D.1.Entradas elaboradas en base ós aspectos que tratamos nas sesións de clase e que me chamaron a atención

Esas entradas son as seguintes:

Todo avance é un progreso?

Realmente a práctica do vídeo serviunos para algo?

Que é o b-learning?

Somos conscientes de todo o que nos pode ofrecer a rede?

Diferenzas entre PLE e LMS, que plataforma ven sendo máis pedagóxica?

Experiencias metatextuais: integración das tecnoloxías nun centro educativo

Porque se tenta equiparar a vida real á vida virtual?

Estudo de caso: integración das tecnoloxías nun centro educativo

Webquest ou Jclick?? Interpretacións ou memorizacións??

 

Debo resaltar neste senso as entradas:

Webquest ou Jclick?? Interpretacións ou memorizacións??


WEBQUEST: A quenlla branca

            Esta webquest está elaborada por A. Sánchez, un profesor do centro educativo “CEP El Ejido”, pertencente á Xunta de Andalucía. A Webquest vai dirixida ós nenos que cursan a materia de Coñecemento do Medio na Educación Primaria, tendo como tema específico esta webquest o da quenlla branca.

            O tema está distribuído en catro bloques: introdución, preguntas, recursos para contestar a estas cuestións e unha gran pregunta final. Desta maneira, introdúcese á quenlla branca a través dunha breve presentación na que pon unha gran énfase na información ó empregar adxectivos como: bello, feroz, temible ou asasino, acompañados de imaxes moi impactantes e producindo intriga a través de cuestións interesantes como: ¿é a quenlla branca tan destrutiva como se describiu nun pasado? Así, as preguntas fan que os alumnos se impliquen á hora de ler e procurar a información contida nos recursos que se lle facilitan sobre esta temática. Recalcamos o poder motivante da Webquest ó utilizar materiais como as cores, a linguaxe, as fotografías reais, así como as numerosas cuestións que dan pé para que os destinatarios sexan partícipes do tema.

                                                                               image

Considero que a teoría da aprendizaxe implícita a través da Webquest está a cabalo do constructivismo e do conectivismo, xa que como ollábamos en anteriores entradas que publiquei, tomamos constancia de como a teoría da aprendizaxe constructivista fai que o alumno aprenda por si só mediante a implicación e participación nunha tarefa na que emprega o coñecemento previo obtido sobre calquera aspecto co coñecemento actual que lle ofrecen. Aínda que moita da bibliografía nos amosa que a webquest posúe unha “orientación claramente constructivista” (Díez Gutiérrez, E.J., 2010), expoño que a aprendizaxe que se advirte nesta Webquest se relaciona coas dúas teorías de aprendizaxe que citabamos, porque os alumnos mediante a conexión á rede (non mediante a socialización como presenta o constructivismo) obterán coñecemento, desenvolvendo unha aprendizaxe complexa e autónoma na que se presenten diversas formas do coñecemento, non só un coñecemento sobre a quenlla branca.

Recupero o cadro (Siemens, G., 2008) da entrada publicada que vos comentaba para que verifiquedes aquilo que promove o emprego da Webquest dende o meu punto de vista:

Propiedade

Constructivismo

Conectivismo

Produción da aprendizaxe

Social- personal

Distribuído, mellorado mediante a tecnoloxía

Factores influíntes

Participación, implicación, compromiso

Importancia dos vínculos, diversidade

Papel da memoria

Coñecemento anterior mesturado co actual

Adaptación a realidades

Transferencia

Socialización

Conectando as redes

Outras denominacións

Social

Aprendizaxe complexo, diversas formas de coñecemento

           

Para concluír, constatamos o gran potencial educativo da Webquest (ó combinar ambas teorías da aprendizaxe), aínda que como nos explicaba a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa” na anterior sesión de clase interactiva, é importante que cando se elabore unha Webquest se teña en conta os motivos da súa creación, é dicir o fin expreso da webquest, “lograr que los estudiantes hagan buen uso de ese tiempo del que disponen para obtener información, leer, reflexionar y desarrollar su propio proceso de aprendizaje y se enfoquen en la utilización de la información más que en buscarla” (Díez Gutiérrez, E.J., 2010).

