E_AUTOAVALIACIÓN DO PROCESO

Antes de amosar polo miúdo a miña autoavaliación do proceso de ensino-aprendizaxe nesta materia de “Tecnoloxía Educativa” debo presentar dúas entradas que considero dan a ver o que supuxo para min traballar na rede social do Grupo de Investigación Stellae:

Que me supuxo a materia de "Tecnoloxía Educativa"?

Esta entrada irá dirixida a toma de constancia do que me supuxo o traballo ó longo da materia “Tecnoloxía Educativa” nesta rede social do grupo de investigación “Stellae”.

            Así, primeiramente indicar que, o feito de que a profesora da materia plantexase  a asignatura dun modo totalmente distinto a como viñemos traballando no transcorrer do grao de Pedagoxía significou para min un antes e un despois, xa que había un cambio rotundo na metodoloxía e nos procedementos que se desenvolvían no seo desta materia. O feito de publicar entradas, arquivos, favoritos, tweets, páxinas e comentar ós nosos compañeiros os seus blogs sobre todo aquilo que nos chamara a atención durante a exposición das temáticas que nos presentaba a profesora na clase, ou daquelas cuestións acerca da tecnoloxía nas que desexábamos profundizar ó ser do noso interese, fixo que levaramos a cabo unha aprendizaxe totalmente real: aprendemos movidos polos nosos intereses, aspecto que fixo que, polo menos no meu caso, aquilo no que indaguei e traballei, non esquecera, e que polo tanto aprendín e aprehendín. Cabe engadir que, non só obtivemos numerosa información relevante que pertence ó eido da tecnoloxía educativa, senón que tamén reflexionabamos sobre a mesma información, engadindo xuízos de valor propios sobre aquilo que analizabamos, desplegando un espíritu totalmente crítico e reflexivo, discernindo entre unha información ou outra, e sobre todo, consultando gran cantidade de fontes o que nos levou a verificar que autores relevantes existen no campo da tecnoloxía, cales son os máis destacados. Todo isto, sen facernos falla unha teórica vital pola que guiarnos, sen estudar para un exame, só elaborando entradas sobre aquilo que desexábamos tendo como tema central a tecnoloxía.

            Deste modo constatamos como, dende o meu modo de ver, esta materia do plan de estudos do grao de Pedagoxía foi a primeira na que desenvolvemos un procedemento, metodoloxía e estudo totalmente pedagóxico. Observamos como ano tras ano nas diversas materias que posuímos na nosa titulación ata o momento, se verifica a través dos coñecementos que adquirimos a pésima educación que está desenvolvendo nas aulas do sistema educativo español (celularismo dos profesores, escasa capacidade de atención dos alumnos, carencia dunha participación do alumnado, falta de reflexión, a escola como obrigación, etc). Porén, aínda que tomamos constancia disto nas nosas materias, son os profesores que posuímos na nosa titulación os que seguen coas mesmas prácticas, reivindican a mala educación que se transmite día a día, pero son eles os que continúan con prácticas como: clases maxistrais completamente expositivas que carecen dunha total participación do alumnado, clases expositivas incluso nas sesións de clase que deberían de ser interactivas, organización do mobiliario para unha clase maxistral (en vez de en forma circular ou en forma de U), etc. Así, a materia de “Tecnoloxía Educativa” constituíuse como un gran cambio: nas clases expositivas había exposición por parte da profesora, pero tamén existía interacción entre o alumnado ó teren que realizar nalgunhas sesións actividades conxuntas, requiríndose participación por parte do mesmo ante calquera cuestión que demandase a profesora. Cabe engadir que, estabamos dispostos en forma de U, o que posibilitaba e favorecía enormemente a participación entre todos os compañeiros do grupo-clase.

 

                                                                                                       image

 

            No que respecta ó feito de non haber un exame final foi tamén unha transformación clave no meu modo de concibir a materia, fixo que traballara dun xeito máis constante, sen presións ó non ter que memorizar aquelas palabras clave co fin de poder no exame desenvolver completamente as temáticas a tratar. Fixo que pouco a pouco integrase coñecementos, dun modo gradual, que comprendese realmente todos os aspectos ó reflexionar sobre eles tranquilamente, motivábame indagar sobre asuntos pertencentes á tecnoloxía do meu interese.

