Navegación

No se han creado páginas aún

8.3.1.- O traballo colaborativo

8.3.1.- O traballo colaborativo

Última actualización de en Pablo

Tal e como se apuntou anteriormente a cultura da colaboración é o modelo de cultura escolar máis óptimo, pois para conseguir unha verdadeira calidade educativa, é necesaria a implicación e participación de todos/as os membros da comunidade educativa. Esta participación é necesario fomentala, coidala e organizala, pois a aprendizaxe xérase a partir da interacción e relación cos outros que nos achegan coñecementos e puntos de vista que nos axudan a avanzar. No traballo conxunto de discusión e revisión do que facemos na escola, construímos un espazo de escoita activa e aprendizaxe.

Chegados a este punto, compre diferenciar entre:

  • Traballar en grupo exclusivamente, no que se reparten as tarefas a desenvolver entre as diferentes persoas, por tanto non existe un consenso entre todos e todas no contido a levar a cabo en cada parte, levándose a cabo, máis que un traballo colaborativo, un traballo grupal en paralelo.

  • Traballo colaborativo, é un traballo grupal onde se desenvolven diferentes roles que se relacionan, complementan e diferencian, de cara a persecución dunha meta común, que repercuta nun traballo final, que é o resultado do consenso grupal ao cal nunca se chegaría levando a cabo o traballo dunha maneira individual.

As características do traballo colaborativo son as seguintes:

  • Atópase baseado nunha forte relación de interdependencia dos diferentes membros que o conforman, de maneira que o alcance final das metas concerna a todos os membros.

  • Hai unha clara responsabilidade individual de cada membro do grupo para o alcance da meta final.

  • Existe unha interdependencia positiva entre os suxeitos.

  • A formación dos grupos no traballo colaborativo é heteroxénea en habilidade, características dos membros; en oposición, na aprendizaxe tradicional de grupos estes son máis homoxéneos.

  • Todos os membros teñen a súa parte de responsabilidade para a execución das accións no grupo.

  • A responsabilidade de cada membro do grupo é compartida.

  • Perséguese o logro de obxectivos a través da realización (individual e conxunta) de tarefas.

  • O traballo colaborativo esixe aos participantes: habilidades comunicativas, relacións simétricas e recíprocas e desexo de compartir a resolución de tarefas.

Tendo en conta todos estes aspectos, e centrándonos no asesoramento curricular, é necesario resaltar que o asesoramento tamén ten que ser colaborativo. Kurpius e Fuqua, citados por Isabel Solé (1998), advirten dos límites deste tipo de intervención, e sinalan que, “o asesoramento colaborativo salienta a responsabilidade compartida entre os distintos protagonistas da tarefa. Unha consecuencia destacable é que os consultantes teñen así a oportunidade de interiorizar a análise compartida, os plans elaborados, as condicións de implantación, poden aumentar a súa competencia e autonomía na resolución de problemas”

Por tanto, a comunicación e o diálogo, entre todos os membros da comunidade escolar son dous aspectos fundamentais para levar a cabo un asesoramento colaborativo, e isto situa ao asesor/a nu plantexamento do asesoramento máis dialéctico, no que hai que asumir un papel máis próximo a aula, aos alumnos/as, a súas familias e ao profesorado.

Moreno (1999) e Bolivar (2000) establecen unha serie de niveis de actuación por parte do asesor/a:

  • A dimensión institucional: na que o novo asesor/a promoverá un clima de colaboración e de comunidade de aprendizaxe a través da posta en marcha de dinámicas de traballo potencialmente formativas, tales como as accións que podemos relacionar con os documentos de centro e en especial co proxecto educativo. Todas elas, configuran unha boa oportunidade para ir autorrevisando, reconstruíndo e integrando o centro e para fomentar os procesos de deliberación, reflexión, discusión e consenso que nel se teñen que desenvolver.

  • A dimensión estratéxica: O novo asesor/a buscará a integración de voces, inquedanzas, esforzos e perspectivas ao redor de programas ou proxectos de traballo. O máis potente polas súas implicacións educativas e por toda a historia que o envolve no Plan de Acción Titorial. De feito, supón unha oportunidade privilexiada para entrar no complexo mundo do apoio aos procesos de ensino aprendizaxe, das relacións interpersoais e da confluencia de cuestións educativas entre centro, familias e contorno.

  • A interacción educativa na aula: O novo asesor/a deberá colaborar co profesorado para que este prevexa as axudas pedagóxicas pertinentes as leve a cabo de forma pertinente e as troque cando sexa preciso. Trátase dun proceso de capacitación ou empoderamento do profesorado baseado na análise da propia práctica docente, na investigación na aula e na reflexión compartida e consensuada en, e sobre a acción educativa. Por tanto, neste senso a función do asesor/a será a de apoiar ao profesorado, pero sempre tratando de sintonizar e fusionarse coa realidade e a educación que se defende a nivel de centro.

En definitiva, a educación en xeral, e o asesoramento en particular, ten que ser unha tarefa común e compartida, que todas as persoas que traballan nun centro educativo fan de maneira coordinada e coherente, axudando e colaborando na construción dun proxecto compartido de escola. Por esto, resulta fundamental vivenciar este traballo en equipo como unha necesidade no que: o intercambio de ideas; o contraste de opinións; a procura de solucións de mellora; a comunicación; a colaboración; a coordinación; a empatía; a escoita activa; a ilusión; o compromiso; ..., son pezas chaves para que esta forma de traballo sexa posible.