G-1. #postureoPedagoxía

G-1. #postureoPedagoxía

Última actualización de en Sergio Rodriguez Diaz

Neste apartado non falarei de ningunha entrada, nin grupo de entradas, senón do que penso que supuxo para nós, como clase, o proceso de traballo no Stellae. Persoalmente penso que ao grupo ao principio lle custou, en xeral, adaptarse a un sistema de avaliación tan novidoso como este. Mais ao final, mal que ben, nos fumos adaptando. Un dos fenómenos máis interesantes que se deu a nivel grupal con respecto a esta plataforma, foi o que din en chamar o "postureoStellae". Como twiteei no seu día, o Stellae fixo que de súpeto a todos e todas nos interesara moitísimo todo o relacionado coa tecnoloxía. Nese sentido foi especialmente hilarante a aparición das contínuas citas de Ford e Einstein nos tweets da rede social. Ou as referencias ao importantísima que era a tecnoloxía na nosa vida, ou o moito que nos abrira os ollos a materia ou mil cousas máis. As veces semellaba que toda a nosa vida carecera de sentido ata o día en que descubrimos a materia! 

En relación a isto, coido que o que sucedeu foi que se trasladou un pouco a mecánica habitual das redes sociais, nas que se coida moito o dar unha imaxe positiva para cos demais. Isto, potenciado polo feito de que penso se interpretou que esa imaxe positiva daría como resultado unha mellor nota, fixo que os extremos acadados as veces foran realmente dantescos. O cal non deixou de ter a súa gracia. Isto non debe interpretarse, naturalmente, como algo negativo, senón como un feito natural, propio do contexto no que vivimos e do uso que lle damos habitualmente ás redes sociais.

Porén, coido que a aprendizaxe máis importante que fixemos como grupo foi o feito de que descubrimos que realmente existían outras formas alternativas de avaliación alé da tradicional de "papel e boli". Ademais, coido que esta rede social puxo de manifesto unha vez máis a nosa gran unión como grupo, establecendo numerosas interaccións uns cos outros, comentando, respondendo tweets, etc. É por iso que non quero rematar esta entrada sen facer constar o orgulloso e contento que me sinto respecto aos meus compañeiros e compañeiras, cos cales entre todos formamos un grupo extraordinario, grazas ao cal as veces nin tan sequera boto en falta á miña familia.