            A materia é “Tecnoloxía Educativa”, e que mellor que traballemos con tecnoloxía para tomar constancia real da mesma. Así, cando se me presentou a rede social do “Stellae” nun primeiro intre retrocedín, non desexaba traballar cunha rede social, xa que non me gustan as redes sociais, considero que na nosa sociedade son unha gran problemática, non é culpa das redes sociais en si, o problema é das persoas que non saben empregalas e vólvense totalmente dependentes delas. E o feito de que se me presentase nunha materia do grao foi “mortal”, se se me permite dicilo, non me gusta explorar novas aplicacións tecnolóxicas e menos me apetecía ter que poñerme a examinar como ía ser esta nova rede social que se me cruzaba no camiño. A isto hai que engadir, polo que comentaba que, consideraba que en moitos dos meus compañeiros lles crearía dependencia, así estarían tempo e tempo na rede, un tempo do que eu non dispoñía, e que polo tanto me vería claramente atrasada porque non me daría conta do que subiría un compañeiro ou outro, e non sabería se iría a repetir un tema do que xa se falara, por exemplo. Finalmente debo dicir que, afortunadamente esta rede tampouco creou tanta dependencia (polo menos na maioría dos compañeiros do grupo-clase) en nós, e que me sinto moi satisfeita, en xeral, polo traballo realizado.

            Aínda que ó principio do cuadrimestre nesta materia non soubese como desenvolver o meu espazo na rede social, pouco a pouco, fun despegándome das dúbidas, dos medos, e soltándome ó ver que ía adquirindo cada semana uns poucos máis coñecementos sobre a materia que me permitían reflexionar sobre varios coñecementos á vez, polo que ó final deste cuadrimestre as miñas entradas eran máis elaboradas, posuían máis información, máis reflexións, acudía a máis fontes de información, e podo dicir que, agora atópome totalmente cómoda realizando as entradas ó blog, simplemente, unha entrada permíteme reterme a pensar na nosa sociedade e a tecnoloxía, establecendo relacións. Tamén, aínda que semelle unha contraposición, cando ó principio desta materia me levaba dous días a elaboración dunha nova entrada, agora, ó final, apenas me leva unha tarde, polo que constato que progresei moito, tanto na miña redacción (ortografía, expresións) como nas miñas indagacións (procurar fontes fiables nun menor tempo).

                                                                   image

 

            Desta maneira, como se pode verificar a través do meu espazo na rede social do grupo de investigación “Stellae” e do que estou a amosar nesta entrada, subliño que aprendín moitísimo desta materia, posuíndo un gran valor todos aqueles coñecementos que logrei, sinxelamente amplioume a visión de cara a un futuro, de cada ó meu futuro profesional como pedagoga, unha boa educación é posible. Neste senso, debo dicir que tampouco tiven ningún tipo de dificultades importantes, sinalar de modo concreto só as relacionadas coa informática en si, xa que tiven problemas relacionados con subir o vídeo a Vimeo, subir fotografías ás entradas ou facer capturas de pantallas, por exemplo. Dificultades sinxelas de resolver coa axuda da profesora nalgúns casos, e dos compañeiros noutros (debo agradecer neste sentido toda a axuda recibida por parte da nosa compañeira do grupo-clase Yolanda Freire). Do mesmo modo, subliñar o gran compañeirismo existente no noso grupo-clase, a comunidade que construímos na rede social cos nosos comentarios e coa complicidade que se deixaba entreveer nalgúns deles. Esta rede social é parte do meu PLE (Personal Learning Environment), e considero que dicir isto, é un feito moi representativo e significativo.

            Para concluír, sinalar que realmente “aprendín” con liberdade, con entusiasmo e con axuda naquilo que precisei. Sen dúbida, traballar na rede social do “Stellae” foi unha excelente metodoloxía para levar a cabo a materia “Tecnoloxía Educativa”, unha completa e pedagóxica materia.

 

Realmente a práctica do vídeo serviunos para algo?

