta materia.

E, sen dúbida, permanecer na facultade unha media de oito horas en función do día tendo clase tanto pola mañá como de tarde e a carga de traballo adicionais, precisamente non me axudaron a realizar un traballo constante e diario tal e como me propuxera nun principio, xa que o cansazo e o agotamento físico e mental deixaron pegada en min, en tanto que coido dei unha impresión errónea de desgana e apatía cara o traballo na rede.

Pero isto non impedeu que o resultado acadado fose satisfactorio, xa que pronto logrei a confianza e a seguridade que precisaba para retomar o traballo na rede.

Decateime de que perdera un tempo moi valioso e que agora o necesitaba para mostrar un producto consistente, con valor e significado para min onde se vise reflexada a interiorización de coñecementos e, que á vez fose de utilidade para aquelas persoas co cal o ía compartir.

Feita esta primeira valoración acerca dos meus comezos na materia a bordo de Stellae, é o momento para reflexionar e analizar todo o proceso levado a cabo e que mellor maneira para facelo que botando unha ollada cara atrás para así realizar unha intensa viaxe en clave de contidos significativos, persoas de referencia e demais conceptos adquiridos ó longo do avance das clases impartidas que foron plasmados no seu intre na plataforma educativa de traballo.

Coa elaboración desta páxina, pretendo entón cumprir o dito e examinar o meu quefacer expresado no portafolios electrónico para logo engadir como colofón final as conclusións ó respecto que considere oportunas segundo a miña labor desempeñada.

Intentei que, a miña andaina pola rede fose reflexo da actual situación de adversidade educativa na que nos atopamos, onde existen problemas, recortes en educación, malestar social, reformas, iniciativas erróneas e demais que, inciden directamente nos docentes, véndose afectada á súa vida tanto laboral como persoal, polo tanto no meu propio e-portafolios quixen dar boa conta disto porque todo o que nel recollo está estreitamente relacionado co profesorado e o seu desenvolvemento e a súa formación.

Procurei que o fío conductor do mesmo estivese orientado a profundizar naquelas cuestións que, con posterioridade o seu traballo na aula, espertaron o meu interese por curiosear e saber máis deles.

Para elo, optei por estructurar o portafolios en dúas grandes partes relativas, dunha banda ó traballo individual, onde desexo amosar o quefacer realizado de xeito individual e, no cal incluirei as entradas ó blog así como unha mostra dos principais arquivos subidos á rede, xunto con algúns dos tweets escritos e un listado de páxinas agregadas como favoritos, sen esquecerme tamén de botar unha ollada polos meus propios comentarios expresados no muro, cos que quixen amosar as palabras que me viñan á mente namentres traballada na rede.

Na outra banda, incorpórase o traballo grupal, facendo especial referencia ós dous grupos creados:  MABETAL, grupo de traballo que responde ó nome de catro das miñas compañeiras da carreira, así como o propio grupo da materia denominado, Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado,  no cal tamén fixen algunha pequena aportación.

Dito isto, dou comezo xa a dar mostra do traballo individual realizado, centrándome primeiramente nas entradas ó blog, as cales son fiel reflexo dos meus pasos á hora de construír o meu proceso de aprendizaxe. 

A miña primeira entrada ó blog, obtivo forma baixo o título Life Long Learning a cal decidín realizar posto que me pareceu fundamental para entender a formación dos docentes, pois é un concepto directamente relacionado coa súa formación permanente da que tanto falamos sempre ó referirnos a este colectivo.

Life Long Learning

Ó longo das clases de formación e desenvolvemento profesional do profesorado é ven raro que non saía á luz en relación a formación deste colectivo, o concepto LIFE LONG LEARNING, no cal pretendo indagar con esta entrada.

Dito así, igual non di moito, pero se o traducimos non cabe dúbida de nos estamos a referir a aprendizaxe permanente ou a formación ó longo da vida, aínda que tamén comparte connotacións con outros conceptos educativos como educación de adultos, formación, educación continua, educación permanente e outros termos relacionados coa aprendizaxe máis alá do sistema educativo formal.

A idea principal que me provoca o emprego deste termo é o feito de que se constitúe como un esforzo por superar a comprensión tradicional que se ten da aprendizaxe como un proceso formal e terminal, vinculado e limitado a unha etapa específica da vida.

Co paso do tempo, este tipo de aprendizaxe foi adquirindo cada vez máis forza e maior relevancia, fundamentalmente no marco da Sociedade da Información e do Coñecemento na que nos enmarcamos, pois é obvio que os recursos humanos constitúen un elemento básico para o desenvolvemento e o éxito social, cuestión que non sería posible senón existise a formación e a educación e, máis concretamente senón se tivese en consideración a aprendizaxe permanente ou a formación ó longo da vida.

Agora ben, que é a aprendizaxe permanente? Ou como se pode definir?

Para dar resposta a esta cuestión botei man da definición xa aportada pola Unión Europea no ano 2001: “el aprendizaje permanente es toda aquella actividad de aprendizaje realizada a lo largo de la vida con el objetivo de mejorar los conocimientos, competencias y aptitudes bajo una perspectiva personal, cívica, social o relacionada con el empleo”.

Esta definición, levada ó ámbito da formación do profesorado, supónlles posibilidades para utilizar as oportunidades formais e informais de aprendizaxe xa non só durante a  etapa como docentes senón tamén ó longo de toda a súa vida, co fin de que se vexa favorecido o seu desenvolvemento profesional e persoal así como a mellora continua dos seus coñecementos e das competencias necesarias para a realización persoal.

