H-1. Conclusión

H-1. Conclusión

Última actualización de en Sergio Rodriguez Diaz

E que foi entón para min a materia de Tecnoloxía Educativa? Pois como xa comentei anteriormente, foi ante todo unha materia que me permitiu coñecer superficialmente algúns aspectos sobre o seu ámbito de coñecemento, sobre os que podo a partir de aqui profundizar un pouco máis, pola miña conta. Que ao fin e o cabo, dadas as circunstancias, non é pouco. Non podo dicir, sendo sincero, que fora a materia que máis me cambiara no meu camiño polo Grao, mais se cadra si que foi unha das que me deu cousas máis singulares, como por exemplo a visión sobre novos campos de actuación pedagóxica, ou mesmamente sobre o comportamento do noso grupo-clase nun ámbito como este no que agora mesmo estou a escribir.

 

Pero se tivera que sinalar un aspecto desta materia que me resultou realmente destacable, este sería sen dúbida o método de avaliación a través desta plataforma. Sinceramente, nunca antes tivéramos experimentado algo semellante, unha avaliación a través de algo tan cotiá para nós como unha rede social... nunca podería ter imaxinado tal cousa! Aínda así, recoñezo que dende un primeiro momento me custou adaptarme a esta forma de traballo. Dinlle mil voltas a cada texto que subía, con resultados, na maioría dos casos, recoñezo que mediocres. Dese xeito, non creo, sinceramente, que mereza unha gran nota nesta materia, polo menos atinxíndome ao que reflexa este cartafol. Lamento ter que ser tan sincero na miña autoavaliación, mais se os criterios de valoración do meu traballo, e do meu proceso de aprendizaxe, recaen sobre o meu traballo na rede Stellae, coido que este non é reflexo do que saquei en claro desta materia. Da nova apertura de horizontes de reflexión, competencias e contidos coa que saín unha vez rematado o periodo lectivo da mesma. Non souben adaptarme á organización libre do meu traballo... a organización aberta e autónoma (esa organización que tantas veces eu teño defendido en encarnizados debates, tanto na clase como en comisións ou Xuntas...) porén coido que en certo sentido experimentei un pequeno fracaso na materia. Moitas entradas e textos a medio comezar que nunca subín, outros que subín as presas soamente polo feito de que pensaba que "debía subir algo xa" atestiguan que as veces non o fixen todo o ben que debería.

Mais así e todo, coido que o meu paso pola materia foi moi positivo, xa que me axudou a completar moitos dos coñecementos que comecei a acadar noutras materias (por exemplo en relación a teorías da aprendizaxe), así como a abrirme a múltiples conceptos relacionados coa relación entre tecnoloxía e educación (formación en rede, PLE, MOOC...), ou permitirme achegarme a autores como Larry Cuban ou Jordi Adell (interesantísimo o seu twitter...). A nivel de aprendizaxe, podo dicir que realmente lle saquei partido á materia, aínda que este non se vese reflexado como me gustaría no traballo cotiá. 

Estas son pois as miñas últimas reflexións con respecto á materia. Agardo que foran de interese e que ilustraran un pouco o que foi o meu desenvolvemento como alumno e o meu discorrer a través desta asignatura.

 

Aínda que se cadra todo isto que escribo é mero postureo... quen sabe... se cadra todo é unha patraña para quedar ben (ou para quedar mal, por masoquismo)... En todo caso coido que é bastante entretida, así que si chegaches ata aquí (que supoño que si, porque a verdade e que escribir moito non é que escribira) soamente teño que dicirche, con sinceridade, gracias polo traballo realizado, e que si todo vai ben, nos vemos o próximo curso.

Unha forte aperta!