Esta entrada será unha reflexión persoal sobre o vídeo que realizamos a miña compañeira (Silvia Serén) máis eu sobre como a tecnoloxía cambiou a nosa forma de aprender, de relacionarnos ou de solucionar problemas ó longo das nosas vidas debido a incorporación masiva da mesma.

            Primeiramente, indicar que o noso vídeo foi confeccionado no programa informático Movie Macker, no cal xa posuía unha experiencia expresa ó realizar máis vídeos ó longo da miña traxectoria académica e tamén persoal. Polo que posuía unha idea de como poderíamos encamiñar dito vídeo, porén, cos vídeos que nos proporcionou a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa” acerca de como crear un vídeo, as pautas polas que hai que guiarse, onde se escribe sobre o papel que música elixir, que imaxes, que texto vai aparecer no vídeo, que mensaxe desexamos que chegue ó espectador..., foi o intre no que se me abriu un mundo totalmente descoñecido para min, cando me dei conta que o que tivera facendo ata este ano eran vídeos si, pero carentes de formación específica para desenvolvelos correctamente, é dicir que máis me daba gravar a un neno en primeiro plano que alonxado? Que máis daba dende un plano superior ou inferior? Era unha linguaxe que afirmativamente, é lóxica, pero na que non me retera a pensar.

            Por outra banda, o feito de atopar un fío argumental que contestase á pregunta formulada pola profesora semellounos o máis complicado, xa que por un lado, respostar á cuestión era xa complicado, e por outro lado atopar o como reflectir a resposta no vídeo co mínimo de palabras posibles empregando só imaxes e música tamén nos pareceu unha tarefa ardua.

            Deste modo, case transcorreu unha semana na que botamos pensando sobre a resposta á cuestión: como mudou a miña forma de aprender, relacionarme e solucionar problemas coa tecnoloxía?

            Así, dar resposta a como a tecnoloxía influíu nas relacións que mantemos actualmente coas persoas en relación ó pasado foi sinxelo: a tecnoloxía impúxose de por medio nas relacións, xa non quedamos para conversar cos amigos, quedamos para conversar cos móbiles e algo cos amigos, por exemplo, dende o meu punto de vista.

            Do mesmo xeito, responder a de que maneira a tecnoloxía cambiou a nosa forma de solucionar problemas tamén a consideramos fácil de contestar: dende a miña óptica, somos menos abertos, no sentido de que se nos surxe calquera problema acudimos á web para ver que solucións existen, non llo comentamos a unha persoa dende o primeiro intre.

            E finalmente, contestar a como a tecnoloxía mudou a nosa forma de aprender resultounos un exercicio moi traballoso, con días de reflexión profunda sobre o tema. Deste modo, chegamos á solución: aprendemos movidos polo interese sobre algún aspecto, que fai que despleguemos a motivación suficiente para indagar máis sobre o tema e posteriormente nos quede retida esa información, aprehendéndoa e facéndoa nosa. É certo que aínda hoxe en día, cando ese interese polo tema en cuestión non existe seguimos empregando métodos de repetición e memorísticos do pasado, polo que a tecnoloxía non contribuíu a mudar esta situación. Pero, tamén observamos que a tecnoloxía fixo que a nosa personalidade se vise influída por esta, somos máis dependentes, menos reflexivos...patróns de conduta que modifican as formas de aprender, antes reflexionabamos, e a través desas reflexións establecíamos as unións axeitadas para entender, comprender e así, reter a información, aprender; hoxe en día buscamos as reflexións e escollemos a mellor, somos dependentes das tecnoloxías, para algunhas persoas pensar por si soas cústalles moito esforzo polo que se valen das tecnoloxías para superar este “mal trago”, volvéndose cómodos.

            Así, mediante o vídeo tentamos ensinar que películas, debuxos, programas...nos marcaron, crearon en nós uns valores e non outros, fomos construíndo unha conduta determinada grazas ás tecnoloxías que fixeron que teñamos unha interpretación da realidade e non outra, unha forma de aprender, de ollar diferente a dos demais.