 

JCLICK: A gaivota da Coviña

            Este paquete de actividades foi elaborado por Sabela Núñez Singala no ano 2003, estando dirixido ós nenos que cursen Educación Infantil ou o primeiro ciclo da Educación Primaria. Deste modo, a área na que está inserto o tema deste conxunto de actividades son as ciencias sociais, explicando o caso concreto da gaivota da Coviña.

            Nesta zona Jclick atopamos un paquete de actividades sobre a gaivota da coviña. Así, podemos coñecer información sobre esta gaivota ó presentárensenos recursos como un conto (no que se presentan imaxes para facer máis comprensible o mesmo), puzles (co fin de que se tome constancia daquilo que sucedeu coa gaivota) e preguntas de comprensión na que se amosan tres imaxes na que tes que cliquear a correcta, contestando así á cuestión. Deste modo, establecemos como son actividades educativas as manifestadas nesta zona Jclick, xa que desenvolven un dinamismo da páxina mediante a interacción do neno realizando os exercicios propostos, de xeito que “aprende facendo”.

                                                                               image

Hai que engadir que, a metodoloxía que impera nesta zona Jclick é a tradicional, é dicir, constátase como a teoría de aprendizaxe que desenvolve é a conductista, xa que o método que se leva a cabo é o estímulo-resposta (por exemplo, aquela pregunta á que se contesta ben, respóndese positivamente pasando a unha nova, como un “premio”), caracterizada a aprendizaxe a partires dos exercicios realizados en base ás experiencias repetidas. Desta maneira, dende o meu modo de ver, voltamos a reconstruír aquilo que realizamos na vida real da escola á vida virtual, en vez de aproveitar os recursos tan innovadores e enriquecedores que nos ofrece a web.

 

Comparación entre estes dous recursos amosados: Webquest vs Jclick

            Equiparando a webquest ás actividades que nos brinda a zona Jclick comprobamos que calquera das dúas nos ofrecen recursos cos cales os nenos poden interactuar ó teren que realizar as actividades que se lle demandan. Porén, dende a miña maneira de ollar, a diferenza principal entre estes dous recursos estriba en que, a través das Webquest os alumnos levan a cabo unha aprendizaxe máis autónoma promovendo un espírito crítico, xa que teñen que indagar e explorar a información segundo aqueles recursos que o profesorado lles brinda como guía para a súa obtención da información, así teñen que discernir entre uns ou outros contidos, saber elixir, tomar decisións. Así na zona Jclick, o alumnado só ten que realizar as actividades que lle son presentadas sen necesidade moverse pola web para procurar as respostas (o que tamén fomenta a comodidade no alumnado).

            Neste senso, dende o meu punto de vista, as novas tecnoloxías na zona Jclick son empregadas como un mero soporte no os rapaces desenvolven os exercicios (tamén podéndose realizar en soporte papel, por exemplo), a diferenza da Webquest na que utilizan as novas tecnoloxías como soporte e como instrumento para solucionar os exercicios que lles son presentados. Sinalar que, nos dous sitios web se promove o entusiasmo e a motivación dos alumnos, a través das cores, fotografías, a forma das descricións, etc.

            Doutra banda, en calquera destes dous recursos telemáticos existe un guía (normalmente o profesor) no proceso de aprendizaxe, aínda que indicamos que na webquest non se exerce unha guía tan directiva como nos exercicios da zona Jclick (só hai que realizar eses exercicios demandados) porque o feito de procurar as respostas segundo os recursos que expoñan os profesores ofrece máis liberdade ó alumno na medida de que pode escoller entre uns recursos ou outros a partires das súas preferencias, reflexións e do que se pregunta na actividade.

Outras diferenzas recollidas na sesión de clase interactiva da materia “Tecnoloxía Educativa” son:

(están subidas a arquivos que, ó igual que na outra entrada pasada non me deixa subir aquí as creacións propias miñas)

            Para concluír, dicir que mediante o expresado na presente entrada, verificamos que a Webquest é un recurso moi factible e útil no eido da educación, xa que como nos sinala a páxina web da Aula21, “investigando en la web se incorpora a los estudiantes en tareas efectivas, estimula a la colaboración y discusión, y es de fácil integración en el  curriculum escolar”.

