Navegación

No se han creado páginas aún

9.1.- A crise do sistema educativo

9.1.- A crise do sistema educativo

Última actualización de en Pablo

A escola é un espello da sociedade actual e reflicte claramente a crise, principalmente de valores, que se está a vivir neste país. E máis seguirá estando en crise coas políticas educativas propostas (ou executadas) polos sectores máis conservardores do poder. Tan só hai que ver os cambios efectuados na LOE polo goberno actual, co ministro de educación Wert na cabeza do mesmo, ou os comentarios que Esparanza Aguirre fixo recientemente sobre a separación por sexos nos centros.

O sistema educativo de hoxe en día está anticuado e necesita adaptarse ás necesidade das novas realidades. O centro educativo deixou de ser a primeira fonte de coñecemento para os/as alumnos/as, sendo moi poucas xa as "primicias" informativas que se reservan para a escola. O alumnado é bombardeado por distintas fontes, que chegan mesmo a producir unha saturación informativa; nin sequera deben buscar a información, é esta a que en formatos case sempre mais áxiles e atractivos que os escolares, búscaos a eles.


Como consecuencia, os/as alumnos/as cando van estudar Química, Física, Historia ou Inglés teñen xa coñecementos procedentes do cinema, as cancións que escoitan ou a televisión. Pero trátase de información deslavazada, fragmentaria e ás veces mesmo deformada. Por tanto, o que necesitan os/as alumnos/as da escola non é tanto máis información, senón, sobre todo, ser capaces de organizala e interpretala, de darlle sentido, e sobre todo, ser capaces de buscar, seleccionar e interpretar a información. Xa non se trata da transmisión de coñecementos e información, senón da capacidade de formación do pensamento e do desenvolvemento de actitudes e capacidades para actuar racionalmente.

 

O problema reside en que a escola está ancorada, e vaise adaptando con moita lentitude aos cambios que se producen na sociedade. Quizais a súa crise interna teña moito que ver con isto. En canto se trata de adaptarse a algo novo, probablemente xa hai algo aínda máis novo que fai que o anterior se volva insubstancial. Seguramente a política teña parte de culpa, pero non debemos externalizar o problema.


A escola chegou a un punto en que os coñecementos que ofrece non conseguen modificar os esquemas dos alumnos, en boa medida porque non atopan relación entre o que estudan nas aulas (cultura académica tradicional) e o que aprenden na súa vida cotiá. Para eles, os coñecementos escolares non son útiles, só os memorizan, só os aplican aos problemas expostos en clase, demasiado afastados dos problemas que se atopan na vida cotiá.



 O sistema educativo, e por tanto a escola ten que dar un xiro de 180 graos, e o seu obxectivo prioritario para formar aos cidadáns, debe ser, provocar a reconstrución do coñecemento que cada neno/a adquiríu de forma empírica, ocasional, desorganizada e frecuentemente de modo acrítico e inconsciente, nos intercambios coa natureza, a cultura, as institucións, as persoas,... e de modo moi singular cos medios de comunicación, ao longo da súa vida cotiá. Outra escola é posible, pelexemos por ela.