Do mesmo xeito que sucede con outros termos, existen diversas acepcións que poden atribuirselles ó concepto Life Long Learning pero a maioría delas responden as seguintes características:

-       A globalización e os cambios experimentados pola sociedade no seu conxunto, xeran novos retos e desafíos, cara os cales se orientan as estratexias de aprendizaxe permanente.

-       Enténdese como un concepto que redefine a idea de aprendizaxe como un proceso de construcción do coñecemento.

-       Incorpora os aprendizaxes ó longo da vida e en diferentes entornos, tanto formais como non formais e informais.

-       Plantexa novos métodos de aprendizaxe como o e-learning así como o uso de novas tecnoloxías de aprendizaxe a distancia.

 

Con todo isto pretendo deixar de manifesto a importancia que ten a formación permanente, no caso que nos compete, para os docentes,  pois o feito de adquirir, renovar e actualizar os seus coñecementos xa ben fose por razón persoais ou persoais, non só mellora o seu desenvolvemento persoal e o seu recoñecemento social, senón que tamén incide directamente na súa competitividade e empregabilidade.

Persoalmente, coido que estamos diante dun concepto clave para a formación e desenvolvemento profesional do profesorado que nos conduce á noción de sociedade da información e o coñecemento, na que de todo se pode valer o docente para aprender e desenvolver as súas capacidades e, polo tanto, continuar formándose.

Dito doutro xeito, isto non é máis que a dimensión permanente da educación para dar resposta ás esixencias da Sociedade de Información e o Coñecemento.

Para concluír, quixera extraer varias ideas:

-       Primeiro unha cita de Delors do ano 1996 que chamou a miña atención: “La educación a lo largo de la vida debe ofrecer los medios para alcanzar un mejor equilibrio entre el trabajo y el aprendizaje, así como para el ejercicio de una ciudadanía comprometida”.

-       Segundo, que a educación permanente non é un sistema paralelo ó sistema oficial, senón que se extende ó longo de toda a vida do individuo para contribuir ó desenvolvemento da súa vida persoal, social e profesional.

-       Terceiro, deixar patente unha afirmación plantexada pola profesora nunha sesión expositiva e que quero rescatar neste punto, pois manifestou que “do feito de que exista formación (permanente) non se deduce que exista desenvolvemento profesional do profesorado.”  

 

Para realizar esta nova entrada ó blog utilicei as seguintes fontes:

http://mt.educarchile.cl/mt/jjbrunner/archives/Plataforma%20Life%20Long%20Learning.htm

http://elaprendizaje.com/902-que-es-el-aprendizaje-permanente.html

http://elaprendizaje.com/903-definicion-de-aprendizaje-permanente.html                

 

TAMARA REY 

Seguindo o fío deste concepto que tanto reclamou a miña atención, elaborei unha entrada acerca Centros de Formación e Recursos tamén coñecidos como CEFORES ou CFR, posto que son os centros dende os cales se fomenta á formación permanente do profesorado, polo que, coa súa labor contribúen a desenvolver a capacidade de Life Long Learning dos docentes. 

Centros de formación e recursos: CEFORE/CFR

Nunha das miñas entradas anteriores, fixen alusión ó concepto life long learning, máis ben coñecido por todos como aprendizaxe ou formación permanente ou como formación ó longo da vida.

Concepto que leva implícita a actualización de coñecementos e competencias dos profesores, cuestión que xa é abordada e facilitada polos Centros Autonómicos e Innovación (CAFI), ós cales xa fixen referencia nunha entrada específica ó meu blog persoal.

Dito isto, con esta nova entrada, pretendo tratar os órganos que fomentan a formación permanente concretamente no ámbito galego, pois é un aspecto deste tipo de formación que me interesa coñecer.

Tales órganos, denominados como CFR  ou tamén coñecidos como CEFORES, son os Centros de Formación e Recursos, os cales son dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

En Galicia, existen actualmente sete CEFORES, un por cada provincia e principais cidades galegas, como son A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela.

OS CEFORES,  teñen como principal obxectivo contribuir e fomentar a formación permanente entre o profesorado, ademais de realizar diversas funcións entre as que destacan as seguintes:

-          Identificar as necesidades e demandas da formación nos centros educativos do seu ámbito de actuación.

-          Favorecer o intercambio de experiencias e reflexión sobre o procesos educativos.

-          Fomentar a innovación educativa impulsando a investigación.

-          Impulsar o uso das TIC na formación permanente do profesorado.

-          Divulgar as experiencias máis significativas entre o colectivo de profesores.

-          Promover a elaboración e difusión de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.

-          Xestionar e executar as accións formativas que integran os plans anuais de formación do seu ámbito correspondente.

Botando unha ollada polas páxinas dos diferentes CEFORES cos que conta Galicia, observo que a estructura e o organigrama polo que se rexen é moi similar entre eles, pois os centros están compostos organizativamente pola figura dun director/a, un secretario/a así como dun equipo de asesores con diferentes funcións e responsabilidades nos mesmos.

Vemos pois, como estes centros dirixidos a tódolos profesores/as que imparten ensinanzas de niveis non universitarios, prestan xa non só un servizo cara a formación permanente do profesorado e o seu desenvolvemento profesional, senón que tamén ofrecen servizos nos centros educativos do seu ámbito específico de actuación, coa finalidade de promover accións de formación do profesorado nos propios centros de traballo.