            Unha vez concluído o vídeo, persoalmente, sentinme moi satisfeita e realizada, foron moitas horas de traballo para atopar o fío argumental do vídeo, así como a confección do mesmo. Neste momento só quedaba subilo e publicalo na páxina web de Vimeo. Pero non foi tan sinxelo, o vídeo seica era demasiado pequeno para poder subilo, feito polo cal estiven dende o xoves ata o sábado noite intentando procurar modos de poder publicalo: cambiei o arquivo a outros formatos, fixen unha conta na páxina web de Youtube para ver se aí por fin ía pero imposible, paseillo á miña compañeira polo e-mail pero non lle ía, preguntei a amigos, preguntei a un técnico informático que me comunicou que sería mellor que fixese de novo o vídeo, situación na que se me caeu o mundo encima logo de tanto traballo pasado para ó fin non conseguir nada. Desesperada púxenme en contacto coa profesora, que me tentou dar solucións que non serviron e que, finalmente tiven que acudir ó seu despacho para que me dese a mesma resposta que o técnico informático, xa que posiblemente o programa de Movie Macker estivese mal descargado feito polo cal ó subilo a web de Vimeo non se podía ver ningún tipo de imaxe, só escoitar a música.

            Volvendo producir de novo o devandito vídeo xunto coa miña compañeira non podía máis, e sen dúbida despleguei un rencor aínda máis profundo cara as tecnoloxías, aínda que son realista e non son estas as culpables do acontecido ou de outros feitos, senón que o problema radica na miña falta dunha formación clave en tecnoloxías, poder entender a linguaxe tecnolóxica para solucionar problemas desta índole.

            Considero que realizar este vídeo supuxo moito para os alumnos de Pedagoxía na materia de “Tecnoloxía Educativa”, xa que por unha vez reflexionamos sobre o aspecto da tecnoloxía (sendo o que trata a materia) na aprendizaxe dos alumnos (sendo un elemento da titulación en xeral), indagando e traballando en parellas para construír un vídeo resultante do emprego das novas tecnoloxías. Polo que desenvolvemos unha aprendizaxe con, para e nas TIC`s, unha aprendizaxe real froito do esforzo, traballo conxunto e diversión promovida polo mesmo vídeo. Aspectos polos que, na miña opinión, moitos dos meus compañeiros desexan volver repetir unha actividade coma esta. Aqueles que non o desexan, penso que son minoría e que, realmente non se esforzaron o suficiente para establecer as aprendizaxes precisas e así quedaren satisfeitos co traballo realizado, ou como foi o meu caso, houbo un sobreesforzo que non daba chegado á súa culminación. Porén, non cambiaría esta útil práctica por ningunha outra xa que me axudou a comprender moitos feitos relacionados coa tecnoloxía.

            Ademais, subir os vídeos a unha mesma páxina web fixo que apreciáramos o esforzo dos demais compañeiros, que observáramos de preto como traballan, e sobre todo que interpretación teñen das tecnoloxías que, dende o meu modo de ver, polo que puiden ollar non todos temos unha mesma idea de tecnoloxía e formas de aprender movidas pola mesma.

Sen máis, espero que o noso vídeo vos guste:

 

            Estas dúas entradas constitúen aquilo que me supuxo como experiencia práctica a realización do vídeo encomendado sobre “Como mudaron as tecnoloxías a nosa forma de aprender” e todo o que significou o cómputo total de horas, esforzos, indagacións e exploracións adicadas á rede social do Grupo de Investigación Stellae.

            As miñas primeiras entradas publicadas eran elaboradas en base ás miñas experiencias e o interese que me supoñía a sociedade en relación coa educación e a tecnoloxía, como se influían os uns ós outros. Pero co transcorrer do cuadrimestre e coas indicacións que nos ía proporcionando a profesora, comecei a reflexionar criticamente sobre aqueles aspectos que me interesaban, procurando máis información acerca dos temas pola rede. Así é como finalmente conformei o meu blog, tal como se pode verificar ó longo das entradas, arquivos e tweets que fun publicando.