            Do mesmo modo, tal como nos explicaba a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa”, a Webquest favorece a interpretación da información, construíndo coñecementos propios, sen memorizalos, senón establecendo relacións entre os contidos, e sendo o alumno o creador da información (reflexionando no proceso sobre calquera aspecto e podendo mesmo autoavaliarse, citamos neste senso a “avaliación de rúbrica” que nos comentaba a profesora). En contraposición, as actividades da zona Jclick amósannos datos cos que hai que practicar, non pretendendo que os alumnos aprendan, xa que non se explica o mecanismo da suma, por exemplo, carecendo dunha perspectiva comprensiva.

            Así, aínda que nunca tiven experiencia con ningún destes dous recursos, destaco a Webquest sen dúbida, como ferramenta totalmente educativa e que, formará a cidadáns máis intelixentes e coñecedores da realidade, posuíndo unha capacidade crítica e fomentando valores comunitarios (colaboración, diálogo, comprensión).

 

BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA:

Díez Gutiérrez, E.J. (2010). Aprendizaje socioconstructivo en la red de Webquest y Moodle. León: Universidade de León. (Inédito)

Siemens, G. (2008). Learning and Knowing in Networks: Changing roles for Educators and Designers. Presentado no Forum de Educación Tecnolóxica. Celebrado en Georgia o día 27 de xaneiro.

http://clic.xtec.cat/db/act_es.jsp?id=2184 (Consultada o día 30 de abril de 2013)

http://www.aula21.net/tercera/introduccion.htm [Páxina web da Aula21, consultada o día 7 de maio de 2013)

http://www.cepejido.es/phpwebquest/caza/soporte_tabbed_c.php?id_actividad=359&id_pagina=1 (Consultada o día 30 de abril de 2013)

 

Diferenzas entre PLE e LMS, que plataforma ven sendo máis pedagóxica?

 

Logo de asistir á clase expositiva da materia de “Tecnoloxía Educativa” deste martes, reflexionei e indaguei sobre as principais diferenzas entre as plataformas PLE (Personal Learning Environment) e LMS (Learning Management System) que, en xeral xa nos comentou a profesora desta materia, así, establecín unha relación entre a vida real e a dixital que explicarei a continuación.

            Primeiramente dicir que, a través dun wiki chamado Socialmente 2011,  amosóuseme un cadro moi significativo no cal se presentaban as diferenzas fundamentais entre unha e outra plataforma.

Táboa que diferencia as características da plataforma LMS da plataforma PLE

LMS

PLE

Centrado no contido

Centrado no estudante

Baseado na administración

Baseado no emprego e manexo

Selección predefinida de ferramentas

1º necesidades/ 2º selección de recursos

Un mesmo tamaño para todos

Retroalimentación persoal

Aprendizaxe formal

Aprendizaxe informal e permanente

Centralizado/cerrado/delimitado

Distribuído/aberto/impreciso

Estruturado/pesado/ríxido

Libre de forma/sinxelo/flexible

Xerárquico

Emerxente

Controlado/unidireccional

Relacións simétricas/multidireccional

Estático

Dinámico/activo

Ó ritmo do educador

Ó ritmo do estudante

Coñecemento requirido

Coñecemento atraído/compartido

e-reading/consumo de contidos

Colaboración social/produción

Aprendizaxe memorístico-repetitivo

Aprendizaxe analítico-conectivo

 

            O feito de que a profesora explicase na exposición que a plataforma LMS desenvolvía un proceso de arriba a baixo (profesor-alumno), e a plataforma PLE levase a cabo un proceso de abaixo arriba, fixo que me parara a pensar neste aspecto.

            Posuímos dende o pasado, máis que un sistema educativo, un sistema administrativo e para o control. Isto vese reflectido en calquera realidade escolar ou incluso nas nosas experiencias escolares propias: como nos avalían para o control, non para a mellora, ou por exemplo, como tamén explicaba noutra sesión de clase a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa”, son os alumnos os que quedan relegados a un segundo plano cando de mellorar as súas condicións educativas se trata (véxase como os ordenadores que tiveran xa un emprego en administración e eran máis vellos, se lle ían cedendo á aula de informática, non posuíndo esta apenas ordenadores novos).