Dito isto, baixo a miña opinión, é de vital importancia para o colectivo de profesores que existan centros específicos para a súa formación dende os cales se lles proporcione tanto o acceso ós recursos pedagóxicos que precisen para a súa formación ou consulta como a posibilidade de deseñar e divulgar o material didáctico.

Todo isto, contribúe a súa formación permanente, pois non podemos esquecer que vivimos nunha sociedade en constante evolución na cal son característicos os continuos e numerosos cambios, cuestión que repercute directamente no profesorado, pois estes deben adaptarse ós cambios tanto políticos e sociais como educativos prioritariamente, de cara a consecución diso que tanto ansiamos como é a calidade na educación ou unha educación de calidade.

As fontes empregadas para a realización desta entrada ó meu blog foron as seguintes:

http://www.edu.xunta.es/centros/cfrcoruna/

http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/cefores.pdf

http://www.edu.xunta.es/centros/cfrferrol/taxonomy/term/68

http://www.edu.xunta.es/centros/cfrlugo/

http://www.edu.xunta.es/centros/cfrvigo/

TAMARA REY 

 

Curioseando sobre tal concepto, engadín a seguinte páxina de interese persoal ós meus favoritos www.lifelonglearning.co.uk, xa que ofrece amplos recursos dirixidos á educación de adultos pero que, obviamente poden ser empregados para o campo da formación permanente dos docentes.

Tamén en relación coa formación do profesorado, subín a rede un arquivo sobre o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), no cal presentei un breve comentario acerca deste novedosO concepto que tanto espertou o meu interese, aportando a súa definición así como as súas principais funcións. 

CAFI: CENTRO AUTONÓMICO DE FORMACIÓN E INNOVACIÓN

Ademais, para indagar máis na formación permanente do profesorado, empreguei como fonte de traballo e apoio o Plan Anual de Formación do Profesorado, traballado na clase e o cal presente no seguinte arquivo:

PLAN ANUAL DE FORMACIÓN DO PROFESORADO

Unha vez traballada minuciosamente a formación do profesorado,  optei por centrarme xa en analizar o seu desenvolvemento profesional. Para elo, servinme da entrada realizada para indagar no Life Long Learning, a cal me dou moito xogo, pois froito dela extraín unha afirmación que chamou a miña atención a partires da cal elaborei a seguinte entrada: 

Desenvolvemento Profesional do profesorado

“Quero deixar patente unha afirmación plantexada pola profesora nunha sesión expositiva e que quero rescatar neste punto, pois manifestou que “do feito de que exista formación (permanente) non se deduce que exista desenvolvemento profesional do profesorado”

Con este enunciado, daba por finalizada unha das miñas entradas anteriores ó blog cando me atopaba falando do concepto life long learning, deixando aberta esta afirmación que tanto chamou a miña atención cando a escoite en palabras propias da profesora Lourdes Montero.

Neste intre, desexo indagar sobre o desenvolvemento profesional do profesorado, xa que é un termo directamente relacionado con formación de profesorado e, ámbolos dous termos conforman o nome da materia que veño cursando.

Entón, o prioritario é coñecer o significado do concepto en sí mesmo.

Aparentemente, resulta un termo sinxelo de definir pero, realmente pode levar á confusión, pois no campo da formación de profesores, son varios os termos que se veñen empregando como sinónimos de desenvolvemento profesional docente.

Dunda banda, están as definicións próximas ó concepto de formación:

-       Reciclaxe de profesores

-       Perfeccionamento do profesorado

-       Formación permanente

-       Formación continua

Doutro lado, temos aquelas acepcións que integran o término desenvolvemento:

-       Desenvolvemento de profesores

-       Desenvolvemento profesional e persoal do docente

-       Crecemento profesional

Así, esta pluralidade de significados e significantes propician a utilización do termo con pouca rigurosidade axudando aínda máis á confusión inherente ó propio termo tal e como sinala García Gómez (1999) ó afirmar que “esta falta de un significado unívoco y consensuado por parte  de todas las personas e instancias que conforman la comunidad científica educativa, contribuye a resaltar la complejidad del mismo y dificulta la tarea de mostrar una  definición”. 

Neste senso, unha defición apropiada para o termo é a que ofrece Imbernón (1999) cando manifesta que:

“Cuando hablo de desarrollo profesional me refiero a todo aquello que tiene que ver con el cambio en la vida profesional del profesorado y no únicamente a los nuevos aprendizajes que requiere el profesorado, ya sean individuales como aquellos aprendizajes asociados a los centros educativos como “desarrollo profesional colectivo”.

Isto é, a formación é unha parte do proceso do desenvolvemento profesional do profesorado e que, seguindo a Imbernón, “esa formación lexitímase cando contribúe a ese desenvolvemento profesional dos profesores como proceso dinámico de profesionalización do profesorado, onde os dilemas, dúbidas, a falla de estabilidade e a diverxencia chegan a constituírse en aspectos da profesión docente e, polo tanto, axudan ó seu desenvolvemento profesional. “

É dicir, as circunstancias de formación e a vida persoal de cada profesor conteñen elementos que en maior ou menor grao, contribúen ó seu desenvolvemento profesional.

