Navegación

No se han creado páginas aún

  • Páginas
  • Pablo
  • 7.1.- Coñecementos previos sobre os centros educativos

7.1.- Coñecementos previos sobre os centros educativos

Pode parecer estrano que me mergulle nos meus coñecementos previos sobre o concepto de “centro”, pero penso que a idea que se ten do mesmo non é igual para todos e todas, e en función de como o entendas, traslúcense outros conceptos máis amplos, como idea de infancia, idea de familia, idea da educación...

De forma moi básica podería definir un centro educativo, como aquel lugar onde se escolariza aos alumnos e alumnas para que adquiran os coñecementos establecidos por un currículo determinado, para o que contan con un profesorado que se encargará de guiar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

Existen moitos centros educativos con diferentes titularidades: privados, públicos e concertados. Estes centros (os privados e concertados principalmente) poden ser laicos, relixiosos, segregadores por razón de sexo,...

 

Para min un centro educativo ten que ser público, pois isto fai que a igualdade de oportunidades sexa común para todos e todas e non dependa do poder adquisitivo de cada familia. Non pode haber unha escola de ricos e outra de pobres. Igualmente a escola ten que ser laica, pois estamos nun estado aconfesional, polo que no meu ideal de centro educativo non ten cabida o adoutrinamento dende pequenos nunha única relixión, en todo caso, tería cabida unha asignatura na que se profundizase en aspectos históricos de diversas relixións, pero nunca unha única relixión.

 

Así mesmo, a escola ten que deixar de ser un muro infranqueable para as familias dos nenos e nenas, e converterse nunha ponte que estableza nexos de unión e camiños compartidos entre o profesorado e as familias, para establecer un traballo conxunto que beneficie a cada neno e nena. Igualmente debe ser un lugar de encontro social, no que se comparten experiencias entre todos os membros da comunidade educativa, por tanto, pásase dun rol pasivo da familia a un rol activo.

 

Por último resaltar que a escola ten que contar con un profesorado disposto a colaborar, a compartir, a observar e escoitar á infancia, a colaborar coas familias,... no que o traballo en equipo sexa unha realidade, e a actualización permanente lle axude a guiar aos nenos e nenas no seu desenvolvemento. E por último e máis importante, un centro educativo ten que ser un lugar pensado para o neno/a, tendo en conta as súas necesidades e especialmente as súas potencialidades.