            No que respecta ó tempo de traballo dedicado á materia e por conseguinte, ó entorno virtual do Stellae, debo apuntar que no comezo deste cuadrimestre esperei dúas semanas antes de subir entradas ó blog e, polo tanto, foron dúas sesións de clase expositivas e outras dúas interactivas que esperei antes de enfrontarme ó traballo na rede. Tardei estas dúas semanas en comezar, xa que aínda non tiña moi claro se se debía empezar xa ou non, pero comentado isto nunha clase, a profesora indicounos que xa deberíamos ter comezado na primeira semana. Considero que o problema radica, dende o meu punto de vista, en que nunca nos deixaron unha liberdade á hora de desenvolver os traballos ou tarefas, sempre se nos establecía unha data límite a principio de curso, polo que nos xa íamos tomando constancia do que supoñería ese traballo e o tempo que nos levaría realizalo. Porén, nesta materia non se nos determinou unha data límite, senón que, tiñamos que realizar unha labor constante e continua, con plena autonomía e liberdade.


                                                                image


            Deste modo, posteriormente a isto, fun traballando aquilo que comentabamos e que se explicaba na clase, de maneira individual ó longo de cada semana. Desta forma, un día desta semana no que remataba as entradas desenvoltas e reflexionadas subíaas á rede social do Stellae,  polo tanto vin elaborando cada semana sobre 2 entradas ó blog, cos seus conseguintes arquivos, tweets e engadindo do mesmo modo, de xeito gradual as miñas páxinas webs, revistas e xornais electrónicos, etc, ó apartado de favoritos.

            Aínda que as primeiras entradas foron elaboradas, como comentei anteriormente, a partires dos meus intereses, sen darme de conta estaba desenvolvendo un fío condutor claro, así podemos observar mediante algúns títulos dalgunhas entradas como sempre combinaba e tentaba dar resposta ó que acontecía no contexto da sociedade, da tecnoloxía e da educación, establecendo relacións relevantes entre os mesmos: A sociedade actual, ¿Cada día somos máis dependentes das tecnoloxías?, Diferenzas entre PLE e LMS, que plataforma ven sendo máis pedagóxica?, Experiencias metatextuais: integración das tecnoloxías nun centro educativo, Porque se tenta equiparar a vida real á vida virtual?, entre outras.

            Desta forma, desenvolvía reflexións persoais a partires das evidencias de información que atopaba na rede, construíndo entradas ó blog realmente significativas para a miña aprendizaxe. Estas evidencias que presentaba subíaas a arquivos, soendo ser documentos en PDF que desenvolvían e explicaban teoricamente aquelas temáticas que me cuestionaba e me chamaban a atención.

            Considero que ó longo das entradas e arquivos publicados na rede social do Grupo de Investigación Stellae non só traballei contidos propios da materia de “Tecnoloxía Educativa”, senón que, como é evidente ó interesarme pola educación, a tecnoloxía e a sociedade, materias como “Socioloxía da Educación” (influencia mediática dos medios de comunicación), “Antropoloxía da Educación” (heteroxeneización, culturas), “Didáctica” (recursos e materiais pedagóxicos), “Documentación e Información Educativa” (como procurar información na rede), “Psicoloxía Social da Educación” e “Psicoloxía do Desenvolvemento” (teorías da aprendizaxe), “Pedagoxía Social” (o valor da comunidade e a sociedade educadora), "Técnicas de Educación e Formación en Grupo" (comunicación), e neste cerre do e-portafolio a materia de “Avaliación de Programas” (autoavaliación), foron materias que integrei no meu e-portafolio a través de todo o que retín e interioricei dos seus contidos, profundizando en cada disciplina por medio das evidencias que ía atopando pola rede e acudindo a materiais entregados polos profesores dalgunhas destas materias sinaladas.


                                                                       image

 

            No que respecta á metacognición, a través de todo o comentado anteriormente, considero que desenvolvín as habilidades metacognitivas precisas ó vincular a información nova que obtiña mediante as sesións de clase e as propias indagacións pola rede coa que xa posuía de antemán. Tamén formei esquemas mentais para organizar a información que ía adquirindo, esquemas que reflicto mediante o presente e-portafolio, e como tamén expoñía no parágrafo anterior, fun asociando os novos contidos con outras áreas do coñecemento (véxanse as materias expostas), compoñendo e integrando reflexións de xeito global.

Neste senso, deixo un vídeo que clarifica bastante ben o que supón a metacognición: