C-1. Introdución

C-1. Introdución

Última actualización de en Sergio Rodriguez Diaz

As veces, tal como dicía o vello William, semella que todos somos meros actores e actrices. Mais se cadra, moitas veces, (non sempre) interpretámonos a nós mesmos. O hashtag #postureoStellae naceu durante unha tarde de estudo na Biblioteca Concepción Arenal (na cal me atopo agora mesmo escribindo estas liñas), durante a cal as bromas referentes a ese neoloxismo tan fermoso e tan descriptivo como é o de "postureo", leváronme a pensar que esta plataforma, a "Red Social del Grupo de Investigación Stellae" era realmente toda unha reserva natural do postureo. Un lugar único onde a maior parte de nós practicábamos este noble e vello arte.E así foi como surxiu o noso #postureoStellae, a raíz dunha tarde aburrida de estudo, na que calquera cousa me parecía divertidísima (a excepción dos apuntamentos, claro está).


Mais a cousa non quedou soamente aí, na mera broma ou caricatura da realidade desta plataforma, senón que a partir da creación deste hashtag, agromou en min unha nova visión respecto ao que era esta rede social, e como interactuabamos con ela e través dela. A través deste cartafol, tratarei de ir describindo, do particular (eu mesmo) ao xeral, a miña visión do traballo a través desta plataforma. Tratarei de ser explícito, claro e conciso, intentando sempre elaborar unha axeitada reflexión metacognitiva e contextual do que significou para min o traballo nesta plataforma, así como, dende o meu punto de vista, afectou ao conxunto da nosa clase. Non agarde o lector ou lectora unha abafante retaíla de tecnicismos a fin de demostrar gran erudición pedagóxica, pois o certo é que ese é un postureo que non me agradaría adoptar nestas últimas reflexións (o certo e que é un postureo que nunca me gustou adoptar). Véxase pois este cartafol como unha derradeira e sincera reflexión sobre o traballado a través desta canle. Nada máis ca iso.