As principais características do desenvolvemento profesional, segundo Villegas-Reimser (2003) son as seguintes:

  • É máis un modelo constructivista que un modelo transmisor de coñecementos.
  • A consideración dos profesores como aprendices activos implicados na preparación, observación e reflexión sobre a súa tarefa docente.
  • Proceso a longo prazo, pois os profesores aprenden co paso do tempo.
  • Implica a relación de novas experiencias cos coñecementos xa adquiridos polos docentes.
  • A importancia do contexto no cal ten lugar o proceso.
  • As experiencias do desenvolvemento profesional gardan relación directa cos contextos concretas das escolas.
  • Esas experiencias están relacionadas coas actividades diarias dos profesores.
  • As escolas, como comunidades de aprendizaxe, contribúen ó desenvolvemento profesional dos profesores.
  • A existencia dunha relación entre o desenvolvemento profesional e o cambio educativo

 

Vemos pois, que se considera a figura do profesor como a da persoa que accede á profesión docente cunha formación inicial e que vai adquirindo co paso do tempo, novos coñecementos e experiencias valéndose igualmente, dos seus coñecementos previos.

Ó longo deste proceso de continua formación, o desenvolvemento profesional axuda ós profesores a construír nova teorías e prácticas pedagóxicas ó tempo que lles serven para mellorar a súa andaina docente.

Entendo pois que, o desenvolvemento profesional é un proceso continuo e dilatado no tempo que comeza xa na formación inicial e que finaliza cando o profesor dea por rematada a súa pericia docente.

Recollendo o dito anteriormente, pretendo resaltar o feito de que o desenvolvemento profesional se relaciona co desenvolvemento dunha persoa na súa faceta profesional, pois tal concepto, refírese, nun amplo senso, ó crecemento profesional que o profesor logra como resultado da súa experiencia e quefacer docente, incluíndo tanto as experiencias de formación formais como as informais e sempre tendo en conta o contido das experiencias, o contexto no cal se producen así como os elementos que faciliten ou dificulten o proceso de desenvolvemento profesional.  

Para realizar esta entrada, servíume de guía o documento publicado na Revista Profesorado, currículum e formación docente, baixo o título “Desarrollo profesional y profesionalización docente. Perspectivas y Problemas”, publicado no ano 2009.

http://www.ugr.es/~recfpro/rev132COL3.pdf

Un saúdo compañeiros/as 

TAMARA REY

 

Co gallo de tratar aínda máis en profundidade a formación e o desenvolvemento profesional do profesorado engadín ó apartado de favoritos varias páxinas de especial interese para a consulta acerca desta cuestión e que se poden ver detidamente no meu e-portafolios.

Exemplos delas son as que a continuación presento:

- Profesorado: revista de currículo e formación do profesorado www.ugr.es

- MECD: formación do profesorado inicial e permanente www.mecd.gob.es

- Revista Internacional da Asociación Universitaria de Formación do Profesorado (AUFOP) www.aufop.com 

- Instituto Nacional de Tecnoloxía Educativa e de Formación do Profesorado (INTEF) www.ite.educacion.es

- Sindicato Independente de Profesores ANPE http://www.anpe.es/

Para proseguir, e logo dunha pequena paréntese no traballo, inclineime por facer especial fincapé en persoas de referencia para a materia.

Principalmente, pareceume oportuno tratar a figura de Andy Hargreaves, xa que é un dos expertos máis recoñecidos en educación, ó cal lle dediquei a seguinte entrada ó blog: 

Andy Hargreaves

ANDY HARGREAVES é un dos expertos máis recoñecidos en Educación.

A través das clases da materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado tiven a oportunidade de coñecer a importancia desta figura a nivel de ensinanza e docente, pois unha das súas maiores aportacións a este campo é a visión social que aporta do colectivos de docentes, afirmando a existencia de tres tipos diferentes de profesores - catalizadores, contrapuntos e víctimas - .  

Pero quen é realmente Andy Hargreaves?  

Para respostar a esta pregunta ben podemos botar man da súa propia páxina web http://andyhargreaves.weebly.com/biography.html, na cal podemos consultar información persoal sobre a súa figura ou mesmo contactar con el, ademais de poder acceder ós seus artigos e publicacións máis recentes.

Para ir abrindo boca sobre este autor é importante resaltar que Andy Hargreaves é o titular da Cátedra de Educación “Thomas More Brennan”, da Lyinch School of Education do Boston College.

A misión da cátedra é fomentar a xusticia social e conectar a teoría educativa coa súa práctica.

Foi criado na cidade mineira do norte de Inglaterra, exerceu de mestre e imparteu clases en varias universidades inglesas, incluída a Universidade de Oxford, antes de ingresar no ano 1987 no Ontario Institute for Studies in Education de Canadá, lugar onde posteriormente cofundou e dirixeu o Centro Internacional de Educación para o Cambio (International Center for Education Change).

Non me cabe dúbida de que Andy Hargreaves posúe unha longa traxectoria profesional e tamén persoal dedicada ó mundo da educación, cuestión que queda patente coa máis de 25 libros que escribiu e editou, e os cales foron traducidos a diversas linguas polo seu interese e relevancia educativa.

Os seus libros máis recentes son El Liderazgo sostenible (2006), Guerra de Cambio (2008) e El cuarto camino (2009).

En defintiva, a investigación actual de Andy é froito do éxito das estratexias de cambio educativo nas escolas de alto rendemento, os distritos e os países, as organización que levan a cabo máis alá das expectativas nos negocios, o deporte e a educación, e estratexias especias de reforma da educación a través dos cambios logrados por toda escola e que tamén benefician a tódolos estudantes.