            Así, as tecnoloxías irrompen nas nosas vidas e, en vez de empregalas axeitadamente, e mudar esta realidade de control, seguimos reproducindo no mundo virtual e dixital o mesmo fenómeno: o control, como se amosa nas características da plataforma LMS. Unha plataforma non educativa, xa que de que nos serve unha aprendizaxe memorística se non comprendemos o que estamos a aprender? Isto leva aparellados moitos valores, como a carencia dun espírito crítico, porque se só nos adicamos a aprender os aspectos do quefacer diario a base de repetilos, nunca reflexionaremos e nos cuestionaremos o porque duns feitos e non doutros, ignoraremos moitas realidades e, como non, manipularannos e convencerannos facilmente.

            Dende a miña perspectiva, tampouco comprendo porque as aprendizaxes teñen que vir dadas grazas a unha xerarquización, por exemplo, do profesor ó alumno, sendo este unha persoa ó igual que o alumno. Neste senso, o alumno non aprenderá por propia convicción, por propia motivación, por propio interese, senón que o fará por obrigación, non establecendo unións entre todo o que aprende. Feito oposto acontece coa plataforma PLE, que “promueve el autoaprendizaje por medio de la utilización de recursos Web (..) centrado en la figura del estudiante que le permite tomar el control de su propio proceso de aprendizaje, de forma que pueda fijar sus propios objetivos, gestionar su actividad y comunicarse con otros” (Cabero, J. e Marín, V., 2011).

 

image

 

            Fai falla unha transformación social en tódalas esferas da vida, pero sobre todo na educación, no sistema educativo, que é onde os nenos se sitúan, e que conformarán a sociedade do mañá. Pero, é certo que non é sinxelo que se produza unha transformación cando posuímos moi interiorizados valores que van en contra da nosa comunidade (competitividade, control dos demais, envexas...), por iso, comecemos pola transformación dixital que, a diferenza da social non posúe tantos séculos de vida. Fagamos que as plataformas dixitais e, en xeral, o mundo dixital se asemelle á PLE, que os alumnos indaguen, empregando como recurso as novas tecnoloxías, que se motiven e se interesen polo que desexen, que constrúan coñecementos, que os compartan, que colaboren cos seus iguais e coa sociedade, que teñan personalidade propia, non copias doutros, fomentando a heteroxeineidade e a riqueza de ideais...fai falla un aprender a aprender, intentémolo no mundo dixital, xa que no social este fenómeno xa está moi arraigado.

 

BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA:

Cabero, J. e Marín, V (2011). Creación de un entorno personal para el aprendizaje: desarollo de una experiencia. Edutec-e, Revista electrónica de Tecnología Educativa, 38. Recuperado o día 23 de abril de 2013, de http://tecnologiaedu.us.es/tecnoedu/images/stories/jca78.pdf

http://socialmente2011.wikispaces.com/PLE+vs+LMS (Consultado o día 23 de abril de 2013)

http://www.centrocp.com/cms-lms-y-lcms-definicion-y-diferencias/ (Consultado o día 23 de abril de 2013)

 

Nestas entradas non só expoño o que ven sendo o LMS, o PLE, a Webquest ou a zona Jclick, senón que explico o que supón dende o punto de vista educativo estes recursos e plataformas, e como non, seguindo a liña do meu fío condutor, de que maneira inflúe nos valores da sociedade.  Así, foron seleccionados estes elementos porque os considero valiosos, e que, como tamén explico nas entradas son exemplos das experiencias que se desenvolven na realidade: o PLE e a Webquest como aspectos totalmente educativos, xa que promoven a indagación por parte do alumnado ou as interpretacións do que acontece nunha determinada situación, mentres que a zona Jclick ou o LMS constitúense como elementos que, desgraciadamente, se desenvolven na maioría das aulas dos nosos colexios, repeticións, memorizacións, pouco sentido crítico no alumnado...feitos pouco educativos.