- Para saber máis sobre Andy Hargreaves é preciso consultar as seguintes páxinas, as cales foron empregadas para realizar esta breve entrada ó meu blog persoal:

http://andyhargreaves.weebly.com/biography.html

http://www.edmorata.es/Shop/Contributor/Details/80

http://www.icsei.net/index.php?id=1426

 

TAMARA REY 

Outra figura que considerei importante de resaltar a través dunha nova entrada ó blog, é a de Marta Mata. Sen dúbida, gran pedagoga española de referencia. 

 

MARTA MATA

MARTA MATA PEDAGOGA ESPAÑOLA DE REFERENCIA 

Aquí vos deixo un enlace a través do cal podedes consultar a biografía desta importante muller catalana como figura política e pedagoga española. 

http://www.martamata.cat/

Probablemente a páxina a atopodes escrita en catalán pero iso cun traductor á man está solucionado :)

A partir dese enlace que vos presento, pódese acceder a outros moitos para coñecer os seus recoñecementos así como a súa bibliografía xunto con outros enlaces de interese. 

Un saudiño compañeiros/as ;)

TAMARA REY 

E, como non, non podía faltar aquí a figura de Mariano Fernández Enguita, gran investigador sobre educación e desigualdades, para o que tamén realicei unha entrada persoal: 

 

Mariano Fernández Enguita

Outra das figuras importantes para o que á esta materia se refire e que tivemos ocasión de comentar ó longo das últimas clases impartidas,  é a de Mariano Fernández Enguita, gran investigador sobre educación e desigualdades así como autor de numerosos libros e artigos en publicacións, revistas e obras. 

Aquí quero deixar de manifesto unha pequena referencia sobre a súa biografia e traxectoria:

Mariano Fernández Enguita é catedrático de Socioloxía na Universidade Complutense, onde dirixe a Sección de Socioloxía da Facultade de Educación.

Ata o ano 2010 foi catedrático na Universidade de Salamanca, onde creou o Grupo de Análises Sociolóxica e foi director do Departamento de Socioloxía e do Centro Cultural Hispano-Xaponés.

Creou na USAL o portal de docencia universitaria en rede Demos e, en convenio co MEC, o portal de innovación educativa non universitaria Innova  http://www.portalinnova.org
Foi profesor ou investigador invitado nas universidades de Stanford, Wisconsin-Madison, Berkeley,o London Institute of Education, a London School of Economics, Lumière-Lyon II, Sophía (Tokyo) e conferenciante doutras.

É ou ten sido asesor da ANEP, a CICyT, o CES, o CIDE, a ESF e outras institucións. Organizou en Xapón e en España, a exposición Hidalgos e Samuráis.


É autor dunha vintena de libros, entre os cales destacan  A profesión docente e a comunidade escolar, É pública a escola pública?Educar en tempos incertos  e o fracaso e o abandono escolar en España (con L. Mineral e J. Riviére), ademais dun centenar de artigos en revistas académicas e capítulos en obras colectivas.


Na actualidade investiga sobre educación e desigualdades, a organización dos centros de ensino e a profesión docente, así como sobre o acceso á sociedade da información e o coñecemento e as súas consecuencias para a xustiza social e a educación.

Dirixe o proxecto A evolución da cultura profesional do docente, o Barómetro de Opinión Hispano-Luso e o Barómetro do Profesorado.  

Para obter máis información sobre esta gran figura, convén consultar a súa páxina e blog persoal http://www.enguita.info

Esta breve entrada foi elaborado empregando as seguintes referencias:

http://enguita.info/

http://www.aulaintercultural.org/spip.php?auteur184

http://politica.elpais.com/politica/2011/08/05/biografiaeldebate/1312564698_244213.html

Un saudiño 

TAMARA REY 

Asemade, a figura de Rosa Sensat tivo oco no meu portafolios baixo a páxina web www2.rosasensat.org que, loxicamente engadín ó apartado de favoritos.

Continuei con este proceso, falando de certas cuestións de actualidade que afectan directamente ós docentes. 

Neste senso, o primeiro que quixen facer foi realizar unha pequena entrada adicada a tratar o anteproxecto de Lei de cara implantar unha nova lexislación educativa baixo o nome de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), denominación que coido non lle fai honra ó que realmente se pretende lograr con ela e que deixo de manifesto lendo o seguinte:

Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa LOMCE

A LOMCE, como non podía ser doutro xeito pretende mellorar a calidade educativa así como os resultados  educativos de España cara Europa. 

Con este anteproxecto de Lei son numerosos os cambios educativos que ven a luz. 

Primeiramente preténdense implantar probas de avaliación a nivel nacional ó igual que tamén se poñen de manifesto cambios significativos nas diferentes etapas educativas. 

 

Así, os principais aspectos claves identificados son os seguintes:

- Na ensinanza primaria, realízase a supresión de ciclos por cursos. 

- En terceiro curso de educación primaira rfarase unha proba de avaliación final, realizada por unha persoa allea ó centro, é dicir, que será unha persoa totalmente externa ó centro quen  será a encargada de realizala, cuestión que se fai debido as malas puntuacións que normalmente acada España nos informes internacionais. 

- En sexto curso de primaria tamén se realizará unha avaliación, xa a nivel interno do centro. 

- A educación secundaria obrigatoria, reectructúrase en función dos resultados acadados. 

- No bacharelato, haberá que superar unha proba final porque non bastará simplemente con promocionar de curso. 

- Coa LOMCE, pasará o Consello Escolar pasará a constituíse como órgano consultivo e non decisional como se contemplaba na LOE. 

 

Como consecuencia directa disto, suprímense as competencias e capacidades deste órgano que, coa nova lei, pasarán a ser competencia do director/a do centro, o que supón un aumento das competencias da dirección. 

 

Outra consecuencia disto é que existe unha perda de autonomía e decisión dos pais e docentes no Consello Escolar, ó ser considerado agora só como órgano de consulta e xa non de decisión.

 

- Outra cuestión reseñable da LOMCE é que a formación dos directores agora está nas mans do Ministerio de Educación, feito que na LOE non se contemplaba. 

Ademais a LOMCE recolle un artigo específico (artigo 122 ) sobre as TIC que a LOE non contempla, fundamentando que as TIC servirán como recurso de apoio ás áreas non superadas á vez que serán empregadas como ferramentas complementarias para os procesos de ensino-aprendizaxe. 

 

Nembargante, unha cuestión que chamou enormemente a miña atención é o feito de que a LOMCE non contempla ningún tipo de referencia ó profesorado, nin a súa formación, polo tanto, enténdese que non existen referencias porque non se vai realizar cambio ningún cambio respecto da LOE. 

 

Agora ben, isto é claramente contradictorio. Entendo que se se vai producir un cambio de lei, deben contemplarse tódolos axentes implicados, entón porque non existe referencia algunha ó profesorado na LOMCE?

Ademais, os docentes son as principais víctimas dos grandes recortes en educación que actualmente vimos padecendo en España e coido que deben terse en conta e contar coa súa opinión para levar a cabo tal reforma na educación.

Os profesores sofren un enorme desgaste por mor dos recortes en educación que tanto afectan ó sistema educativo. 

TAMARA REY 

Continuei falando acerca da actual situación que vimos padecendo onde os recortes en educación, por desgraza, están a orde do día.

Isto fíxeno grazas a análise do documento Levántate y Quéjate, Educación! elaborado por Francisco Imbernón e no cal se poñen de manifesto grandes verdades, grande realidades e, sobre todo, as grandes consecuencias do ano de goberno popular no poder para a educación.

 

Reflexión

Logo quixen facerme eco dunha nova tratada xa con anterioridade na aula e que suscitou gran debate entre nós:

1000 euros de incentivo para os xóvenes extremeños sen o graduado escolar... medida de choque ou de conflicto?

O pasado día 10 de decembro, na clase expositiva de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado, vivimos un acalorado e animado debate entre nós, provocado pola noticia publicada no periódico El País onde se recolle que, dende a comunidade autónoma de Extremadura se activa un programa para atraer ás aulas a aqueles xóvenes que no seu día non remataron os seus estudos de secundaria, a cambio dun claro incentivo económico de mil euros, é dicir, a cambio de pagarlles por estudar e conseguir así, a súa reincorporación ó sistema educativo.

A nova en cuestión é a seguinte:

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/12/08/actualidad/1354978685_073187.html

Esta medida foi motivo dunha nova polémica educativa, pois era de esperar que xurdisen tanto posicións a favor como en contra desta iniciativa do goberno extremeño, o cal se deixou guiar pola senda doutros lugares nos cales se implantou esta iniciativa, como Nova York e Chicago, onde parece ser que os resultados obtidos non foron os esperados.

Como sempre que se fala dunha nova desta magnitude onde se “xoga” con capital económico, teño curiosidade por coñecer o lugar de orixe deses supostos mil euros de incentivo que van recibir os participantes do programa.

Foi a través dunha nova publicada no el economista.es como dei coa resposta, pois o Sindicato de Traballadores da Ensinanza (STE) de Extremadura, por certo totalmente en contra desta medida e dende o cal se esixe a “retirada inmediata do plan que ofrece 1000 euros ós xóvenes desempregados sen a educación secundaria obrigatoria”, afirma que ese diñeiro se extrae directamente da supresión das pagas extras do docentes extremeños, conseguindo como resultado cerca de case catro millóns de euros dispoñibles para os posibles beneficiarios do programa, é dicir, o goberno extremeño pretende por unha banda “motivar”  e mellorar a formación con esta iniciativa dos xóvenes da súa comunidade, golpeando directamente os docentes que, supostamente, se van encargar de reconverter ó sistema educativo a estes rapaces/as.

Persoalmente, considero que isto é un feito claramente contraditorio se verdadeiramente o goberno rexional pretende levar a diante un programa destas características. Teño a sensación de que non se tivo en conta a aquelas persoas e colectivos que se poden ver afectados en maior ou menor medida pola aplicación desta medida, pois entendo que non se pode beneficiar ó colectivo de xóvenes extremeños sen a E.S.O., quitando proveito (económico) doutro como é o dos docentes, aínda que realmente en cuestións políticas neste país sempre se funciona así.

Igualmente, a medida tampouco obtivo o respaldo dos principais sindicatos como UXT e CC.OO. na rexión extremeña, pois consideran que se trata máis ben dunha medida política e non educativa ou social, coa cal se pretende disimular os erros do goberno liderado por José Antonio Monago.

O mesmo acontece co colectivo de docentes da rexión, os cales mostraron a súa inconformidade con esta medida, ó entender que pagar por unha educación que se supón pública e gratuíta “a desvirtua como valor propio”, opinión coa que tamén coincide a presidenta da Asociación de Directivos de Institutos Públicos de Extremadura, Nieves García, como firme opositora desta medida.

Expertos como Juan Manuel Moreno, especialista de educación do Banco Mundial mostrou a súa conformidade con esta medida afirmando que o alto índice de fracaso e abandono escolar de España, ”require de medidas de choque”, polo que “merece a pena experimentar”  implantando iniciativas diferentes como a realizada polo goberno extremeño.

Como non, dende o goberno central, o actual ministro de Educación, José Ignacio Wert tamén apoia a medida, baixo os seus fieis argumentos de que coa aplicación deste programa se contribúe a mellorar a inserción laboral dos xóvenes sen os estudos obrigatorios ó igual que se consegue así a súa inclusión social.

Agora ben, vista a noticia en profundidade, tódalas opinións de expertos e sindicatos, suscitan en min interrogantes como porque se premia a estes rapaces/as cunha compensación de tipo económico?, acaso isto non significa premiar o fracaso e o abandono escolar? ou pola contra esta medida implica unha segunda oportunidade para eles/as?

Persoalmente coido que se trata dunha medida que xorde por un posible problema de exclusión social dun colectivo de xóvenes vulnerables por non obter no seu día o título de graduado escolar. A meirande parte deste rapaces/as abandonaron as aulas no seu momento porque non lles atraía o estudo nin mostraban interese por querer aprender e aínda así pretendían acceder ó mundo laboral sen acreditar ningún tipo de cualificación, de feito moitos deles/as recorrían a anotarse nas listas do paro sen tan sequera ter o título da educación obrigatoria.

Ante isto, dubidei seriamente acerca da miña propia posición respecto desta medida, pois eu mesma como estudante recoñezo que unha compensación económica é unha motivación extrínseca moi grande e moi atraíble para os xóvenes estudantes, de feito isto véxoo reflexado propiamente en min así como en calquera de vós, pois como alumnos/as universitarios ben que demandamos becas e axudas para o estudo.

Ademais, coido que esta iniciativa supón unha segunda oportunidade para aqueles/as que decidiron abandonar os estudos obrigatorios e ós que agora se lles ofrece a posibilidade de reincorporarse ó sistema educativo e continuar coa súa formación.

Agora ben, xamais me deron diñeiro por estudar nin recibín ningún outro tipo de compensación que non fose o meu propio esforzo e traballo constante.

Coido que a medida en sí mesma está mal plantexada porque non se trata só de atraer de novo as aulas os xóvenes de entre 18-25 anos como se contempla na mesma, senón que máis ben o que habería que facer é motivar a aqueles rapaces/as que xa forman parte do sistema educativo para que non se vexan obrigados a abandonar os seus estudos por calquera cuestión ou situación, pois indiferentemente do motivo do fracaso escolar, non me cabe dúbida de que é preciso solucionar os problemas educativos para, precisamente evitar este fracaso, pero con outro tipo de medidas políticas así como con outros incentivos diferentes dos económicos que,  por susposto, son un gran aliciente, pero non deixa de ser algo efímero.

Para os posibles receptores deste programa, a medida resulta moi atractiva polo mero feito de que van a recibir o importe de mil euros por reconducir de novo os estudos obrigatorios, ou dito doutro xeito, consideran que van a recibir un “premio” en forma de diñeiro, pero realmente non é máis que un cebo, pois debemos ter en conta que a maioría destes rapaces/as non deixaron os seus estudos por problemas de tipo económico senón por unha falla enorme de motivación, de esforzo e de responsabilidade para co seu propio futuro.

Ademais non nos podemos esquecer dos docentes e da posición que adopten perante esta medida, xa que a súa tarefa verase moi complicada de levar a cabo porque xa non só deben tratar os aspectos académicos senón que os responsables de avaliar o alumando e, é do profesor de que vai depender directamente que o alumno consiga ou non tal compensación económica, é dicir, o profesor interfire na consecución dun obxectivo, cuestión que é claramente preocupante.

En consecuencia, a medida non deixa de ser moi superficial en esencia ademais de un incentivo erróneo do que me dá a sensación, o goberno extremeño botou man para diminuír o número de xóvenes nas listas do paro da súa comunidade escudándose no argumento de que é unha medida de choque para paliar o abandono escolar.

Particularmente, claro que estou dacordo con que é necesario formar os xóvenes que no seu día abandonaron a escola para que conten alomenos cos estudos mínimos e por suposto que tamén creo nas segundas oportunidades. Pero existen outras moitas medidas que se poden implantar para paliar este problema ó igual que outras moitas maneiras de motivar a estes xóvenes que non se solucionan co simple feito de darlles cartos senón axudándolles a continuar coa súa formación, guiándoos e orientándoos para que así o logren.

 

Para elo, existen as bolsas de traballo, os compromisos de contratación en empresas, e como non, existen os Programas de Cualificación Profesional (PCPI) antes coñecidos como Programas de Garantía Social (PGS) que neste caso que se presenta, son a mellor vía para aqueles xóvenes de entre 16 e 25 anos que non obtiveron o título de graduado escolar na Educación Secundaria Obrigatoria e a través dos cales se lles facilita a posibilidade real de conseguir a súa inserción laboral satisfactoria.

En definitiva, para min esta medida é outro parche máis co que se pretende aliviar os problemas de fracaso e abandono escolar, unha medida política causante de conflictos e enfrontamentos entre aqueles que avogan pola súa implantación e os que loitan pola súa retirada e que no fondo non fai máis que pór de manifesto que a educación neste país precisa doutro tipo de medidas que realmente sexan efectivas e eficaces.  Ademais, contradícese cos valores e principios que o propio sistema educativo fomenta pois dende o primeiro momento no que se equipara á educación cun “premio” económico cáese nun erro garrafal.

E un último apunte: francamente para min a motivación que representa a obtención dunha titulación oficial para o acceso á vida laboral é máis que suficiente para que queira e desexe rematar os meus estudos, ó igual que tamén debería ser suficiente para que estes xóvenes que se reincorporan ó sistema completen os seus estudos,  ó fin e o cabo é certo todos/as nos formamos co fin último de obter un traballo e sobrevivir independemente dos nosos pais.

Para comentar esta nova, botei man das seguintes páxinas:

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/12/08/actualidad/1354978685_073187.html

http://ecodiario.eleconomista.es/espana/noticias/4415569/11/12/STE-Extremadura-exige-la-retirada-inmediata-del-plan-que-ofrece-1000-euros-a-jovenes-desempleados-sin-la-ESO.html

Un saúdo cordial 

TAMARA REY 

E como peche destas cuestións, realicei unha entrada para tratar unha nova publicada no xornal El Mundo que me resultou chocante, pois xogábase dalgún xeito cunhas cifras acerca do gasto das familias por alumno/a, que non fai máis que deixar de manifesto, baixo a miña opinión, que tarde ou cedo e nosa educación pública caerá en mans da privatización. Véxase a nova: 

“Las familias gastan 822 euros por alumno en colegios públicos y 3.627 en privados ”

Baixo o título “Las familias gastan 822 euros por alumno en colegios públicos y 3.627 en privados ” , o xornal El Mundo no día de hoxe publicada esta nova, aludindo ós datos que recolle o Instituto de Avaliación Educativa (INE) sobre o gasto familiar anual por alumno en función da tipoloxía do centro, é dicir, se o centro é de titularidade pública, privada ou privado-concertado.

A nova en cuestión é a seguinte:

http://www.elmundo.es/elmundo/2012/12/28/espana/1356691303.html

Como amosa o título, o gasto familiar para os centros públicos incrementouse nos últimos tempos, sendo agora de 822 euros .

Como é lóxico, para os alumnos/as dos centros de titularidade privada o gasto das familias é moito maior chegando inclusive, segundo datos do INE, a superar os 3000 euros por alumno. Isto é debido a que, ó tratarse de centros baixo a responsabilidade dunha persoa física ou xurídica non pública, na meirande parte dos casos, son as propias familias as que sustentan o centro e os servizos que oferta a través das súas aportacións económicas.

Estes datos revelan que cerca dun 43 % do gasto na ensinanza regrada é realizado polas familias dos estudantes que cursan os seus estudos, no presente ano académico en centros de titularidade pública, un 21’6 % os que estudan nas aulas privadas concertadas e o 35’7 % restante, dos que o fan en centros privados.

Aparentemente, a nova só mostra datos e información estatística sobre o gasto familiar efectuado por alumno, pero véndoa dende unha perspectiva obxectiva tamén ofrece outros datos dun xeito implícito.

Se temos en conta que do total de estudantes, preto do 70% acude a aulas públicas, é moi evidente que o gasto das familias (822 €) por cada fillo que teñan en idade de escolaridade resulta ser moi alto para a actual situación de crise económica que estamos a padecer e supón unha inversión moi grande para aquelas familias que contan con escasos recursos económicos ou ben que teñen a algúns dos seus principais membros e sustentadores da familia en paro.

Entendo que estes datos, dunha ou doutra maneira, son reflexo dunha política que nos encamiña cara a privatización dos centros, pois o goberno vixente aproveita a conxuntura actual para aplicar a súa ideoloxía a tódolos ámbitos de interese social, como neste caso é a educación.

 Os datos son claros, mostran un incremento do custo da ensinanza pública para as familias, o que baixo o meu punto de vista pode derivar, como xa acontece coa privatización de centros sanitarios en Madrid, nunha posible política de privatización de colexios públicos, co fin de quitar maiores beneficios e así aplicar grandes políticas de aforro para reducir a inversión con fondos públicos.

Parece que o goberno non aposta por un sistema educativo baseado na igualdade, pois semella querer que exista unha educación para ricos outra para pobres. E é máis é a actual crise económica a que fai máis patente as diferenzas entre as clases altas e as medias ou baixas. 

Con este comentario non pretendo molestar a ninguén, simplemente ofrezo a miña visión persoal sobre o gran desembolso económico que supón para as familias españolas a suposta educación "gratuíta" para os seus fillos, que cada vez se ve máis incrementada, ó igual que procuro mostrar, brevemente, como afectan as políticas levadas a cabo á educación pública. 

Un cordial saúdo 

TAMARA REY 

Recordo que para  pechar as últimas sesións de traballo na materia, adicamos un tempo a tratar unha cuestión que, a pesares de que xa estaba acostumada a escoitar debido á situación actual  que vivimos, non me parara a cavilar na súa importancia e repercusión para os docentes. Estoume referindo nin mais nin menos, ó malestar dos docentes, o estrés, agobio e saturación que a meirande parte deles padecen no seu quefacer.


Chegados a este punto véxome na obriga de realizar unha sub-páxina para seguir valorando o meu proceso de traballo individual.